DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira actividade terá lugar o venres 27 de novembro

Dereito pon en marcha un ciclo de conferencias e mesas redondas sobre saídas profesionais

Isaías Basilio de Souza, embaixador do programa EU Careers na UVigo, falará sobre oportunidades no m

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 25/11/2020

Co obxectivo de fomentar a futura empregabilidade do seu alumnado, a Facultade de Dereito do campus de Ourense organiza cada curso académico unha serie de actividades de orientación laboral. Este curso, atendendo ás limitacións provocadas pola situación sanitaria, pon en marcha un ciclo de conferencias e mesas redondas sobre saídas profesionais. A primeira das sesións terá lugar este venres, día 27 de novembro, coa participación de Isaías Basilio de Souza, embaixador do programa EU Careers na UVigo, que falará ás persoas interesadas, a través do Campus Remoto da UVugio, sobre oportunidades no marco europeo.

O ciclo, explica Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, desenvolverase ao longo de todo o ano académico, sendo a sesión deste venres a única que terá lugar este cuadrimestre. Este curso 2020/2021, indica, o centro non celebrará a feira de emprego xurídico que viña organizando anualmente, e que pasa a ter un carácter bianual, pero igualmente a facultade quere seguir ofrecendo orientación laboral ao seu alumnado con iniciativas coma este ciclo. A idea é, apunta a decana, que o alumnado, especialmente o dos últimos cursos, poida coñecer diferentes opcións profesionais que ten unha vez rematados os seus estudos.

Primeira sesión

A primeira sesión deste ciclo terá lugar o venres 27 de novembro a través do Campus Remoto da UVigo e levará por título Xuntos con Europa: oportunidades laborais nas institucións europeas. A conferencia correrá a cargo do estudante de cuarto curso do Grao de Dereito do campus de Ourense Isaías Basilio de Souza, seleccionado este curso académico pola Unión Europea como estudante embaixador do programa EU Careers. O seu labor como representante na Universidade de Vigo deste programa é actuar como punto de contacto para as e os estudantes interesados en traballar para a Unión Europea, difundir información sobre as carreiras profesionais na UE e especialmente impartir conferencias dentro e fóra do campus de Ourense sobre as oportunidades laborais nas institucións europeas. No marco destas tarefas, durante a súa intervención falará ás persoas asistentes das das saídas profesionais que teñen no marco e comunitario e atenderá as dúbidas que poidan xurdir neste senso.