Durante a visita do secretario xeral de Universidades á súa sede no campus de Vigo
Ecobas presenta á Xunta os avances da cocreación interuniversitaria como axente colaborativo da rede Cigus
O goberno galego apoia con máis de 2,5 millóns de euros a investigación do centro
O traballo na captación de fondos da Unión Europea, a busca de partenariados ou os proxectos formativos en marcha para o fortalecemento das relacións internacionais e a captación de talento júnior, foron algúns dos aspectos prioritarios que a directora científica de Ecobas, María Loureiro, salientou durante a visita institucional que o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro realizou á sede principal do centro interuniversitario na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. Na recepción aos responsables da secretaría xeral de Universidades, encabezada polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, participaron máis de corenta membros do equipo investigador procedentes da Coruña, Santiago, Ourense e Vigo.
Logo de dar a benvida aos asistentes, o reitor deulle a palabra á catedrática e directora científica de Ecobas, María Loureiro que foi a encargada de explicar as liñas mestras do rumbo establecido na nova etapa como centro colaborativo da rede de excelencia Cigus. Loureiro destacou que grazas ao novo orzamento, Ecobas xa foi quen de duplicar no que levamos de 2025 o volume de actividade con respecto ao exercicio anterior. “Ademais deste salto cuantitativo e da capacidade da que agora goza o centro para estruturar coa necesaria planificación unha programación propia”, Loureiro tamén se referiu ao destino elixido para unha parte do financiamento procedente da Xunta de Galicia, especificamente enfocado á expansión internacional e á obtención dun posicionamento destacado sobre a contorna con propostas de impacto que se están a traballar no marco do programa Horizonte Europa.
Pola súa banda, José Alberto Díez de Castro, amosou a súa satisfacción por seren partícipes e testemuñas deste proceso de crecemento e consolidación de Ecobas dende a súa acreditación como centro colaborativo da rede Cigus o pasado ano. Díez de Castro apuntou a necesidade e o valor de incorporar a perspectiva das ciencias sociais e a súa transversalidade ás capacidades da rede de investigación do SUG para contribuír a facer ciencia excelente en Galicia. Máis aló dos 400.000 euros recibidos por parte da Xunta este ano na convocatoria dos centros de excelencia, Ecobas recibiu un total de 2,5 millóns de euros en diversas convocatorias, incluíndo as achegas aos grupos de investigación que están vinculados ao centro e os convenios de I+D coa UVigo.
Internacionalización e arquitectura virtual para multiplicar as capacidades
A vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, afirmou na súa intervención durante a visita que Ecobas “ademais dun centro interuniversitario é xa un centro internacional”, para o que augurou un futuro de grandes posibilidades. Rubio gabou o liderado da actual directora científica do centro, a quen se referiu como “motor principal” desta prometedora etapa, e agradeceu o labor de todas as persoas que traballaron antes pola construción do centro, contribuíndo a acadar o lugar que hoxe ocupa. Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación GAIN, Carmen Cotelo, considera que Ecobas conta cunhas “condicións óptimas para a colaboración, xa sexa en tecnoloxía, saúde, medio ambiente… polo que, tanto dende o punto de vista económico, como ético e social, a perspectiva que Ecobas pode aportar é clave”, afirmou.
Coa mirada posta no futuro, ademais da elaboración do catálogo de servizos que está a piques de ser publicado e que permitirá intensificar a actividade de transferencia co tecido empresarial e o terceiro sector, María Loureiro compartiu os esforzos e avances que o centro está a implementar para a mellora da eficiencia na xestión. A despregadura dunha infraestrutura cloud con alta capacidade para albergar un data lake, así como unha biblioteca virtual e outras ferramentas de última xeración forman parte do novo ecosistema de traballo que entrará en produción nos vindeiros meses, co obxectivo de diminuír a complexidade operativa, facilitar o traballo colaborativo, promover sinerxías entre o persoal investigador e alimentar a cocreación multidisciplinar dun equipo científico xeograficamente disperso en seis campus das tres universidades galegas.
Finalizada a presentación, o encontro continuou cun percorrido polas oficinas centrais coas que Ecobas, que centra a súa actividade no estudo da sostibilidade, conta na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo.