DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tania Álvarez e Pablo Graña son beneficiarios das axudas a deportistas de elite da Universidade

Dous estudantes da UVigo buscan manterse no máis alto do piragüismo mundial

Ambos suman varias medallas en campionatos de Europa e do mundo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 28/05/2026

Apoiar a participación en competicións internacionais das e dos estudantes da UVigo é o obxectivo da convocatoria de axudas a deportistas universitarios de elite que a Universidade outorgaba no presente curso a dous piragüistas, Tania Álvarez e Pablo Graña, que buscan nesta tempada manterse na elite do piragüismo mundial. Dúas veces campioa do mundo de maratón e alumna do máster de Profesorado, Álvarez Yates buscará neste 2026 o seu terceiro ouro nesta modalidade, na que as e os piraguistas percorren 26,2 quilómetros. Estudante do Grao en Enxeñaría Mecánica, o actual campión de Europa e subcampión do mundo no C1 200 metros Pablo Graña iniciaba a tempada co obxectivo de tratar de clasificarse para as competicións internacionais do C2 500 metros e o reto de loitar no futuro por unha praza nos Xogos Olímpicos nesta modalidade.

Ambos obtiveron unha axuda económica de 1500 euros nunha convocatoria dirixida a apoiar estudantes que van participar en campionatos mundiais universitarios ou en competicións internacionais do ámbito federado e que contribúen tamén “á proxección internacional dos valores e obxectivos da Universidade de Vigo”, como recollen as súas bases. Graña e Álvarez contan así mesmo co recoñecemento como deportistas de elite da UVigo, ao abeiro do Estatuto do Estudantado Deportista.

O soño de Los Ángeles 2028

Estudante da Escola de Enxeñaría Industrial, Pablo Graña lograba en 2025 proclamarse o seu primeiro título de campión de Europa en categoría absoluta na competición individual de 200 metros (C1 200), distancia na que este canoísta ten sumado os seus mellores resultados ata a data. Non en van, o pasado ano tamén foi subcampión do mundo desta modalidade, despois de ter logrado a prata tanto no Europeo como no Mundial de 2024. Non obstante, no palmarés internacional do piragüista do Náutico Rodeira de Cangas tamén figuran logros en barcos de equipo, como os dous ouros que acadou no C4 500 nos Campionatos do Mundo ou o tamén ouro mundial no C2 200 que lograba en 2019.

Graña iniciou a presente tempada coas miras postas tanto no C1 200, como en tratar de lograr os mellores resultados na categoría olímpica de C2 500 metros. Así o recollía o proxecto deportivo que presentaba a estas axudas, no que sinalaba “dous obxectivos”, o de tratar de clasificarse para representar a España nas probas internacionais de ambas modalidades. Así aconteceu no caso do C1 200, o que levouno a competir nas últimas semanas nas dúas primeiras citas da Copa do Mundo, disputadas en Hungría e Alemaña, nas que lograba un bronce e unha prata na competición individual, así como un subcampionato na proba por equipos do C4 500 metros.

Mirando ao futuro, Graña recoñece como principal reto tratar de loitar por unha praza nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028, o que implica en primeiro termo sumar puntos para que España conte cunha embarcación nas distancias olímpicas de C1 1000 e C2 500. Neste caso, a distancia da proba individual afástase máis das súas características, mentres que no C2 “creo que son bastante competitivo, xa que teño ese punto de velocidade que lle dá a embarcación un inicio bastante bo”, recoñece, ao tempo que pon de relevo que é un reto “difícil, porque en España sempre é hai un nivel moi grande”.

Graña compaxina os adestramentos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (GGTD), en Pontevedra, coas clases no Grao en Enxeñaría Mecánica e destaca o positivo de axudas como as desta convocatoria, á hora de “poder adestrar mellor e seguir tamén compaxinando o deporte e os estudos”. Dúas facetas que, admite, fan especialmente importante “saber organizarse ben”, algo que en ocasións recoñece “complicado”. Non en van, se ben o calendario do piragüismo permítelle compaxinar mellor clases e adestramentos no primeiro cuadrimestre, isto tórnase máis complexo no segundo, xa que “no tramo final do curso solápanse moito as competicións cos exames”.

Na busca do terceiro ouro mundial

Doutora en Educación Física, Saúde e Deporte pola UVigo, no caso de Álvarez Yates adestramentos e competicións combináronse no presente curso coa súa formación no máster de Profesorado en Educación Secundaria, mais tamén co seu traballo como profesora interina na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e co seu labor como investigadora do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar (SPPWC Lab). “Teño que ser sincera, este ano está sendo duro”, recoñece a kaiakista do Breogán do Grove, que optou por ampliar a súa formación cursando un “mestrado presencial de tardes, con catro horas de clase moi condensadas entre outubro e febreiro”.

Isto lévaa tamén a pór de relevo a importancia da organización á hora de compaxinar as súas diferentes facetas. “Intento organizarme semana a semana, estruturándoas de forma que a docencia teña prioridade, e despois organizo os adestramentos e tempo para a investigación, intentando garantir o cumprimento das obrigas académicas sen comprometer o rendemento deportivo”, recoñece. Non en van, o seu principal obxectivo na presente tempada pasa polo Campionato do Mundo de Maratón, disciplina na que en 2025 alzábase por segunda vez co ouro mundial no K2, xunto á egresada da UVigo Tania Fernández.

A competición que se disputará na Arxentina no mes de outubro é o “gran obxectivo” deportivo desta investigadora e deportista, mais esta, lembra, implica primeiro “pasar polas probas de selección nacionais para entrar no equipo”. Nese senso, antes de loitar por situarse un ano máis na elite mundial, será preciso acadar a clasificación tanto para esta cita como para o Campionato de Europa que se disputará a finais de xuño en Romanía. Nese senso, Fernández buscará o seu pase ao europeo esta fin de semana en Zamora, onde terá lugar o XXX Campionato de España de Maratón.

Con dous ouros, tres pratas e un bronce nos mundiais desta modalidade, Álvarez recibía hai uns meses unha mención nos Premios Carreira Dual do Consejo Superior de Deprotes (CSD), correspondentes ao ano 2024, no que á defensa da súa tese de doutoramento con mención internacional se combinou con logros deportivos como a súa primeira medalla individual no Campionato de Europa de Maratón. “O principal é a organización e a perseveranza”, subliña a deportista e docente, que admite non obstante que “á realidade é que as veces non chego a todo”, o que fai necesario “escoller entre adestramento e traballo. Eu téñoo claro”, engade a campioa do mundo, pondo de relevo que “do piragüismo non se vive”, o que á súa vez leva a valorar o apoio que supoñen iniciativas ás axudas a deportistas de elite da UVigo, das que xa fora beneficiaria en 2024.