DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As súas responsables son as profesoras Carla Míguez e Nazaret Blanco

Dous proxectos de Educación e Traballo Social analizan os libros e prácticas lectoras na etapa de Infantil

Están a estudar os materiais que se empregan en centros educativos da provincia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 17/07/2026

Desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense están a desenvolverse dous proxectos de investigación centrados no papel da literatura infantil nas aulas de Educación Infantil da provincia de Ourense. Dirixidos polas profesoras da UVigo Carla Míguez e Nazaret Blanco, centran o seu interese nas seleccións e prácticas lectoras do profesorado, a mediación lectora, o fomento da lingua galega e a educación en igualdade, diversidade e perspectiva de xénero.

Seleccións e prácticas lectoras do profesorado

Un dos proxectos titúlase Construíndo lectores dende a infancia: seleccións e prácticas lectoras dos docentes de Educación Infantil na provincia de Ourense e está coordinado por Carla Míguez, do grupo Reflexión, Innovación, Transferencia e Mellora Educativa (RITME). “Este proxecto pretende realizar entrevistas con profesorado desta etapa para coñecer que obras empregan nas súas aulas, con que finalidades pedagóxicas se utilizan, que prácticas lectoras desenvolven e en que medida estas seleccións favorecen o contacto coa lingua galega”, explica a responsable da iniciativa. Ademais, recollerase información relativa ao contexto do seu centro educativo e ao seu perfil docente, incluíndo a súa formación previa en literatura infantil e mediación lectora, os hábitos lectores persoais, e as percepcións sobre a lingua galega, co obxecto de analizar en que medida estas variables condicionan as súas prácticas e seleccións lectoras. 

Estas entrevistas levaranse a cabo de xeito presencial, para observar directamente o espazo de aula e a biblioteca e contextualizar as prácticas lectoras que aí se realizan. Segundo explica Carla Míguez, “a partir dos datos obtidos, analizaranse as obras literarias empregadas atendendo á súa calidade estética, literaria e pedagóxica, á súa adecuación á etapa de Infantil, á contorna sociolingüística e cultural e á capacidade para fomentar o gusto pola lectura, establecendo relacións entre a calidade das obras, os usos didácticos, a formación previa das persoas docentes e os hábitos lectores, sen esquecer a prioridade de formar un lectorado crítico e reflexivo”. 

A perspectiva de xénero

O outro dos proxectos é De princesas e príncipes a personaxes libres nos contos: un estudo cualitativo sobre a formación, actitudes e prácticas docentes do profesorado de Educación Infantil ourensán e está coordinado pola profesora Nazaret Blanco, do grupo Q+ Adolescencias, Identidades, Acción Socioeducativa e Pedagoxías Queer. Neste caso “preténdese estudar a relación entre a formación en perspectiva de xénero e as actitudes cisheteronormativas do profesorado de Educación Infantil da provincia de Ourense, os recursos institucionais dispoñibles nos centros e a intencionalidade educativa en valores, coa selección da literatura infantil empregada nas aulas. Isto permitirá xerar evidencia empírica que permita fundamentar propostas de mellora formativa e intervención educativa en perspectiva de xénero”.

Os contos empregados nas aulas de Educación Infantil, comenta a docente, non só compren funcións lingüísticas ou recreativas, senón que actúan como dispositivos de socialización diferencial do xénero. A literatura infantil, apunta, non é neutra, senón que funciona como un medio de transmisión social e cultural, construíndo modelos de comportamento e de relacións de poder que as crianzas interiorizan desde idades temperás. Polo tanto, engade, é preciso prestar atención e elixir con rigorosidade os contos a empregar na aula, xa que poden ser tamén unha forma de transmisión de estereotipos que fomentan a discriminación por xénero marcada na cultura patriarcal. O estudo que se realizará quere contribuír a “comprender en que medida a práctica educativa contribúe á reprodución de esquemas cisheteronormativos ou, pola contra, favorece procesos de socialización orientados á equidade e ao recoñecemento e valoración da diversidade”.

Entrevistas en centros educativos

Para o desenvolvemento destas dúas investigacións estanse a realizar entrevistas a docentes de Educación Infantil de diferentes centros da provincia de Ourense. Ata o momento, as responsables dos proxectos xa realizaron entrevistas en tres centros educativos e teñen previsto continuar co traballo de campo a partir do mes de setembro. “Na sociedade contemporánea, marcada pola inmediatez e o consumo masivo de información, resulta imprescindible que a escola se converta nun espazo de formación de lectores competentes e críticos, capaces de interpretar e cuestionar os textos e integralos na súa experiencia e na realidade social na que viven. Este primeiro achegamento á lectura debe realizarse dende as etapas máis temperás, incluíndo a etapa de Educación Infantil, a través de lecturas de calidade e actividades que fomenten o interese e a motivación cara aos textos escritos”, sinala por último Carla Míguez. Os dous proxectos están financiados pola convocatoria de axudas a grupos de investigación do campus de Ourense Inou 2026 da vicerreitoría do campus de Ourense e apoiada economicamente pola Deputación Provincial de Ourense.