DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido por UVigo, USC, Poder Judicial de Perú e Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica

As diferentes vías para fomentar sistemas legais centrados no benestar das persoas centran un congreso con máis de mil inscritos

Desenvolverase de xeito virtual entre o 6 e o 8 de decembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 01/12/2021

Que tanto a lexislación e os procedementos legais como a súa aplicación estean orientados a acadar o maior benestar posible nas persoas que acoden ao sistema legal é o fundamento da xustiza terapéutica, eixo do congreso internacional que promoven, de xeito virtual, o grupo PS-1 da Universidade de Vigo, a Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica (AIJT) e o Poder Xudicial do Perú. Con máis de mil persoas inscritas a día de hoxe, o VI Congreso Iberoamericano de Justicia Terapéutica desenvolverase entre o vindeiro luns 6 e o mércores 8 de decembro, coa participación como relatores de expertos académicos e de representantes da xudicatura, a fiscalía e a avogacía tanto de España como de diferentes países de América Latina.

Dirixido a “compartir os avances e os aspectos nos que están traballando os académicos e profesionais vinculados coa xustiza terapéutica”, como sinala a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor da Universidade de Vigo e presidenta da AIJT, Francisca Fariña, este congreso aglutina no seu programa diferentes simposios, mesas de expertos, conferencias e presentacións de comunicacións, nas que intervirán máis dun centenar de relatores. Como apunta Fariña, a súa sexta edición ía ter lugar en novembro do pasado ano en Lima, coa colaboración do Poder Xudicial do Perú e do capítulo da AIJT neste país. Tras o seu adiamento, a situación provocada pola pandemia obrigou finalmente a desenvolver de xeito virtual un congreso que reunirá conferenciantes de México, Chile, Brasil, Ecuador, Arxentina, Puerto Rico, Colombia, Panamá e República Dominicana, ademais españois e peruanos. Dirixido principalmente, a profesionais e estudantes de Dereito, Criminoloxía ou Psicoloxía, así como a outra serie de axentes de diferentes áreas relacionadas coa xustiza, o congreso leva por título Avances de la justicia terapéutica en las ciencias jurídicas y el acceso a la justicia e será o primeiro que a AIJT leve a cabo de xeito virtual, aínda que, como apunta a súa presidenta, “coa idea de volver se é posible á modalidade presencial na seguinte edición”.

Múltiples ámbitos de análise

O congreso virtual abrirase o luns coas intervencións de Fariña, da presidenta do capítulo peruano da asociación, Jenny Junco, e do xuíz supremo e vicepresidente da Comisión Permanente de Acceso a la Justicia de Personas en Condición de Vulnerabilidad y Justicia en tu Comunidad do Poder Xudicial do Perú, Carlos Calderón. Neste primeiro día desenvolveranse tamén os dous simposios promovidos polo Poder Xudicial peruano e centrados “no acceso á xustiza terapéutica das poboacións vulnerables”. Tamén nesta primeira xornada terá lugar unha conferencia do presidente honorario da International Society of Therapeutic Jurisprudence e da AIJT, David B. Wexler, seguida dunha intervención na que Fariña fará balance dos dez anos de traxectoria da asociación iberoamericana.

Nas seguintes dúas xornadas, o congreso porá o foco “en temáticas relacionadas con diferentes ámbitos da xustiza, desde a perspectiva” dunha xustiza orientada ao benestar dos diferentes implicados. Así, o martes 7 dúas mesas de expertos porán en relación este paradigma cos conflitos coa lei dos adolescentes e coa violencia cara a infancia. Ao longo desta xornada terán lugar tamén, en diferentes salas virtuais, simposios sobre a súa aplicación en ámbitos como a xustiza penal, o dereito de familia e a violencia machista, así como na visión que teñen desta os “decisores” xudiciais e na súa aplicación nos sistemas xuvenís en diferentes países de América Latina. Por último, para o mércores están previstos outros catro simposios, que abordarán cuestións como a función do xuíz penal cun enfoque de xustiza terapéutica e a súa aplicación no ámbito de familia e nos casos de adolescentes en conflito coa lexislación penal.

Tan importante é a lei como a aplicación

Nese obxectivo de compartir procedementos e prácticas, o congreso porá o foco nos sistemas legais de países “con realidades diferentes”, como recoñece Fariña, incidindo nese senso en como en varios estados latinoamericanos “as poboacións orixinarias teñen tamén as súas propias leis, que funcionan de maneira paralela”. De calquera xeito, engade a docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “a maioría das leis comparten moitos dos principios”, ao que se suma o feito de que “para a xustiza terapéutica é tan importante a norma como o son os procedementos e a actuación dos operadores xurídicos, en especial de xuíces e avogados”. Neste último punto, incide a presidenta da AIJT, é precisamente “onde máis traballo temos que facer, un traballo común, xa non só en Iberoamérica, senón a nivel mundial”.