don celso
Foi un home “esencialmente bo”, “agarimoso”, “cheo de valores” e así será lembrado para sempre na Universidade de Vigo, “onde deixou unha fonda pegada”. Falamos do catedrático de Filoloxía Latina Celso Rodríguez Fernández, don Celso, recoñecido filólogo e teólogo, falecido o 10 xuño de 2021, pero que para sempre será recordado na actual Facultade de Filoloxía e Tradución, onde exerceu maxisterio durante máis de corenta anos e onde este venres se instalou un busto na súa memoria. Foi unha homenaxe “sinxela” e “chea de emoción”, no que se reuniron familiares, compañeiros, ex-alumnos e alumnas, amizades..., xunto ao decano do centro, José Montero, que exerceu como anfitrión; o reitor, Manuel Reigosa, e o autor do busto, Antonio Manuel Rodríguez González.
O primeiro en intervir foi, precisamente, a persoa responsable da doazón, Antonio Manuel Rodríguez, quen exercera durante anos como conserxe neste centro, o que lle deu a oportunidade de coñecer a don Celso e establecer con el fondos lazos de amizade e, sobre todo, desenvolver cara el unha fonda admiración. “Don Celso era unha persoa moi sinxela, moi simple, moi humilde, comprometido coa facultade e coa Universidade en xeral”, explicou o autor do busto, quen lembrou como a don Celso o que máis lle gustaba era “que todo saíse ben” e como puña sempre todo o seu empeño para que iso fose así. “Con este busto agardo ter representado a alma de todo o que el significaba”, subliñou emocionado.
En madeira de carballo americano dunha árbore do propio campus
O busto, realizado en madeira de carballo americano dunha árbore do propio campus, colouse na sala de xuntas do centro, “auténtica sala de máquinas da facultade”, tal e como explicou o decano, ao tempo que lembrou que don Celso desempeñou a súa docencia ininterrompidamente nestas aulas, primeiro como docente da Universidade de Santiago de Compostela, e despois na de Vigo, a partir de 1990. “Non fai falla que lembre que foi un dos nosos primeiros decanos”, subliñou Montero, quen subliñou que toda a súa traxectoria foi recollida no libro Prostremum Munus, ‘o último agasallo’, editado en 2023 polo Servizo de Publicacións da UVigo, editado polos docentes Francisco J. Ledo Lemos, Helena Cortés Gabaudán e Fernando Romo Feito, xa xubilado, pero que tamén quixo achegarse este venres á facultade.
“De don Celso só podemos lembrar tolerancia, sorriso e bondades”, recalcou Montero, facendo fincapé en que “en todo momento serviu xenerosamente á Universidade, que tanto amaba”. Destacou, así mesmo, a súa sensibilidade para o relixioso e para a lingua latina, “verdadeiramente patria espiritual de don Celso”.
“Con este busto lembraremos a don Celso para sempre”
Especialmente emocionado interveu Abel Rodríguez, irmá do homenaxeado. “Non teño máis que agradecer todas as palabras de agarimo que estou a escoitar sobre o meu irmán”, recalcou, agradecéndolle especialmente o seu labor a Antonio Manuel Rodríguez, “que foi quen tivo a iniciativa de realizar o busto”, así como ao decano, responsable de toda a xestión administrativa da doazón. “Estou seguro de que vai contribuír a que súa figura sexa inesquecible”, apuntou o irmá, quen bromeou co feito de que todo o mundo o coñecía como “don Celso, como se tivese dous nomes”.
O reitor, Manuel Reigosa, foi o encargado de pechar o acto. Emocionado tamén, lembrou que don Celso “era unha persoa moi especial que se facía querer e que deixou na UVigo unha pegada moi fonda”. Nesta liña, aproveitou para recoñecer o labor de todas as persoas que formaron parte do Colexio Universitario de Vigo, o xermolo da institución académica viguesa. “Non nos podemos esquecer de todo o bo que fixeron, que fixemos entre todos os que formamos parte desta comunidade inicial que creou a Universidade de Vigo”, recalcou o reitor. “Con este busto lembraremos a don Celso para sempre”, rematou o reitor, quen tamén admitiu que a comunidade universitaria bótao en falla.
