DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadados polas irmás e alumnas do campus pontevedrés Noelia e Andrea Ínsua

Dous ouros e un bronce para a UVigo no Campionato de España Universitario de Judo

Elena Cañibano obtivo o terceiro posto en -57kg

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 16/05/2022

Os campionatos de España universitarios seguen dando alegrías á Universidade de Vigo. Desta volta, o CEU de Judo que se celebrou esta fin de semana en San Pedro de Pinatar (Murcia), saldouse con tres medallas, dous ouros e un bronce, uns resultados que dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte, cualifican de "magníficas novas". Nesta cita, organizada pola UCAM, participaron 53 universidades de todo o estado.

As irmás Ínsua, Andrea e Noelia, acadaron cadanseu ouro en -52kg e -70 kg respectivamente. Repiten, deste xeito, a súa clasificación da pasada edición, que se celebrou no mes de outubro, cando Andrea, estudante de Fisioterapia, e Noelia, de Comunicación Audiovisual, tamén subiron ao alto do podio nas súas categorías. Desta volta, Andrea Ínsua superou na final a Cristina Ballester, da Universidad Miguel Hernández de Elche, tras derrotar previamente a Julie Díaz de Haro e Noelia Jardo. Noelia, pola súa banda, derrotou a Maialen Ramos, da EHU/UPV, no combate polo ouro, tras vencer previamente a Miriam Ujaque e Marina Hidalgo. 

Non foi quen de revalidar o bronce acadado no anterior CEU o estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte Anxo Fernández, que nesta ocasión rematou no sétimo posto na categoría de -90kg, tras caer na segunda rolda fronte a Álvaro Caminero, da Universidad Autónoma de Madrid.

A terceira medalla para a Universidade de Vigo neste campionato, ao que o equipo vigués acudiu acompañado polo técnico da Federación Galega de Judo Álvaro Muzas, acadouna desta volta a alumna de Dirección e Xestión Pública Elena Cañibano, que subía ao terceiro caixón do podio na categoría de -57Kg. 

Todas e todos estes deportistas, ademais de cursar os seus estudos no campus de Pontevedra, adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva da cidade ás ordes de Marcial Romero.