DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico de Galicia

A economía galega minora o seu crecemento

O seu crecemento sitúase nun 4,4% fronte ao 6,8% de España

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Transferencia
DUVI Ourense 13/10/2022

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2022. Nel destácase que a economía galega minora o seu crecemento (4,4% fronte ao 6,8% de España).

O documento está asinado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago (ambos da Universidade de Vigo), José Francisco Armesto Piña e Fernando González Laxe, coordinador este último do estudo. Segundo indican en nota de prensa desde o foro, “nun contexto de elevado grao de incerteza e o mantemento de tensións inflacionistas, a economía galega modera o seu crecemento no terceiro trimestre do ano, que se sitúa no 4,4%, sete décimas menos que nos trimestres anteriores”. Un crecemento, detallan, impulsado en gran medida pola demanda externa.

Preto de acadar o nivel precrise

Segundo sinalan desde o Foro Económico de Galicia, esta minora, estimada tamén para o conxunto da UE-27 e da zona euro, contrasta cun maior dinamismo da economía española (6,8%). Porén, engaden, “Galicia atópase  preto de acadar seu nivel precrise (a cinco décimas), estando a economía española máis rezagada en comparación coa media europea que xa o acadaran”. En canto á demanda interna, o informe recolle que no último trimestre ráchase a tendencia negativa do investimento, así como a contracción do gasto en consumo final das administracións públicas por terceiro trimestre consecutivo e a moderación do gasto privado. No caso das compras no exterior, engaden, volven a reducirse as compras fóra de Galicia.

O informe presentado tamén recolle que en canto á oferta o crecemento do PIB en Galicia explícase polo comportamento de sector servizos: comercio, transporte e hostalería, mantendo tamén a industria manufactureira taxas positivas de crecemento. Pola contra, indican desde a entidade, “hai que salientar a contracción experimentada polo sector primario, mentres a actividade da construción permanece estable”.

“A minora da actividade económica trasládase o mercado de traballo que se caracteriza por unha moderación da ocupación no segundo trimestre do ano. A creación de emprego concentrouse basicamente no sector servizos, nos asalariados do sector privado e nas persoas con estudos superiores”, afirman os autores do traballo. Pola contra, engaden, o emprego reduciuse na construción e no sector primario. Ao igual que en informes anteriores, desde o Foro Económico insisten en que “Galicia mantense entre as comunidades autónomas con taxas de actividade e ocupación máis reducidas e con menor intensidade de emprego en comparación co rexistrado en España”. En canto á evolución do desemprego, sinalan que tras un descenso da poboación parada rexistrada no último trimestre, a taxa de paro redúcese ata o 11,2%, que a sitúa nunha posición intermedia respecto ao resto das comunidades autónomas (12,5% en España). “O desemprego segue a afectar en maior medida ao desemprego feminino que ao masculino sendo as persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con estudos primarios os colectivos máis afectados”, indícase no documento.

Competitividade fiscal

Nesta edición do Informe de Conxuntura Socioeconómica engádese unha análise sobre  a competitividade fiscal dado o seu impacto sobre as actividades empresariais e sobre o uso e custe dos recursos. Os datos correspondentes aos anos 2021 e 2022 (elaborado este último no mes de setembro, antes das últimas reformas aprobadas polas diferentes autonomías) manteñen a Madrid, Biscaia, Araba e Guipúzcoa como as rexións cunha mellor  posición, sendo as menos competitivas Catalunya, a Comunitat Valenciana e Aragón. Galicia e Navarra son as que presentan unha mellor evolución relativa, situándose na oitava e undécima posición.