Cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal, combina a formación teórica e práctica
A EE Forestal afonda nas posibilidades da madeira como material estrutural cun curso de ‘glamping’
A escola é tamén a sede dun seminario sobre biocombustibles do Clúster da Biomasa
O feito de ser un recurso renovable e sostible fai que desde múltiples eidos, como a construción, estea a impulsarse o uso da madeira como biomaterial, eixo central dun curso promovido pola Escola de Enxeñaría Forestal e cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), que afonda nas súas aplicacións no mundo do glamping. Combinando sesións teóricas e prácticas, este curso permitirá achegarse ás diferentes fases de construción deste tipo de aloxamentos, que combinan as comodidades coa experiencia de aloxarse no medio da natureza. “É unha temática moi novidosa, moi actual, e dentro da filosofía do glamping sería impensable empregar materiais que non sexan biosostibles”, salienta o profesor Óscar González Prieto, coordinador desta actividade xunto co técnico Luis Torres e a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela.
De feito, o interese que esperta na actualidade o glamping, xa non “como tendencia de futuro, senón de presente”, fixo que este curso tivese que ampliar a 30 as súas prazas, “quedando xente en lista de agarda, pendente dunha nova edición”, recoñece Óscar González. Estruturado en catro sesións, que se estenderán ata o mes de febreiro, o curso Construcións de estruturas de madeira para glamping básico celebraba recentemente a súa xornada inaugural, na que a directora da EE Forestal amosou a súa satisfacción polo interese que espertou esta actividade, aberta a toda a cidadanía. O curso conta coa participación como docentes tanto de profesorado da escola, como, principalmente, cun equipo “de docentes do CIFP A Xunqueira, “con máis de 20 anos de experiencia”, como salienta González Prieto.
A actividade arrancou cun primeiro módulo que propuña unha introdución ao sistema glamping e ás propiedades da madeira como material estrutural, completándose cunha parte práctica centrada na fabricación de pezas de unión. “Máis do 56% do curso son prácticas, nas que imos facer unha serie de pezas da estrutura”, explica González, que sinala que o obxectivo final é tratar de dar forma “a unha pequena estrutura glamping”. Con esa idea, as diferentes “demostracións prácticas” permitirán “ver na realidade como se fabrican, como se cortan, como se unen e como se montan estas estruturas”, de tal xeito que as persoas participantes adquiran “unha base moi importante” coa que profundar posteriormente na construción completa deste tipo de elementos.
Xa en 2026, o 30 de xaneiro terá lugar unha sesión centrada na montaxe de estruturas, pórticos, muros ou plataformas, completada cunha parte práctica dirixida a dar forma ao “esqueleto principal” dun glamping. O 6 de febreiro desenvolverase o módulo dedicado á instalación de cubertas e illamentos, mentres que o venres 27 terá lugar a última sesión, na que abordaranse tanto as normativas e requisitos técnicos aplicables a este tipo de estruturas como os seus estándares construtivos.
Caracterización e certificación de biocombustibles
Outra das iniciativas formativas que nos próximos meses terá como sede a EE Forestal é o curso sobre caracterización de biocombustibles sólidos que o Clúster da Biomasa de Galicia promove neste centro, tamén co financiamento de Xera. Dirixido tanto a profesionais como a estudantes e persoal investigador deste centro, trátase dunha proposta formativa que ten como punto de partida o “papel estratéxico” que xoga a biomasa na transición enerxética e como a maior demanda deste recurso para a xeración de biocombustibles sólidos “levou aparellado un aumento das esixencias legais e das certificacións, facendo indispensable garantir a súa calidade e orixe sostible en toda a cadea de valor”, como sinalan desde este clúster, integrado por preto dunha trintena de empresas e entidades, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
Articulado en catro sesións, a formación desenvolvía esta semana o seu primeiro módulo, que arrincaba cunha sesión impartida pola profesor da escola Juan Picos, centrada na certificación forestal e a aplicación da normativa EUDR. Nesta primeira xornada, que contou tamén coa participación do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández, abordouse tamén a trazablidade no sector da biomoasa e as afeccións e principais problemáticas das especies forestais de interese para a obtención de biocombustibles. Xa en 2026, esta actividade continuará con tres novas sesións presenciais, dedicadas aos outros dous módulos que completan o programa. En primeiro termo, a actividade centrarase nos tipos de biocombustibles sólidos, como no marco normativo aplicable e os selos e marcas de calidade; mentres que o último bloque porá o foco na súa caracterización, afondando en cuestións como a produción de biochar a partir de restos forestais, da man tamén de investigadores da EE Forestal.
Estas actividades formativas súmanse á súa vez ao conxunto de actividades que a EE Forestal acolle nestas semanas, como as VIII Xornadas Galegas de Patrimonio Natural e Biodiversidade, desenvolvidas este sábado, ou o recentemente desenvolvido taller Infraestruturas verdes para a redución de incendios forestais. Promovido polo Instituto de Estudos de Territorio, no marco do proxecto GreenGap, esta actividade englobou un conxunto de relatorios sobre a xestión activa das masas forestais como medida de prevención, as zonas estratéxicas de xestión, uso do lume na xestión da paisaxe e o uso da tecnoloxía LiDAR na caracterización das masas forestais, impartidos tamén por investigadoras e investigadores deste centro.
