DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Creados pola Deputación de Pontevedra, recoñecen a inclusión da perspectiva de xénero en TFG e TFM

Educación e comunicación centran os traballos distinguidos cos Premios Sofía Novoa

Recoñecen os estudos das egresadas Judit Cerviño, María Tenorio, Andrea López e Patricia Torres

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/01/2021

O deseño de propostas educativas que permitan abordar con nenos e nenas os estereotipos de xénero que transmite a publicidade; a análise da repercusión do movemento MeToo nos principais xornais de España e Brasil; a presenza de trazos de xénero na orientación ao alumnado de secundaria e a abordaxe, desde un punto de vista coeducativo, das saídas didácticas para o ensino das ciencias. Estes foron os eixos dos catro traballos de fin de grao e mestrado galardoados na quinta edición dos Premios Sofía Novoa, cos que a Deputación de Pontevedra busca recoñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos estudos levados a cabo polo alumnado da Universidade de Vigo. 

“Desde o momento no que comecei a pensar na temática do meu traballo, tiven claro que a perspectiva de xénero tiña que estar incluída, pois considero que a igualdade entre sexos é un valor primordial ao que non se lle outorga a importancia necesaria dentro do sistema educativo”, salienta a egresada da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Judit Cerviño, gañadora dun dos premios outorgados aos mellores TFG. Nesta mesma modalidade, tamén foi premiada a graduada en Comunicación Audiovisual María Tenorio, que salienta, máis aló do propio recoñecemento, a “sensación” de este galardón lle achega de estar sumando o seu gran de area “ao duro e longo camiño dos estudos de xénero”. Na modalidade de traballos de fin de máster, o premio foi para Andrea López, egresada do mestrado en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, quen destaca que a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos académicos dá resposta “a unha necesidade real da nosa sociedade, na cal aínda existe con gran peso a discriminación sexual e a diferenciación de xénero”. 

Así mesmo, o TFG da graduada en Educación Primaria Patricia Torres foi recoñecido cun accésit por parte dun xurado integrado pola deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso; a deputada de Centros Educativos, Noemí Outeda; a investigadora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Lorenzo; a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Silvia Pérez Freire; a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, Lucía Muradas, e a técnica deste servizo Ana Isabel Alonso. Tralo seu fallo, a finais de 2020, está previsto que estes quintos Premios Sofía Novoa Ortiz celebren o seu acto de entrega neste mes de xaneiro. 

Estereotipos que tamén inflúen en nenos e nenas

No seu TFG Traballar con perspectiva de xénero a publicidade en educación infantil, Judit Cerviño puxo o foco en como esta “transmite modelos sexistas e estereotipos de xénero, que nas primeiras idades son vistos como modelos de comportamento normais e correctos”. Dirixido pola profesora Azucena Arias, o traballo abrangueu o deseño dunha serie de propostas didácticas dirixidas a que mestras e mestras poidan axudar ao alumnado a recoñecer esa serie de “estereotipos que día a día conviven connosco sen tan sequera decatarnos”. Estas propostas leváronse á práctica nunha aula de educación infantil do CPR Virxe Milagrosa de Bueu, o que permitiulle constatar en primeiro termo que “o alumnado xa ten asumido estereotipos sexistas a tan temperá idade”. Mais tamén, sinala, como co apoio necesario “son capaces de identificalos” e tratar de “buscar unha solución para conseguir a igualdade”. De aí que esta egresada poña o foco na importancia que, neste eido, ten o traballo cos nenos e nenas, que “serán o futuro da sociedade”. 

Os ecos do MeToo

Egresada da Facultade de CCSS e da Comunicación, María Tenorio obtivo este galardón polo TFG Miradas cruzadas: unha visión comparada sobre o tratamento informativo da cuarta ola feminista trala irrupción do movemento #MeToo en España e Brasil: El País e a Folha de Sao Paulo (2017-2018), no que tivo como titor ao profesor Alberto Pena. A través da análise das novas publicadas durante 15 meses nestes dous xornais, Tenorio Solla buscaba observar o impacto que tivo nos medios o “estoupido” do MeToo, en outubro de 2017, así como o cambio que implicou “no alcance, tratamento e repercusión” do Día Internacional da Muller. A principal conclusión, sinala, foi que este hastag converteuse nun “altofalante mediático e deu forza á revolución feminista”, o que se viu reflexado na “tendencia alcista” no número de noticias centradas nas “reivindicacións feministas” detecada nos dous xornais. Ao mesmo tempo, esta análise permitiulle constatar diferencias temáticas, de tal xeito que en El País “cobraron máis importancia” as novas centradas no #MeToo e na folga feminista do 8M, mentres na Folha de São Paulo foron máis significativas, por riba do propio MeToo, as novas sobre “as reivindicacións relativas ao racismo e as desigualdades, o feminismo negro”.

Os estereotipos persisten en secundaria

Trazos de xénero na configuración da identidade e orientación do alumnado na Educación Secundaria é o título do TFM, dirixido pola profesora Fátima Braña, polo que Andrea López obtiña por segunda vez estes premios, nos que xa fora recoñecida en 2019. Nesta ocasión, buscou analizar os diferentes factores e variables que poden influír no “desenvolvemento do alumnado” da ESO, “así como a atención á diversidade e igualdade de xénero” no ámbito educativo, a través dunha serie de entrevistas ao persoal de orientación de diferentes centros públicos do Morrazo. Esta análise permitiulle constatar que “aínda existe unha gran forza de trazos de xénero no sistema educativo”, pero tamén observar a “loita activa desde os centros cara o respecto á diversidade e á pluralidade, combatendo os estereotipos e roles de xénero que aínda marcan o desenvolvemento do alumnado”. Nese senso, López lembra que as e os estudantes de secundaria constitúen “un sector máis vulnerable ante a realidade crítica da súa contorna”, motivo polo que o seu TFG incide na “necesidade do aumento de recursos e a actualización das políticas en materia de xénero no sistema educativo para poder dar resposta ás necesidades reais que actualmente se están xerando nos centros”. 

Achegarse ás mulleres do mar

As saídas didácticas na Educación Primaria para o ensino de ciencias con enfoque coeducativo é o título do TFG no que Patricia Torres realizou unha abordaxe teórica da contribución das saídas didácticas, desde a óptica “na coeducación e na desigualdade de xénero nas ciencias”; xunto cunha “intervención didáctica” no CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu, coa profesora María Álvarez Lires como titora. Centrada nas “mulleres de o mar” e máis concretamente nas da industria conserveira, Torres buscou con esta intervención que nenos e nenas recollesen nas súas familias os testemuños de antigas traballadoras do sector, co propósito de que “entenderan a importancia que tivo e ten a muller nesta industria”. Ademais da implicación amosada polos nenos e nenas cunha iniciativa que se completou cunha saída didáctica ao Museo Massó, a egresada destaca como o seu TFG “fíxome ter outra visión do que son as ciencias, como algo que está en nós e na nosa contorna, e achegar esa visión ao alumnado foi a parte que máis me enriqueceu”.