diversidade PO
Contribuír a facer das aulas espazos seguros en materia de diversidade sexual e de xénero é o obxectivo central da VIII Xornada de Formación Pinto e Maragota, que o Concello de Pontevedra promove coa colaboración da Universidade de Vigo e as asociacións Arelas e Avante. A Facultade de Belas Artes acollerá o sábado 24 de outubro un congreso con inscrición gratuíta, orientado principalmente a profesorado, aínda que aberto a toda a cidadanía, como explicaron na súa presentación a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, e a vicerreitora do campus, Marián Fernández. No seu programa reúnense un conxunto de relatorios dirixidos a afondar na educación sexoafectiva, na creación de espazos seguros na aula, na inclusión LGTBI+ no deporte ou nas redes sociais como espazos de inseguridade.
Na súa intervención, a vicerreitora salientou que a Universidade achega “soporte e apoio estrutural” a un evento que contribúe á formación das e dos profesionais do ensino, pondo e relevo que a UVigo é unha institución académica “que cre na diversidade, non de xeito transversal, senón como un foco fundamental que debe respectar nas súas aulas, investigación e transferencia”. Fernández Villarino recalcou que “crer na diversidade significa respectar a diferencia, e só así conseguiremos unha sociedade realmente igualitaria”. Neste punto, Gulías lembrou que o punto de partida desta xornada é a pregunta de “se a diversidade sexual e de xénero nas aulas é unha materia pendente, e cremos que segue séndoo”. Neste punto, a edil de Igualdade subliñou a importancia de “traballar para que as aulas volven ser espazos de coidado e de seguridade”, lembrando que “a diversidade é unha materia obrigada no currículo educativo”.
Oito conferencias e coloquios
Presentada como “unha xuntanza de voces diversas arredor da educación”, esta VIII Xornada Pinto e Maragota celebrará a súa inauguración ás 10.00 horas, coa participación de Gulías e da directora da Unidade de Diversidade da UVigo, Raquel Rey, tras a que se sucederán oito conferencia e coloquios no salón de actos de Belas Artes. O primeiro deles, correrá a cargo do docente da Universidad de Granada José Pablo Rodríguez, quen presentará o proxecto de intervención contra a homofobia en aulas rurais de secundaria Mariconízate! Deconstruír para construir en la educación sexoafectiva, recoñedico co premio Imparables de Investigación. A continuación, a avogada Silvia Fernández abordará a represión exercida polo Patronato de Protección á la Mujer contra as lesbianas durante o franquismo, mentres que a psicóloga Lorena Boquete falará da “importancia dos coidados nas aulas”, apuntou Gulías. O bloque matinal pecharase coa presentación de experiencias docentes desenvolvidas no CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis e no IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.
Pola tarde, a actividade continuará cun relatorio sobre inclusión LGTBI+ no deporte, a cargo da xornalista Bárbara Vilariño, e co encontro A asexualidade como lente para cuestionar a norma, no que Nee Barros, María Reimóndez e Violeta Meléndrez conversarán sobre o libro AS: O que a sexualidade revela sobre o desexo, a sociedade e o significado do sexo, de Angela Chen. A continuación, o biólogo e divulgador científico Ricardo Moure “amosaranos que a diversidade sexoafectiva tamén está na natureza”, mentres que psicólogo e creador de contido Ángel Currás, Oveyanejra, reflexionará na última conferencia sobre “como as redes sociais deben ser un espazo seguro para todas as persoas”.
