DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Juan Picos participou este mércores conferencia anual da rede ERIAFF 

O director da EE Forestal explora o potencial da dixitalización da industria da madeira nun foro de rexións europeas

Nun grupo de traballo que reúne a representantes de diferentes gobernos rexionais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 15/06/2022

Preto de 50 autoridades rexionais de 21 países forman parte da rede ERIAFF (European Regions for Innovation in Agriculture, Food and Forestry), que nestes días desenvolve a oitava edición da súa conferencia anual na cidade grega de Salónica. Entre as diferentes actividades inseridas neste foro figuran os encontros que levan a cabo os diferentes grupos de traballo que forman parte desta asocaición, como o da Rede Europea de Rexións Forestais, no que na mañá deste mércores interviña o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. Combinando a participación presencial e virtual de representantes de diferentes países, este foro tiña como obxecto afondar nas necesidades de innovación a nivel europeo en materia de política forestal e transición cara unha economía verde e os seus promotores convidaron ao investigador do campus pontevedrés a achegar unha “perspectiva científica” a este encontro, a través dunha presentación que centrou no potencial que a dixitalización podería ter para a industria da madeira.

“Que nun foro coma este consideren que temos algo que contar non deixa de ser un recoñecemento e é tamén un bo indicador de que na Universidade de Vigo e na nosa escola en particular estamos facendo cousas cunha ampla repercusión, aínda que sempre as enfoquemos localmente, desde o punto de vista do noso sector máis próximo”, salienta Picos, convidado a intervir neste foro europeo pola Junta de Castilla y León, unha das rexións fundadoras da ERIAFF. Alén da propia visibilidade para a EE Forestal, tomar parte deste grupo de traballo supón tamén, como sinala, unha toma de contacto con representantes de gobernos rexionais de diferentes puntos de Europa de cara “a potenciais colaboracións futuras, que pode axudarnos a ser socios dalgunha destas entidades á hora de presentar algún tipo de proxecto”.

O reto de “saltar un século de golpe”

Produción de madeira e dixitalización era o título da presentación que Picos realizou neste encontro e na que buscou trasladar “unha serie de retos ou preguntas” respecto do que a “innovación e a dixitalización” pode supor para o sector forestal. “A cantidade de valor engadido que vai xerar a dixitalización no sector forestal é superior en termos relativos á que vai xerar noutros sectores moito máis tecnolóxicos, paradoxalmente”, sostivo o director da EE Forestal, que lembrou nese senso que se ben a dixitalización é un proceso xa acometido por outras industrias, que só poderían “modernizala”, sectores como o forestal “non tiñan dixitalización algunha”, polo que acometer este proceso sería “como saltar un século de golpe e ese é o reto”, salientou. “A dixitalización significa poder sacar o máximo partido a todos os datos que se xeran na xestión forestal”, salientou Picos, que apuntou nese senso diferentes exemplos dos ámbitos no que podería incidir, desde a posibilidade de “mandar información en tempo real a unha fábrica” das características da madeira que se está cortando nese momento no monte a que “un consumidor vaia a unha tenda e saiba de que monte vén a madeira escaneando un código QR”.

Ademais da súa participación na conferencia da ERIAFF, Picos interveu tamén onte martes como relator na asemblea do Clúster da Biomasa de Galicia, na que presentou os traballos de desenvolvemento do inventario forestal continuo, que as universidades de Vigo e Santiago de Compostela levan a cabo coa Consellería do Medio Rural. Así mesmo, o director da EE Forestal participa a vindeira semana en Madrid nunha mesa de traballo sobre a cadea de valor da madeira no sector da construción, promovida pola Fundación Gómez-Pintado, así como nunha xornada sobre o papel da madeira nunha economía sostible, promovida por ING e a asociación europea Propopulus, que representa a produtores de chopo. “Para unha escola pequena como a nosa, que nos estean chamando para contar o que facemos en foros como estes non deixa de ser algo moi interesante desde o punto de vista de visibilización”, engade nese senso Picos.