DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas organizadas desde a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación

Docentes e investigadores póñense ao día sobre as oportunidades de financiamento europeo para 2023 en educación e innovación

A Comisión Europea lanzou esta semana a nova convocatoria Erasmus+, dotada con 4200 millóns de euros

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 24/11/2022

Pórse ao día sobre as múltiples oportunidades de financiamento europeo que traerá consigo o 2023 nos eidos da educación e da innovación. Con este obxectivo arredor dunha trintena de docentes e investigadores dos tres campus participan este xoves e venres nunhas xornadas informativas virtuais coas que a Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación busca dar a coñecer entre o PDI toda a oferta de convocatorias europeas no eido da educación e a innovación que estarán abertas o vindeiro ano, especialmente no marco Erasmus+, un programa que non só se refire a mobilidade de estudantes e persoal, senón que, tal e como se explicou nas xornadas, inclúe múltiples accións de financiamento para as que a Comisión Europea dedicará o vindeiro ano 4200 millóns de euros, tal e como se fixo público esta mesma semana.

A vicerreitora Belén Rubio foi a encargada de darlle a benvida aos participantes, ocasión que aproveitou para animar a todo o PDI a presentar propostas. Nesta liña, Rubiu destacou que coa organización deste tipo de actividades búscase “facilitar a participación do persoal da UVigo neste tipo de proxecto” e, tamén, adiantar, na medida do posible, as características das diferentes convocatorias, de maneira que as persoas interesadas poidan preparar con tempo as súas propostas, buscar socios, etc, pois tan pronto como se publiquen as novas datas de presentación de solicitudes os prazos adoitan ser curtos –“arredor de dúas semanas”- e este tipo de proxectos requiren de tempo de preparación -deseño dos paquetes de traballo, elaboración do orzamento, etc.- cos socios involucrados.

Na procura de proxectos que axuden á transformación ecolóxica e dixital da UE e a escala internacional

Tras a benvida oficial da vicerreitora, foi a directora da Área de Proxetos Internacionais de Educación, Eva Garea, a que se meteu de cheo na explicación detallada de cada unha das convocatorias. Entre outros, resaltou os proxectos  Erasmus+ Teacher academies que teñen como obxectivo crear asociacións europeas de educación e formación do profesorado para establecer academias de docentes Erasmus+ que incorporen unha perspectiva europea e internacional e que contribúan á formación do profesorado. 

Papel destacado tiveron tamén os denominados proxectos “con visión de futuro”, iniciativas a gran escala que, segundo relatou, aspiran a determinar, desenvolver, pór a proba e avaliar enfoques innovadores con potencial para xeneralizarse, mellorando así os sistemas educativos e de formación. Segundo explicou Garea, o lote 1 desta convocatoria financiará propostas que apoien unha educación dixital inclusiva e de alta calidade, en consonancia co Plan de Acción de Educación Dixital. Neste eido, a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación salientou que desde a Comisión se buscan proxectos que abran camiño cara a consecución desa educación e formación dixitais inclusivas e de alta calidade, así como proxectos que vaian dirixidos a facilitar a adaptación dos diferentes sistemas educativos á transición ecolóxica, que desenvolvan as capacidades e competencias dos aprendices e dos educadores en materia de sustentabilidade, que capaciten á cidadanía para que actúen a favor do medio ambiente e o cambio climático, -no contexto da nova Coalición de Educación polo Clima-.

Por outra banda Garea explicou que desde Europa tamén se continuará fomentando a participación en proxectos Jean Monnet (módulos, cátedras, centros de excelencia e accións cos centros escolares), as accións Erasmus Mundus de medidas de deseño de mestrados conxuntos e os proxectos CBHE de desenvolvemento de capacidades, “onde a UVigo acadou unha moi elevada participación en anteriores edicións”, así como, desde 2022, os proxectos de desenvolvemento de capacidades no ámbito da educación e da formación profesional.

22 exemplos de proxectos educativos UVigo financiados por Europa

Unha vez presentadas todas as posibles opcións de financiamento, o segundo día das xornadas, mañá venres, reservarase para difundir, da man dos seus coordinadores e coordinadoras, distintos exemplos de proxectos europeos educativos en vigor na Universidade de Vigo, xestionados pola Oficina de Proxectos Internacionais. “ Presentaranse en total 22 exemplos de boas prácticas da man do noso 'pool' de profesores/expertos UVigo en financiamento europeo de proxectos educativos e de innovación”, recalcou Garea.