DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade organiza diversas actividades destinadas a alumnado e profesorado

Dúas conferencias e un curso para a formación en Dereito

Este venres acolleu intervencións sobre empresas e dereitos humanos e o complemento por maternidade

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 13/11/2020

No marco da programación destinada á formación complementaria de alumnado e profesorado, a Facultade de Dereito do campus de Ourense está a organizar diversas accións. Así, este venres celebrou a segunda sesión do seu Curso de Actualización Xurídica, na que dous especialistas ofreceron conferencias sobre empresas e dereitos humanos e sobre o complemento por maternidade. O centro tamén celebrará proximamente un curso de oratoria xurídica orientada ao exercicio da avogacía.  

Actualizando coñecementos

A sesión deste venres do Curso de Actualización Xurídica, celebrada a través do Campus Remoto da UVigo, incluíu dúas conferencias. A primeira delas levou por título Empresas e dereitos humanos: o lado escuro do dereito internacional e correu a cargo de Antoni Pigrau Solé, catedrático de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais e director do Centro de Estudos de Dereito Ambiental de Tarragona, da Universitat Rovira i Virgili. Para introducir a relevancia do tema abordado, na súa intervención o catedrático lembrou como en 2017, das cen economías “máis potentes” 29 eran estados e 71 empresas e como “hai un pequeno grupo de empresas que se reparten a maior parte do mercado global” e “un pequeno grupo de empresas que controla a maior parte do capital de todas as empresas transnacionais”.

A pesar desta relevancia, Antoni Pigrau Solé explicou como estas empresas transnacionais son “invisibles ante o dereito transnacional”. Así, detallou, aínda que “temos a constatación de que teñen a capacidade, e canto máis grandes son máis capacidade teñen, de causar grandes impactos negativos sobre dereitos humanos e sobre medio ambiente” sinalou como “non hai unha regulación internacional da responsabilidades desas empresas transnacionais”. Neste senso recalcou como “non hai ningunha vía directa para reclamar no plano internacional contra unha empresa transnacional por vulneración de dereitos humanos, non hai ningún tribunal internacional que teña competencias sobre isto”. Na súa intervención apuntou como “houbo intentos de crear normas de dereito internacional pero fracasaron” e o que hai na actualidade son só “marcos voluntarios de autorregulación construídos polas empresas”.

A segunda conferencia levou por título A non discriminación por causa do sexo a debate: complemento por maternidade e accións positivas e correu a cargo de Margarita Ramos, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad de La Laguna. Na súa intervención, a experta centrouse no complemento por maternidade nas pensións contributivas da seguridade social, un complemento sobre a contía inicial da pensión que pode oscilar entre un 5 e un 15% e que a lei xeral da seguridade social recoñece ás mulleres que tiveran dous o máis fillos biolóxicos ou adoptados, segundo se explicou na conferencia. Este complemento non recoñece un complemento equivalente aos homes que se atopen na mesma situación, o que ten provocado polémica e sentencias de diferentes tribunais ao respecto que foron presentadas pola catedrática durante a súa intervención.

Practicando oratoria

Tamén no eido formativo, a Facultade de Dereito acollerá os días 20 de novembro e 4 de decembro a celebración do curso Oratoria xurídica orientada ao exercicio da avogacía. Do medo ao pracer escénico. Coordinada por Marta Fernández, decana do centro, e Concepción Martínez, secretaria do mesmo, a iniciativa pretende, mediante unha posta en escena totalmente práctica, proporcionar ao alumnado “aspectos craves para unha comunicación eficaz no exercicio da avogacía”. A formación, que se desenvolverá na sala de videoconferencia da Facultade de Dereito, será impartida por Daniel Formoso, avogado en exercicio especialista en oratoria e comunicación con programación neurolingüística e intelixencia emocional pola Escola Europea de Oratoria.

Os dous módulos do curso desenvolveranse con participación activa do alumnado e unha breve explicación teórica das técnicas e premisas básicas da comunicación, sendo o aforo máximo de 20 persoas por curso. Na primeira sesión, abordarase a preparación do preito, a demanda e a contestación; o control do espazo (a sala de vistas, a primeira impresión, o medo escénico e o autocontrol); que se debe dicir na alegación; o dominio do corpo (mirada e xestos) e o da voz (dicción, vocalización, interpretación e improvisación) e a exposición da alegación. Na segunda sesión, centraranse na comunicación eficaz en sala; a planificación do interrogatorio; as testemuñas (coñecemento, procedencia e preparación); o interrogatorio da testemuña propia (elaboración, preguntas e estrutura); o interrogatorio da parte contraria (preparación e planificación); o interrogatorio de peritos; a práctica do interrogatorio e contrainterrogatorio e o perfeccionamento da exposición da alegación (entoación, ritmo, pausas, claridade na linguaxe, etc).