DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o venres, 30 empresas e 75 poñentes participan na primeira edición dixital das xornadas

As Digital JAI converten Vigo desde hoxe no epicentro das tecnoloxías e solucións para a automatización industrial 

O reitor avoga por aproveitar os fondos europeos para reindustrializar a comarca e ser máis competit

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Mª del Camen Echevarría DUVI 26/10/2020

Desde hoxe e ata o venres desenvolveranse as I Digital JAI, as Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial da Universidade de Vigo, coa participación de preto dunha trintena de empresas, 75 poñentes e máis de 40 horas de conferencias. Na súa primeira edición integramente dixital e a oitava da súa historia, as xornadas comezaron esta mañá tras un acto inaugural no que representantes dos ámbitos empresarial, académico e institucional incidiron na importancia da automatización e da dixitalización e na necesidade de aproveitar as oportunidades que a pandemia pode ofrecer para impulsar sectores produtivos máis competitivos e xeradores de máis emprego de calidade. 

En paralelo ás máis de 40 horas de sesións técnicas de media hora de duración, nas que os fabricantes poderán presentar as principais novidades nos seus desenvolvementos, en colaboración con AER Automation e ISA Sección Española, as Digital JAI acollen, como novidade nesta edición, catro mesas redondas nas que concorrerán destacados representantes da industria, tanto do ámbito da tecnoloxía industrial, como usuarios finais, que se centrarán en cuestións como a robótica, a automatización na industria da alimentación ou a ciberseguridade. Organizadas polo Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática; a Escola de Enxeñaría Industrial e a Universidade de Vigo, as I Xornadas Dixitais sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial contan entre os seus socios con Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch Rexroth, B&R, Delta, Endress+Hauser, Festo, HMS Networks, HP, IFM, Kepware (Logitek), KUKA Robots Ibérica y Lapp, OnRobot, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, SAS, Schneider Electric, Sick, Siemens, Universal Robots, WEG, Weidmüller, Yamaha e Yaskawa.

Aposta pola innovación, a dixitalizacion e a ecoloxía 

No acto inaugural das xornadas celebrado esta mañá, o reitor da Universidade de Vigo destacou a importancia de aproveitar o fondos europeos, en especial os Next Generation, para facer no contexto actual marcado pola covid “unha aposta pola innovación, a dixitalización e a ecoloxía”. Reigosa incidiu na disposición da UVigo para participar nun proceso, no que xunto ás empresa tractoras e centros tecnolóxicos “debemos aproveitar o impulso para reindustrializar a comarca e ser máis competitivos, para axudar que a vida dos cidadáns sexa mellor, con máis emprego e de máis calidade”, dixo o reitor. Pola súa banda, o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa, gabou, como o resto de participantes na inauguración, o traballo desenvolvido por José Ignacio Armesto, director das JAI, das que destacou o seu valor “para a formación avanzada de estudantes e capacitación profesional e excelencia, así como a súa utilidade para as empresas da contorna, que teñen un elevado grao de automatización, así como para as e os investigadores”.

Nunha inauguración, na que o sector da automoción gozou dunha ampla representación, o director del Clúster Ibérico e da planta de Zaragoza de Groupe PSA, Juan Antonio Muñoz Codina, destacou que nesta crise sanitaria que estamos a vivir “a capacidade de adaptación vai marcar a diferenza. Adaptarse con axilidade e determinación ou desaparecer, esa é a cuestión a resolver”, dixo Muñoz Codina, que lamentou o efecto que pandemia ten sobre o sector do automóbil. Non obstante, este contexto adverso, o director del Clúster Ibérico e da planta de Zaragoza de Groupe PSA confirmou que en Vigo e Zaragoza volveuse a volumes precovid, froito da estrita aplicación dun protocolo de medidas sanitarias reforzadas que se convertu nunha referencia na industria. No proceso de transformación no que nos atopamos, Muñoz Codina reclamou a participación da contorna e das institucións “para favorecer o avance cara á industria 4.0 e así converter as nosas plantas en plantas smart e Green Factories, como se di agora”. Pola súa banda, o director xeral de Denso Sistemas Térmicos e membro do padroado de Ceaga, Roberto Cavallo, destacou a capacidade de reacción da industria do sector da automoción nos últimos meses,” reforzándose o papel do motor da economía galega”. Cavallo asegurou que segundo as previsión de Ceaga, en 2020 a venda de vehículos apunta a un descenso do 20% respecto de 2019, aínda que cara a 2021 se agarda unha recuperación. “A previsión para o sector da automoción galego a medio prazo, con toda a prudencia, é positivo”, dixo.

Mentres, o director xeral do CTAG, Luis Moreno, sinalou á dixitalizacion e á transición dixital como elementos fundamentais na modernización do tecido produtivo. “Ese é o noso grande reto e tamén deberemos atraer novas actividades  e desenvolver novos mercados” dixo o director do CTAG, que reivindicou o papel dos centros tecnolóxicos para aproveitar o coñecemento desenvolvido.

Novas tecnoloxías “feitas con xeito”

O presidente de Asime, Justo Sierra, referíuse á automatización como a un dos maiores avances da historia da humanidade durante o século XX. "Big data, internet das cousas e para min a máis disrruptiva: a intelixencia artificial. Estas ferramentas están chamadas en todas as organizacións en maior ou menor medida a completar e modificar a automatización tradicional”, dixo Sierra, que apuntou, que máis que nunca, non se debe perder a estratexia e historia das organizacións, mantendo a cultura organizativa e o ADN. “Maís aló da vertente tecnolóxica está a vertente humana e temos que contar con ela en calquera proceso de automatización revolucionario como no que estamos. Non confundamos as ferramentas cos fins. Calquera tipo de implementación de ferramentas relacionada coa automatización con calquera nova tecnoloxía debe estar feita con xeito”, afirmou o presidente de Asime.

Pola súa banda o director de Aimen, Jesús Ángel Lago, lembrou o traballo que desde hai anos desenvolven na automatización e monitorización de procesos de fabricación en xeral.  

O papel das administracións

Pola súa banda, o director do Igape; o delegado da Zona Franca de Vigo e a concelleira a Área de I+D do Concello de Vigo, foron os encargados de achegar na inauguración a perspectiva das administracións. Así, Fernando Guldrís apelou a unir esforzos para enfrontar os retos da competitivide a globalización, destacando a importancia da colaboración entre empresas e administracións públicas e de foros como as Digital JAI “para que as empresas fagan chegar ás universidades as súas necesidades de formación e esforzos realizados na dixitalización e automatización de procesos". Pola súa banda, a concelleira Ana Mejías, destacou que a pandemia pon de relevo a importancia do local e “a necesidade  de tecer un ecosistema de valor na contorna próxima a través da conectivididade e da colaboración de axentes. É momento de ver na crise a grande oportunidade de transformar a contorna local cun impulso en sostenibilidade, innovación, progreso e cohesión social”, dixo Mejías.

Mentres, David Regades insistiu na importancia da loxística e da automatización industrial, pero “non para substituír as persoas, senón para liberalas de tarefas mecánicas. Hai quen fala de que estamos na idade de ouro da robótica e da automatización industrial e en Vigo diso sabemos moitos”, dixo o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo.