DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo de cine documental prosegue a súa programación con seis novas citas ata xuño

‘Docs del Mes’ continúa promovendo unha reflexión sobre diferentes problemáticas sociais

O vindeiro luns proxectarse o filme ‘Arica’ na sede da Vicerreitoría

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/01/2022

Das consecuencias dos vertidos tóxicos, á presión social ligada aos canons estéticos, pasando polo que implica un proceso de transición de xénero. Estas son algunhas das temáticas que centran as próximas proxeccións incluídas na programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve de xeito paralelo en preto de 70 de cidades de toda España e que a Vicerreitoría do campus impulsa desde 2018 en Pontevedra. Coa proxección de Arica, un documental que afonda nas consecuencias que tivo un vertido ilegal de residuos tóxicos nunha localidade chilena, o ciclo abre o vindeiro luns, na sede a Vicerreitoría, o seu programa de proxeccións para este 2022, que continuará con outras cinco sesións máis ata o mes de xuño, todas elas con entrada libre ata completar aforo.

“O ciclo permítenos achegarnos, a través do xénero documental, a cuestión problemáticas que moitas veces non teñen suficientes espazos públicos para ser abordadas e visibilizadas”, salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo. Con esa idea, a sede da Vicerreitoría acolle o vindeiro luns ás 20.00 horas a proxección de Arica, un documental no que Lard Edman e William Johansson fan balance de 15 anos de investigación sobre o vertido ilegal de residuos tóxicos realizado por unha multinacional norueguesa na cidade chilena de Arica e os efectos que tivo nas vidas da súa poboación. 

O retrato autobiográfico dun proceso de transición de xénero

Tamén ás 20.00 horas, a Vicerreitoría acollerá o 21 de febreiro a proxección do filme brasileiro En el umbral, no que a directora Coraci Ruiz aborda desde un punto de vista autobiográfico a transición de xénero do seu fillo adolescente Noah, a través das entrevistas que lle realizou ao longo de tres anos. Xa en marzo, o luns 21 poderá verse Curvy Crew, un filme da cineasta e videoartista Ida Joglar, que a produtora responsable deste ciclo presenta como “un documental que rompe cos estereotipos e pon ante o espello a presión social e o reto da autoaceptación que sofren as persoas cun corpo non normativo”, neste caso a través das entrevistas a un grupo de mulleres con sobrepeso que se enfrontaron ao reto de subir o Kilimanjaro.

Coas súas sesións previstas para os terceiros luns de cada mes, a programación de Docs del Mes continuará o 18 de abril, o 23 de maio e o 20 de xuño, con tres novas proxeccións aínda por concretar.