En recoñecemento ao seu papel en iniciativas como eXXperimenta en Feminino
A Deputación de Ourense dedica este 8 de novembro ás mulleres investigadoras e científicas na figura da Julia Carballo
É profesora na Facultade de Ciencias do campus
Cada mes, o día 8, a Área de Igualdade da Deputación de Ourense activa a súa iniciativa 8M, mes a mes, que consiste en realizar un destacamento especial á muller e á súa importancia no mundo laboral poñendo en valor o seu labor durante todo ano en sectores tradicionalmente masculinizados. Neste mes de novembro, a iniciativa decidiu pór de relevo a importancia das mulleres na ciencia e a investigación, escollendo destacar a figura da profesora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Julia Carballo.
Tendo en conta esta elección, o lema seleccionado para a ocasión é Fermentando o feminismo, en relación ao poder dos microorganismos que realizan a fermentación, pois Julia Carballo é experta en microbioloxía. A homenaxeada é doutora en Farmacia e desde hai máis de 30 anos desenvolve o seu traballo investigador na Área de Microbioloxía da Universidade de Vigo e docencia na Facultade de Ciencias. Tamén participa no proxecto Micromundo no que, mediante a colaboración entre alumnado universitario e alumnado de Secundaria e Bacharelato, divúlgase a problemática da resistencia bacteriana aos antibióticos. Ademais, promove a inserción das mulleres no eido STEM a través do colectivo eXXperimenta en Feminino, do que é co-fundadora, e que anualmente organiza numerosas actividades divulgativas dirixidas a atraer as nenas ás titulacións científico-técnicas e visibilizar a muller na ciencia.