DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase do 25 ao 27 de novembro e o equipo gañador recibirá 1500 euros

Unha decena de equipos universitarios mediranse no I Torneo nacional de debate Retórica UVigo

O tema dos debates será a transición á enerxía verde na UE

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/11/2022

A case total ausencia no paranorama nacional dun torneo universitario na modalidade de debate académico impulsou á Asociación de debate universitario Retórica da Universidade de Vigo a promover a creación do I Torneo nacional de debate Retórica UVigo, que celebrará  entre os días 25 ao 27 de novembro no edificio Redeiras e na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial. No torneo, “o primeiro na modalidade de debate académico que se celebra en Galicia”, segundo confirmou hoxe Santiago Janeiro Catoira, organizador do evento e membro da Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo, enfrontaranse dez equipos, de sete universidades, que suman un total de 40 participantes.

Na presentación oficial do torneo, celebrada esta mañá no edificio Redeiras, Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregrabilidade da UVigo, agradeceu a implicación dos patrocinadores, en especial o Consello Social e a Xunta de Galicia, no torneo ao que invitou á cidadanía. “É aberto e é unha oportunidade de ver unha liga de debate en directo, dixo Caparrini, que gabou o traballo das e dos organizadores, alumnado da UVigo que integra a Asociación de debate universitario Retórica. “Coa carga lectiva que tedes é difícil que fagades cousas e non obstante, ides polos centros formando ao alumnado que quere participar nesta iniciativa”, sinalou a vicerreitora.

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, cualificou de “éxito” que o torneo se celebre en Vigo e incidiu na importancia de que a retórica e a oratoria formen parte da formación do alumnado. Neste sentido, a delegada lembrou que ela non tivo a oportunidade de recibir esta formación, que considera necesaria para exercer calquera profesión, como política, “pero tamén como avogada, porque hai que convencer ao xuíz”, dixo.

A transición enerxética na UE, tema de debate 

Os equipos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Baleares, Jaén, CEU Barcelona e CUNEF, tomarán parte na primeira edición do torneo, que entre estudantes, xuíces e organizadores superará o centenar de persoas implicadas. Se a transición á enerxía verde garantirá a autosuficiencia enerxética da UE é o tema sobre o debaterán os equipos formados por alumnado universitario, que se dividirá en dúas ligas de cinco equipos .Logo dunha fase eliminatoria de cuartos de final, celebraranse as semifinais e a final, que disputarán dous equipos. Os gañadores do torneo recibirán 1500 euros e un pase para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), que congrega os 16 mellores equipos universitarios de debate de España. O segundo equipo clasificado percibirá 500 euros e o mellor orador ou oradora do torneo será premiado cun dispositivo móbil.

“O torneo ten o aval da LEDU e por iso terá gran repercusión”, dixo Santiago Janeiro, que lembrou que a Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo proclamouse o ano pasado subcampión desta competición e campión do torneo LEDU STEM.  Aínda que varios dos integrantes da asociación que acadaron este títulos non participarán no I Torneo nacional de debate Retórica UVigo, Janeiro destacou as capacidade e posibilidades de éxito do equipo da Universidade de Vigo, “estamos dando paso ás novas xeracións, que veñen pisando forte. Temos un equipo excepcional”, dixo. O coordinador do torneo animou ás e aos vigueses a acudir a presenciar o evento, que cualificou de “experiencia moi bonita de ver. A xente apaixónase ao ver discutir con argumentos “, asegurou Janeiro.