DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun programa formativo e unha exposición de creacións do alumnado no Museo de Pontevedra

Debut retorna en edición limitada

A situación sanitaria impide levar a cabo o habitual desfile

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 19/11/2020

A crise sanitaria xerada pola covid-19 fai imposible neste 2020 a habitual celebración de Debut, o desfile no que cada ano os novos egresados e egresadas de Esdemga presentan no Pazo da Cultura as coleccións que constitúen os seus traballos de fin de estudos. Pero, máis aló da propia pasarela, Debut é tamén, como salienta a directora da titulación, Lola Dopico, “unha semana de formación e de actividades, na que tendemos pontes entre o alumnado que remata os seus estudos e o ámbito profesional”. Con esa filosofía e coa “fundamental colaboración”, como salienta Dopico, do Museo de Pontevedra, o Concello e a Vicerreitoría do campus, Debut celebrará entre o luns 23 e o venres 27 unha nova edición. Esta abrangue un programa de actividades formativas para o alumnado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, un encontro virtual dos novos egresados e egresadas con empresas do sector e a apertura, o xoves 26, dunha exposición  no Sexto Edificio do Museo de proxectos levados a cabo polo alumnado, que leva por título Debut 2020. Edición Limitada.

“Desde o principio, desbotamos a posibilidade de facer o desfile, pero si buscabamos alternativas, porque entendíamos que había varias cousas que podíamos facer para seguir amosando o traballo que facemos nas aulas e seguir tendendo pontes coa cidadanía, que para nós é algo moi importante”, salienta Dopico dunha edición marcada pola obriga de “adaptarnos e reinventarnos”. 

Outras vías para proxectar as coleccións do alumnado

A exposición que poderá visitarse ata o 13 de decembro estará conformada por unha selección de proxectos realizados o pasado curso polo alumnado, no seu primeiro ano de formación do mestrado, o que contribuirá, un ano máis, a achegar a cidadanía aos “procesos de aprendizaxe” nesta titulación da Facultade de Belas Artes. A exposición leva por título Edición limitada, nun xogo de palabras que fai referencia tanto ás limitacións obrigadas polas circunstancias, como á obrigada adaptación fai desta edición “única”, en alusión ás coleccións cápsula que lanzan as firmas de moda durante un período limitado. 

A situación xerada pola covid-19, recoñece Dopico, motivou que se optase para esta exposición por traballos de primeiro curso e non polos proxectos de fin de estudos, “que son coleccións que o alumnado ten que presentar diante do tribunal”, dada a complexidade que suporía combinar a propia avaliación coa súa exposición. Non obstante, Debut mantén neste 2020 o seu obxectivo de dar visibilidade a estas coleccións finais, que nesta ocasión levarase a cabo a través dun vídeo, “no que contamos con imaxes das coleccións fotos, do proceso de elaboración e con pequenas entrevistas as e aos estudantes que rematan”, explica Dopico. O vídeo, que contou tamén coa “produción sonora en vivo” do grupo Fotogenia, que realizou unha composición ex profeso para esta peza audiovisual, difundirase a vindeira semana a través das redes sociais con ese obxectivo de “dar a coñecer os perfís” dos novos titulados e tituladas. 

Actividades formativas

Xunto a estas iniciativas, Debut desenvolverá un programa de actividades formativas, no que se combinan os talleres presenciais con outras propostas de carácter virtual, “o que tamén nos dá a posibilidade de contar con profesionais e especialistas que de xeito presencial sería máis complicado”, apunta Dopico. Este programa arrinca o luns coa primeira xornada dun workshop sobre moulage, a cargo de José Carlos Herrera, “un dos maiores especialistas nesta técnica”, que constitúe, sinala Dopico, “un recurso moi interesante para o alumnado”. Tamén o luns celebrarase a primeira sesión dun taller sobre ilustración de moda a cargo da investigadora e ilustradora Marta Riera.

Por outra banda, o martes 24 terá lugar o seminario online Introdución á base de datos de tendencias WGSN, a cargo de Ivonne Soteras; mentres que o xoves levarase a cabo un taller virtual de introdución ao retoque fotográfico para moda, a cargo de Mariana Maglio, CEO da empresa White Retouch e “unha das principais especialistas en retoque de imaxe, que traballa para as principais marcas do estado”. 

Ao igual que en anteriores edicións, Debut pecharase coas Xornadas Técnicas de RRHH, dirixidas a que os novos titulados e tituladas poidan manter as súas primeiras entrevistas con representantes de recursos humanos de diferentes empresas do sector. Unhas xornadas que, nesta ocasión, desenvolveranse tamén de xeito virtual, como salienta Dopico, que sinala o positivo de que, no actual contexto, diferentes empresas “se amosasen moi interesadas en coñecer os novos perfís que saen da escola”.