DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha visita realizada este xoves pola tarde ao campus de Ourense

O director xeral de Turismo coñece o Campus Auga e o Curso de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 27/03/2026

Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, acompañado por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e Manuel Pardo, delegado territorial de la Xunta en Ourense, visitou este xoves pola tarde o campus de Ourense. Fíxoo para coñecer de primeira man o Campus Auga e as súas instalacións, e o Curso de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde. Na súa visita estiveron acompañados ademais polo equipo decanal da Facultade de Ciencias, onde se imparte esta formación. 

Entre as novidades académicas deste curso 2025/2026 no campus de Ourense estivo a posta en marcha na Facultade de Ciencias deste Curso de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde. A iniciativa é un título propio da UVigo ofertado a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente e realízase ao abeiro do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. Dirixido polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, a formación estrutúrase en módulos que abranguen dende os aspectos xeolóxicos e microbiolóxicos da auga ata a súa aplicación no tratamento de diversas patoloxías. O curso desenvolverase ata finais de xuño, constando de 20 créditos ECTS, con 136 horas de docencia presencial e virtual e 60 horas de prácticas en empresa.

Con 15 persoas inscritas, o obxectivo do curso é ofrecerlle ás persoas inscritas “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”. Para acadalo, ao longo das sesións, están a afondar no papel da auga na dinámica terrestre, a súa protección e valoración como recurso; na importancia da calidade microbiolóxica e química das augas e nas normativas aplicables a este recurso. O alumnado tamén se achega aos fundamentos da pel e aos factores que poden afectar a saúde cutánea e as indicacións das augas para as distintas patoloxías en función das súas características físico-químicas e as diferentes técnicas de aplicación. “Esta formación prepara a profesionais para traballar no ámbito da saúde e do benestar, potenciando o uso terapéutico e cosmético das augas termais”, sinalan desde a súa organización.