Nun proxecto de innovación docente, no que avaliaron os resultados de 471 estudantes
Docentes de Ciencias da Educación e do Deporte analizan como inflúe a asistencia ás clases prácticas no rendemento académico
Cada 10% de participación nestas clases mellora en 0,4 puntos a nota final
A implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) converteu nun requisito xeneralizado asistencia obrigatoria ás prácticas docentes, consideradas un elemento esencial para garantir a adquisición das competencias profesionais das diferentes titulacións universitarias. Partindo deste escenario, un equipo de docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega) buscaron coñecer a influencia que ten a asistencia a estas sesións prácticas no rendemento académico, nun estudo no que avaliaron os resultados acadados por 471 estudantes do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte en cinco materias. Os resultados desta análise confirman a asistencia como “un preditor significativo do rendemento”, xa que a cualificación final na materia increméntase en 0,42 puntos por cada 10% de asistencia do alumnado ás clases prácticas.
Desenvolvido ao abeiro da convocatoria de proxectos de innovación docente impulsada pola facultade o pasado ano, unha publicación recolle os resultados dun estudo que amosa “unha correspondencia clara entre niveis de asistencia e éxito académico”. Coordinado polo profesor Alexis Padrón, no proxecto participaron as e os docentes Carlos Lago, Ezequiel Rey, Rubén Maneiro, Rebeca Freire, Irene Crestar, Miguel Lorenzo, Ariadna Hernaiz e Marián Fernández e partiu da análise das cualificacións obtidas por estes 471 estudantes, o 76% homes, en cinco materias de formación básica, optativas e obrigatorias, no curso 2024/2025.
O proxecto, explica Padrón, vén motivado pola “necesidade de reflexionar sobre a práctica docente” e permitiu obter unha información que contribúe a “repensar a acción docente” e que, polo tanto, “mellora o noso desenvolvemento profesional e tamén repercute no alumnado”. Nese senso, o investigador principal deste estudo recoñece que o feito de que “cantas máis clases prácticas recibe o alumnado, mellor cualificación ten” formaba parte das hipóteses iniciais do estudo, o que confirma ao seu xuízo a importancia que ten na formación do estudantado “unha acción docente” orientada “directamente á implicación activa do alumnado”.
Asistencia, sexo e categoría do profesorado inflúen na nota
A análise realizada permitiu constatar en primeiro termo que o alumnado destas cinco materias asiste de xeito habitual ás sesións prácticas, o que fai as súas cualificacións veñan determinadas maioritariamente por un sistema de avaliación continua. No caso daqueles e aquelas que superan as materias na primeira convocatoria, a cualificación final media sitúase “preto do notable”, rexistrándose diferencias de “varios puntos” entre estudantes cunha alta ou baixa participación nas prácticas, xa que cada 10% de asistencia con respecto ao total de sesións obrigatorias supón unha mellora de 0,42 puntos na nota final. No referido á segunda convocatoria, no que a nota media diminúe no caso dos estudantes, pero mantense próxima ao notable no das alumnas, as cualificacións aumentan en 0,36 puntos por cada 10% de participación nas sesións prácticas.
Alén da asistencia, este estudo sinala tamén a influencia doutras variables nas cualificacións do alumnado, como a categoría profesional do profesorado. Nomeadamente, as notas obtidas na primeira convocatoria en materias impartidas por profesorado asociado son, de media, 0,79 puntos superiores ás impartidas por axudantes doutores, que á súa vez outorgan 0,5 puntos de media máis ao seu alumnado que as e os profesores titulares. Neste punto, o equipo investigador sinala como “posible explicación” desta diferencia, que non se detecta na segunda convocatoria, “que o profesorado asociado pode deseñar actividades máis aplicadas ou máis conectadas coa realidade profesional do alumnado, favorecendo unha aprendizaxe máis significativa”.
“O impacto da asistencia é considerable, o que suxire que fomentar a presenza habitual ás clases prácticas pode xerar beneficios académicos reais”, conclúen as e os responsables deste estudo, que inciden, non obstante, en que a súa efectividade depende tamén “da calidade e relevancia das prácticas”. Nese senso, Padrón Cabo vincula este proxecto de innovación á necesidade dunha “posta en común sobre as problemáticas e necesidades ás que nos enfrontamos diariamente”, que permita “responder de maneira fiable aos retos que temos na formación do alumnado”. De feito, boa parte do equipo responsable deste proxecto analizara previamente, noutro proxecto de innovación da facultade, os factores que poden influír na obtención dunha maior ou menor cualificación nos traballos fin de grao.
