DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na quinta edición do encontro que o CLAG promove coas tres universidades galegas

Un documental nacido como TFG, premiado polo Clúster Audiovisual Galego 

Titulados e tituladas presentaron os seus proxectos a representantes da industria

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/12/2021

Un total de 13 proxectos audiovisuais, desenvolvidos como traballos de fin grao (TFG) por estudantes das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela protagonizaron a quinta edición do Pitching TFG, que o Clúster Audiovisual Galego organiza coa colaboración das tres universidades galegas. Dirixido a pór en valor o novo talento no audiovisual galego e conectalo coa industria, este foro permitiu aos novos titulados e tituladas “testar os seus traballos con empresas socias do clúster”, como informou este luns o CLAG. Os proxectos participantes neste encontro optaban ademais a un premio consistente nun bono de servizos de empresas do clúster por un valor de 1000 euros, que foi outorgado a Carracedo, un documental realizado polo egresado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Manuel Lucas Mariño e centrado na figura do artesán Sito Carracedo e o seu labor na preservación da música e os instrumentos tradicionais galegos.

Segundo informou o CLAG, o foro desenvolveuse o pasado venres no Centro Obra Social Abanca en Santiago e contou co apoio do Igape e a colaboración da Secretaría Xreal de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Coa “posta en valor do novo talento audiovisual e a súa conexión co tecido empresarial galego” como principal obxectivo, este encontro permitiu aos novos titulados e tituladas presentar e coñecer as valoracións dos diferentes profesionais participantes sobre os seus traballos. Tratábase, como sinalou o clúster, de proxectos “en diferentes fases de desenvolvemento” e centrados en diferentes formatos audiovisuais, que abranguían desde as curtametraxes, documentais ou videoclips, ata videoxogos e aplicacións. 

Premio para un traballo centrado no patrimonio cultural galego

Esta quinta edición do Pitching TFG completouse coa entrega dun premio ao mellor traballo en lingua galega ou centrado en aspectos relacionados coa cultura galega, recoñecemento outorgado a Carracedo. Dirixido a pór en valor a figura do artesán Sito Carracedo e o seu traballo a prol da recuperación do patrimonio cultural galego, este traballo parte das propias vivencias do seu autor Manuel Lucas, que, como explica no texto de presentación da peza, coñece desde cativo ao protagonista deste documental que, sinala, “xunto cos meus pais, tutelou as miñas inquedanzas e espertou numerosas motivacións e preguntas”.

Como explicou o CLAG, o premio que as empresas participantes na xornada decidiron outorgar a este TFG consiste nun bono de servizos de empresas do clúster, que permitirán a Mariño “ter acceso a servizos cos que poida abordar algún proceso de preparación para a venda, produción, iluminación, posprodución ou son do seu proxecto”. 

Un contacto directo co sector

Coordinador de TFG do Grao en Comunicación Audiovisual, o profesor Fortunato Rodríguez foi o encargado de seleccionar os cinco TFG que inicialmente ían representar á UVigo neste encontro coa industria, aínda que finalmente, por motivos laborais e familiares, só puideron presentarse tres. Nese senso, Rodríguez explica que buscou con esta escolla “calidade”, pero tamén “variedade”, de tal xeito que da selección formasen parte proxectos de diversa índole, dado que, sinalou, “cada vez hai máis traballos relacionados coas novas tecnoloxías audiovisuais, como videoxogos, apps ou traballos interactivos.

Así, xunto a Carracedo, os socios do CLAG puideron tamén coñecer Voces ocultas, unha curtametraxe realizada por Andrea Varela, Miriam Álvarez, Ana Arguelles e Sohpie González. Dirixida por Varela, que foi tamén a encargada de presentala neste encontro, trátase dunha curta de ficción que, explican, “reflexiona, a base de metáforas, sobre a relación entre dous seres humanos e as súas respectiva soidades”. Tamén se presentou neste encontro o proxecto de deseño e desenvolvemento do videoxogo Avalon, de Joél Gómez, un traballo centrado nun xogo de rol ambientado nun mundo fantástico “poboado por anxos e demos”. Por outra banda, aínda que finalmente non puideron participar neste pitching, tamén foran seleccionados o proxecto de animación para cativos Lana, realizado por Marta García, e o documental A voz dos mudos, de Iago Rodríguez. 

Jorge Algora e Susana Maceiras, de Adivina Producciones; Jesús Vecino, de Filmax; Lucía Caramelo, de Zenit Televisión; Roberto Alvite, de Melgo Cinema, e Montse  Besada, da TVG, foron os representantes da industria participantes nun encontro no que cada titulado dispuxo de oito minutos para presentar o seu traballo e que se completou cun speed dating, no que as e os egresados puideron compartir impresións cos representantes das diferentes empresas.