DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores internacionais participan hoxe e mañá no congreso '(Des)escribindo a fronteira' 

Dous días de reflexións teóricas e críticas arredor dos conceptos de fronteira e liminalidade 

En Vigo e Santiago, organizado polos grupos Elicin e Discurso e Identidade 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 13/01/2022

Investigadoras e investigadores internacionais participarán ata mañá no congreso (Des)escribindo a frontera: identidades liminais humanas e non humanas que se celebra nas facultades de Filoloxía das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Durante os dous días que dura o encontro, hoxe no campus de Vigo e mañá no de Santiago, abordaranse en preto de corenta comunicacións cuestións que xiran arredor dos conceptos de fronteira e liminalidade, como son as diásporas actuais, a humanidade ambiental, a indiferenza humana/animal, fronteiras permeables, migración e violencia, retorno e reenmigración, natureza humana e non humana e narrativas transculturais.

“Sumar os intereses de dous grupos de investigación que estruturan as súas reflexións teóricas e críticas en torno aos conceptos de fronteira e liminalidade”, é en palabras da docente e directora do grupo de investigación Elicin (Estudios Literarios y Culturales en Lengua Española) da UVigo, Carmen Luna, o obxectivo deste encontro, nado por iniciativa de Elicin, “que leva anos promovendo publicacións e congresos sobe a análise dos discursos migrantes e transculturais, así como sobre migración e violencia, e do grupo Discurso e Identidade da USC, que traballa sobre aspectos teóricos e prácticos relacionados con liminalidade e animalidade”, explica Luna. A esta finalidade, o congreso suma outro obxectivo: o de abrir un campo de discusión onde investigadoras e investigadores interesados nos temas que se abordan formulen novas abordaxes teóricas ante discursos artísticos que reflicten, usando termo do sociólogo Zygmunt Bauman, unha “modernidade líquida” e globalizada. “Por este motivo propoñemos cuestionar nocións estáticas relacionadas con estes conceptos para reflexionar sobre a forma en que a literatura, o cinema ou as artes escénicas, entre outras manifestacións artísticas, representan as migracións a través de tropos relacionados coa identidade, liminalidade, espazo, movemento, así como a fronteira entre o humano e o non humano”, detalla a investigadora Carmen Luna.

Na inauguración do congreso, a docente e investigadora da USC María Alonso agradeceu a Carmen Luna “ser como un pegamento de todo comité organizador”, que engloba grupos e proxectos de investigación das tras universidades galegas. Alonso lembrou que o congreso parte do proxecto de investigación Narrativas das novas diásporas, “pero queríamos ir máis aló e reflexionar e facer como unha ponte entre as fronteiras xeográficas, tanxibles, e as intanxible, as conceptuais, entre o humano e o non humano”. Pola súa banda, o decano da Facultade de Filoloxía Tradución, José Montero Reguera, manifestou a súa ledicia por inaugurar un congreso organizado por tres alumnas do centro, ao tempo que manifestou o seu desexo de que as xornadas “sexan moi proveitosas e un punto de encontro que abra pontes para outras investigacións que permitan amosar o pulo do traballo que se fai neste ámbito”.

Propostas que rompen coa idea estática de fronteira académica

Logo da presentación do libro La violencia en el continente americano desde el Río Bravo a Las Malvinas ¿Una semilla lantente?, do que son autoras Carmen Luna e Gabriela Rivera, o congreso comezou coa celebración dunha mesa redonda titulada Editores gallegos en América Latina, á que seguiron as intervencións de investigadores e investigadoras, que se prolongaron durante toda a xornada de mañá, que rematou coa presentación do volume A Different Eden de Keith Payne, Martín Veiga e Lorna Shaughnessy. O congreso, que continúa esta tarde cun programa totalmente virtual, finalizará mañá venres con sesión presenciais en horario de mañá e tarde na Facultade de Filoloxía da USC.

“No congreso participan tanto novas investigadoras, como investigadoras cun longo percorrido, polo que será interesante coñecer as interseccións que se darán durante os diferentes paneis que articulan o congreso”, sinala a directora do grupo Elicin, que destaca que ao abrir o simposio a diferentes tradicións literarias e a distintas linguas, as propostas abarcan temas que tamén rompen coa idea estática de fronteira académica. “Interésanos sobre todo coñecer as novas formulacións teóricas ao redor dos temas sinalados, por exemplo aquelas que cuestionan vellos paradigmas que xa non dan contan das novas realidades de liminalidade nun mundo globalizado”, apunta Luna. 

Un volume que analiza as manifestacións de violencia na literatura latinoamericana actual 

Editado polas investigadoras de Elicin, Gabriela Rivera, e de Discurso e Identidade, María Alonso, o libro La violencia en el continente americano desde el Río Bravo a Las Malvinas ¿Una semilla lantente?, que foi presentado ao inicio do congreso, reúne a destacados e destacadas investigadoras latinoamericanas que ofrecen unha análise pormenorizada das diferentes manifestacións de violencia que se poden atopar na produción literaria actual. “O volume consta de sete capítulos que reflexionan sobre o modo no que os discursos artísticos tratan temas tan complexos como o feminicidio, a homofobia, o trauma da guerra, a violencia institucional ou o crime organizado”, detalla Carmen Luna, sobre o libro, que achega un percorrido de norte a sur, como o seu propio título suxire, para analizar a  violencia no continente americano. “Son traballos que ilustran un conflito social e mesmo existencial que segue presente hoxe en día e que se estendeu máis aló de países concretos para converterse nun fenómeno global”, sinala a directora de Elicin, que participa no volume cun capítulo sobre a representación da Guerra das Malvinas na obra dramática Campo Minado da autora arxentina Lola Arias.