DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Arredor do parado’, que se insire no 30 aniversario de Belas Artes 

O detido e o cotián reúnen na Sala X dez artistas formados na facultade 

A mostra poderá contemplarse en visitas guiadas semanais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Estudantado
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 27/11/2020

“Esas cousas que están paradas, eses espazos marxinais, que non son tan visibles ou aos que non damos importancia, esas cousas cotiás que, aparentemente, sempre son iguais...”. Estas ideas do detido, do invisible e do cotián serven como nexo de unión, segundo explica a artista Iria Vázquez, entre as obras de dez creadores e creadoras formados na Facultade de Belas Artes que reúne a exposición Arredor do parado. Esta mostra colectiva, coa que a Sala X retoma a súa actividade, insírese na conmemoración do 30 aniversario da facultade e, con ese motivo, ten tamén como “obxectivo fundamental establecer un diálogo interxeracional”, traendo de novo a Belas Artes a egresados e egresadas de diferentes promocións, co propósito de amosar “a diversidade de traxectorias e vertentes profesionais dos distintos alumnos e alumnas”, como salientou Vázquez, comisaria da exposición e tamén ex-alumna da facultade.

Alberto Ardid, Iria Cortizo, Rosendo Cid, Sara García, Olmo Cuña, Rosa Neutro, Roi Fernández, Cillas Rodríguez, Berio Molina e a propia Iria Vázquez son as e os protagonistas dunha exposición que abriu o xoves as súas portas por primeira vez e que este venres celebraba a súa presentación. “A arte é agora máis necesaria que nunca”, salientou neste acto o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que incidiu na importancia “de conectar a facultade cos espazos de traballo”, traendo de volta á facultade a artistas formados no centro. A coordinadora da Sala X e desta exposición, Chelo Matesanz, engadiu que “sempre é un pracer recibir a xente da casa” e explicou que Arredor do parado é a primeira actividade dun ciclo aos que proxectan sumar nos próximos meses novas propostas expositivas, coloquios e outra serie de actividades. Dada a situación sanitaria, a exposición poderá contemplarse nas visitas guiadas que se organizarán os martes ás 12.30 horas, sendo necesario realizar unha reserva previa no correo sdfba@uvigo.es.

Do creador detido á parálise do espectador

Como “a diferencia de ángulo e de punto de vista” pode facer que, partindo deses elementos que semellan sempre iguais, “poida chegar a cambiar a nosa percepción da realidade” constitúe, como sinalou Vázquez, outro dos motivos centrais dunha exposición que reúne traballos pictóricos e escultóricos, fotografías e videoinstalacións. Pezas que, engadiu a comisaria, “parten de lugares próximos ou de lugares que foron invisibilizados ao longo da historia, como o lugar das mulleres no social” no caso das obras de Rosa Neutro. Mais, ao mesmo tempo, Arredor do parado buscaba tamén “pór en valor a creación artística como investigación”, como un proceso no que, sinalou Vázquez, “estar parado, deterse, é fundamental”. 

Así, en casos como o de Olmo Cuña foron as propias “obsesións”, o feito de “estar parado nunha idea e tratar de abordala desde todos os puntos posibles” as que serviron como punto de partida dunha peza que, no marco da súa liña de traballo con postais, está conformada por unha serie de postais de Vigo das que eliminou á imaxe. Deste xeito, explica, convértense “case que en ventás, nas que queda un oco cara o baleiro ou cara outro lugar”, e que articulan unha reflexión en torno “a esa idea publicitaria das cidades relacionada co turismo”. 

“Volver a un sitio co que tiñas un lazo moi afectivo xera sempre unha sensación estraña”, recoñecía Cuña. "Sempre fai ilusión volver a casa”, engadía Alberto Ardid, que lembraba que, na súa etapa de estudante, a Sala X fora o primeiro espazo no que exhibirá unha das súas creacións. Nesta ocasión, achega a este espazo unha videoinstalación que, baixo o lema de Obra interactiva. Non tocar, presenta un proxector dentro dunha vitrina que “interpela ao espectador lanzando mensaxes de socorro e pedíndolle que o desconecte”. Deste xeito, a obra propón unha reflexión que, explica, “máis aló do comportamento humano nos espazos expositivos, está ligada coa eutanasia”.

O cotián desde outra mirada

Outras pezas, como as de Rosendo Cid, toman como punto de partida o cotián. “Sempre traballo desde o moi próximo”, recoñece este artista, que neste caso empregou para obra marcada tamén por unha dimensión "lúdica", unha serie de obxectos cotiás “aos que non lle darías unha importancia como para monumentalizalos”. Elementos aos que “nunca se lle outorgou a potencialidade plástica que teñen”, como sería o caso dos manteis e tecidos nos bodegóns, son por outra bana o punto de partida da serie fotográfica que Vázquez exhibe por primeira vez nesta mostra. “A miña obra soe partir de obxectos que converto en paisaxes”, explica a artista, que nas súas creacións fai uso da tela como un material que, partindo do “valor do subxectivo”, permite pór de relevo “a infinidade de posibilidades que hai de mostrar o real”.