DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No The Thinking Institute, organizado polo catedrático e investigador do Cinbio Luis Liz-Marzán

Destacados expertos internacionais en nanomateriais reuniranse no campus para abrir novas liñas de investigación “alén das fronteiras do coñecemento”

Celebrarase os 4 e 5 de xullo en Ciencias Experimentais e a asistencia é de balde previa inscrición

Tags
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 17/06/2022

O regreso do catedrático de Química Física Luis Liz-Marzán á Universidade de Vigo para poñer en marcha un novo grupo de investigación no Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, comeza a deixar pegada na institución olívica. Da súa man, e en colaboración co Cinbio, os vindeiros días 4 e 5 de xullo celebrarase a primeira edición do The Thinking Institute, unha iniciativa que nace co obxectivo de converterse nunha cita anual para especialistas de todo o mundo na que discutir a ciencia cunha mente aberta, de modo que poidan xurdir novas liñas de investigación dunha contorna multidisciplinar.

Esta primeira edición centrarase, como explica Liz-Marzán, “no nanomateriais e a súa caracterización, de cara a descubrir novas propiedades, pero tamén a controlar a súa interacción con sistemas biolóxicos, como proteínas”. Serán en total dez poñentes “expertos de primeiro nivel en diversos aspectos da nanociencia, nanomedicina e nanoquímica”. As especialidades abarcan dende a preparación e caracterización de nanomateriais ata as súas aplicacións en rexeneración de espiña dorsal, deseño de antivirais, biomateriais para rexeneración de tecidos ou materiais ultrarresistentes, entre outras. Será un programa de presentacións científicas “interesante e diverso” semellante ao que podería ser un congreso ou simposio, pero que terá “un carácter máis provocativo do habitual” para abordar “temas de interese actual pero tamén para propoñer retos e posibles obxectivos a medio e longo prazo”. Ademais, o programa deixará tempo para “encontros máis distendidos nos que poidan xurdir ideas e incluso proxectos colaborativos”, engade o catedrático. 

Este seminario está especialmente orientado a investigadores e investigadoras que teñan unha “mínima inquietude” polo mundo dos nanomateriais e por aquelas disciplinas que poidan ter relación con eles, que segundo Liz-Marzán son “case calquera”. Neste sentido, o público obxectivo máis inmediato son os estudantes, postdocs e investigadores sénior do Cinbio, que terán a oportunidade de reunirse e discutir cos oradores invitados “para afondar no pensamento conxunto.” 

Volver a interactuar tras dous anos de pantallas

A idea de poñer en marcha esta iniciativa, explica Luis Liz-Marzán, xorde da relación científica e persoal que o une co profesor Nicholas Kotov, da Universidade de Michigan, que será o poñente inaugural do workshop e xa fora en 2010 profesor visitante na UVigo. “Durante unha visita súa no verán pasado, primeiro en San Sebastián e a continuación en Vigo, pensamos que tras dous longos anos de pandemia e reunións online, precisábamos xuntarnos con colegas cos que puidésemos falar de ciencia nun contexto relaxado para tentar identificar direccións que nos leven alén das fronteiras do coñecemento nos vindeiros anos”.

Para esta primeira cita de The thinking Institute arredor da preparación de nanomateriais e a súa caracterización, o catedrático da UVigo conseguiu reunir un panel de relatores “espléntido” composto polo propio Nicholas Kotov xunto con Catherine J.Murphy (University of Illinois); Maurizio Prato (CIC biomaGUNE e Universidade de Trieste); Mónica Olvera de la Cruz (Northwestern University); Joerg Lahann (University of Michigan); Francesco Stellacci (Ecole Polytechnique Fédérale de Lausanne); Michael Bedzyk (Northwestern University) e tamén os investigadores do Cinbio Verónica Salgueiriño, Miguel A. Correa e Lucas V. Besteiro, ademais do propio Liz-Marzán. 

O evento está aberto a “todos aqueles que teñan inquedanzas científicas, sexan próximos á nanociencia ou non” e dende a organización convidan a todas e todos “a achegarse e aproveitar a ocasión de escoitar a estes magníficos investigadores e poñentes”.

Vocación de continuidade

Este foro de pensamento e debate científico nace con vocación de continuidade, como recoñece o seu organizador, a quen lle gustaría que se convertese “nunha cita anual no principio do verán, no que vaiamos rotando os temas a tratar e os invitados. Penso que é unha maneira modesta pero efectiva de promocionar a Universidade, dar visibilidade ao Cinbio e atraer científicos de primeiro nivel cos que os investigadores poidan ter contacto directo”.

Para que esta idea se plasmase en realidade nesta primeira edición, Liz-Marzán agradece a colaboración “da dirección e administración do Cinbio polas facilidades ofrecidas na organización do evento e tamén da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia “polo financiamento que facilitará a realización do evento nas mellores condicións”. 

O seminario celebrarase no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais e, aínda que é de balde, é necesaria a inscrición, procedemento no que terá prioridade o persoal do Cinbio.