DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de 12 bolsas de ata 300 euros para desprazamento

Educación e Traballo Social convoca axudas para que o seu alumnado realice prácticas no rural

A iniciativa quere contribuír ao desenvolvemento destas zonas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 01/08/2022

Co dobre obxectivo de contribuír ao desenvolvemento rural e á formación integral do seu alumnado, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense ten aberta unha convocatoria de bolsas de desprazamento para que o seu alumnado de grao poida realizar as súas prácticas curriculares no rural.

Esta convocatoria, indican desde a súa organización, está en liña co obxectivo 9 do Plan Estratéxico da UVigo 2021-2026 de “reforzar o liderado da Universidade de Vigo como axente de xeración e de transferencia de coñecemento e como motor de desenvolvemento social a través da cooperación con entidades públicas e privadas”, concretamente coa acción “potenciar o rural coma motor de desenvolvemento social”. As bolsas convocadas, detallan, queren “favorecer a elección de practicas curriculares en entidades que traballan no rural pola mellora das condicións de vida da poboación e en centros escolares destinados á infancia”. A realización das prácticas curriculares nestas contornas, sinalan desde a facultade, ten un custo para o alumnado que impide, en ocasións, que as persoas con escasos recursos económicos accedan ás boas prácticas educativas que se desenvolven no mundo rural. Igualmente, engaden, á hora da elección de zonas rurais como destino, o estudantado atópase con dificultades engadidas como a falta de conexións de transporte público a estas zonas ou os custes de desprazamento en vehículo particular que supoñen, o que lles fai decantarse por destinos máis urbanos e/ou mellor comunicados.

Poboacións de menos de 5000 habitantes

A convocatoria aberta está composta por 12 bolsas de desprazamento para o alumnado matriculado nas prácticas curriculares dos graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense. Catro bolsas son para Educación Infantil, catro para Educación Primaria e catro para Traballo Social. O obxecto das bolsas é sufragar os gastos ocasionados polos desprazamentos desde o lugar habitual de residencia da alumna ou alumno ata o lugar no que realiza o practicum, sempre que este teña lugar en entidades singulares de poboación de menos de 5000 habitantes. A contía máxima individual de cada bolsa é de 300 euros. Para solicitar estas axudas é preciso estar matriculado na Universidade de Vigo no curso 2022/2023 na Facultade de Educación e Traballo Social nas materias de practicum dos graos de Educación Infantil, Educación Primaria ou Traballo Social. Tamén é necesario realizar as prácticas nun concello que diste máis de dez quilómetros do concello de residencia habitual e en entidades rurais e escolas rurais situadas nalgunha entidade singular de poboación de menos de 5000 habitantes. As bolsas serán incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda concedidas por calquera institución pública ou privada para o mesmo desprazamento e finalidade. O prazo de presentación das solicitudes, que se realiza de xeito virtual, remata o 16 de setembro.

Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, explica que esta convocatoria dá continuidade a outra feita no primeiro semestre deste ano e que permitiu a oito estudantes, catro de terceiro e catro de cuarto curso, do Grao en Educación Social realizar as súas prácticas en entidades rurais como Lodoselo ou Aldeas Infantís. “Este curso académico puxemos en marcha por primeira vez esta iniciativa tendo en conta que a gran maioría do alumnado universitario non vive no rural e escoller centros rurais para as súas prácticas suponlle un esforzo engadido, perdéndose a oportunidade de coñecer moi boas experiencias pedagóxicas e sociais”, comenta Xosé Manuel Cid. O estudantado, detalla, non escolle eses destinos “porque tería que desprazarse desde as cabeceiras municipais ou desde as propias cidades”. A axuda posta en marcha este curso pola facultade, indica, permítelles que “valoren ter esa experiencia do practicum en centros rurais de servizos educativos ou sociais”.

A iniciativa, comenta o decano da Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, quere ser beneficiosa tanto para o rural como para o alumnado. “O rural é a base desta nosa sociedade. A xente abandónao por diferentes circunstancias pero pensamos que a educación e o traballo social poden contribuír a dotar ao rural de servizos educativos e sociais e que cobre vida”.  Así, detalla, con estas axudas “en primeiro lugar, queremos que o alumnado se achegue ao rural, que a xente nova se interese por coñecer a súa cultura e que se implique nela no período de catro ou cinco meses de prácticas que estará alí”, sinala Xosé Manuel Cid. Trátase, apunta, de que o alumnado coñeza esa realidade fóra de prexuízos e estereotipos, participando daqueles valores que lles pode achegar e facéndose consciente de que desenvolver o seu traballo nestas contornas pode “ser tan gratificante ou máis que noutro sitio calquera”. En moitos dos enclaves rurais, comenta o responsable académico, “faltan servizos pero hai moitas outras cuestións a valorar” e neles o estudantado pode coñecer nas súas prácticas “como é o desenvolvemento das súas profesións neses ambientes e que características ten, pois o papel dun mestre non é o mesmo nun centro dunha cidade con mil estudantes que nunha zona rural nun centro con 20 ou 30 rapazas e rapaces”.