DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aitana Santomé e Maider Barros fórmanse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Dúas estudantes da UVigo, no Campionato do Mundo Universitario de Balonmán

O tamén alumno do centro Mateo Rodríguez foi seleccionado para o mundial júnior de orientación

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/06/2024

Procedentes de oito países, 222 universitarias e universitarios participan desde este domingo na localidade andaluza de Antequera na 26 edición do Campionato do Mundo Universitario de Balonmán, na que a UVigo estará representada por dúas estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Maider Barros e Aitana Santomé. Xogadoras do Balonmán Porriño, forman parte das 14 seleccionadas pola federación española para competir neste torneo, que suporá a súa primeira participación nun mundial coa selección. Por outra banda, nestes dias tamén se coñecían as e os deportistas que representarán a España en xullo no Campionato do Mundo Júnior de Orientación, no que estrearase outro estudante desta facultade, Mateo Rodríguez.

Tanto Santomé como Barros veñen de tomar parte na mellor tempada na historia do Conservas Orbe Rubensa Porriño, que rematou cuarto na fase regular da Liga Guerreras Iberdrola, para logo quedar fóra da final da máxima categoría do balonmán español na prórroga do último partido de semifinais. “É incrible o que fixemos este ano”, recoñece Santomé, que recibiu “con moitísima ilusión” a súa convocatoria para este mundial, que supón a súa estrea cunha selección de categoría absoluta, tras ter participado nun Campionato de Europa Júnior. “Tómoo como unha recompensa ao traballo e ao esforzo realizado esta tempada”, engade Barros, quen subliña que “sexa universitario ou non, que te convoquen coa selección absoluta fai sempre moitísima ilusión”.

Estas dúas estudantes iniciarán o luns a súa participación neste mundial, organizado pola Universidad Camilo José Cela, en colaboración co Consejo Superior de Deportes (CSD). Co adestrador do Balonmán Porriño, Ismael Martínez, como seleccionador, o equipo feminino de España competirá na fase de grupos con Francia e India e farao cun equipo integrado por 14 xogadoras da Liga Guerreras Iberdola. “Non sabemos o nivel do resto dos equipos, pero somos xogadoras da máxima categoría e ningunha se conformará con participar”, recoñece Barros. “Non deixan de ser seleccións nacionais, polo que, nin moito menos, penso que vaia ser fácil, pero imos cun moi bo equipo, polo que o obxectivo é chegar o máis lonxe posible”, engade Santomé.

O deporte como profesión e ámbito formativo

Horas antes de iniciar a concentración para o mundial, Santomé defendía de xeito virtual o seu traballo de fin de grao, co que puña peche ao seu último curso como alumna do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Foi un ano duro a nivel físico, porque tiña que compaxinar as prácticas cos adestramentos diarios”, recoñece a lateral dereito, quen se amosa “contenta e orgullosa” por completar unha titulación que decidiu “facer curso por ano” e que se conecta directamente coa súa faceta como deportista profesional, “que tamén me permite seguir formándome”. Non obstante, pese ao seu interese polo deporte, como amosa o feito que durante anos compaxinase balonmán e taekwondo, chegando a acadar un bronce nun Campionato de Europa, recoñece que, de inicio, “custoume moito decidir a carreira”. Finalmente, tras “probar cunha enxeñaría, decantouse por unha titulación que, recoñece, “gustoume desde o primeiro día que fun a clase”.

Algo similar aconteceulle a Barros, que tamén probou outro grao antes de decantarse por Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Natural de Errenteria, a estremo dereito recibiu en 2021 unha oferta do Porriño e na súa decisión de trasladarse a Galicia foi tamén determinante a parte académica. “Era importante poder compatibilizar a carreira e o deporte profesional e vin que todo se aliñaba”, lembra Barros tras completar a súa terceira tempada no club porriñés. “A verdade é que a carreira estame gustando moitísimo”, engade esta alumna, que recoñece “non é fácil” compaxinar as dúas facetas. “Tes que ser unha persoa moi organizada e rematas os días moi cansada”, sinala Barros, que, ao igual que Santomé formou parte dos equipos cos que a Universidade de Vigo se proclamou campioa de España universitaria nos anos 2021 e 2022. 

Do campus ao mundial de orientación
 

Dúas veces subcampión de España de orientación na categoría de menores de 18 anos, a súa afección polo deporte foi tamén un dos factores que levaron a Mateo Rodríguez a cursar Ciencias da Actividade Física e do Deporte. No seu primeiro ano como universitario, foi unha das tres persoas seleccionadas na convocatoria de axudas para apoiar a deportistas universitarios de elite na preparación de competicións internacionais oficiais, que a UVigo impulsaba por primeira vez. Na súa solicitude para esta convocatoria, o deportista do club Aromon sinalaba como principal obxectivo desta tempada clasificarse para o Campionato do Mundo Júnior, un fito que nos últimos días confirmaba a Federación Española de Orientación, que seleccionaba a Rodríguez como un dos catro integrantes do equipo masculino co que competirá do 1 ao 7 de xullo na República Checa.

“Lograr a clasificación foi unha alegría e un fito importante na miña carreira deportiva”, recoñece este alumno, que lembra que desde que comezou a practicar un deporte no que as e os participantes deben completar un percorrido cronometrado, seguindo unha serie de puntos, axudados nun mapa e compás, o seu soño foi sempre “competir contra os mellores”. De aí que incida en que a propia clasificación é xa “un premio a todo o esforzo” ao longo dunha tempada que, recoñece, está a resultar moi positiva. De feito, nos últimos meses logrou proclamarse campión galego en categoría absoluta, rematar no podio en todas as competicións da Liga Española da súa categoría e finalizar quinto no Campionato de España Universitario. 

Tras participar en 2021 e 2022 nos campionatos de Europa da súa categoría, Rodríguez ve no seu primeiro mundial “unha oportunidade para mostrar todo o adestrado”. A nivel individual, as súas expectativas céntrase sobre todo na modalidade e sprint, na que xa lograra un décimo posto nun europeo, á vez que agarda poder facer tamén un bo papel nas competicións de relevos, xa que “temos bo equipo e é unha proba moi impredicible”.