DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É un dos socios do grupo de innovación Biofore Plus

A EE Forestal explora as posibilidades de xerar carbón vexetal con biomasa residual

Empresas e institucións participan nun proxecto que busca novas vías para dar valor aos restos de co

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 28/07/2021

Explorar diferentes vías que acheguen maior valor á biomasa residual procedente de masas arbóreas das que, pola súa singularidade, a súa madeira non ten valor comercial é un dos principais obxectivos do grupo de innovación Biofore Plus, do que forman parte diferentes empresas e institucións, entre as que se atopa a Escola de Enxeñaría Forestal. O proxecto pretende probar a eficacia dun cabezal talador acumulador sobre maquinaria coa que se traballa actualmente en Galicia no aproveitamento da biomasa forestal e valorizar o produto obtido tanto como medida para reducir as emisións contaminantes nas fosas de xurro, como con fins enerxéticos, este último labor da man do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da escola do campus pontevedrés. Así mesmo, os investigadores da EE Forestal traballan tamén na obtención, a partir destes restos, de carbón vexetal que poida destinarse á redución das emisións de amoníaco nos depósitos de xurro das explotacións gandeiras, así como na posibilidade de empregar as cinzas obtidas da combiustión da biomasa na elaboración de abonos.

Coordinado pola consultora Foresin, o proxecto dá continuidade ao grupo operativo Biofore, centrado tamén no estudo de vías de valorización da biomasa forestal que, como sinalan os seus coordinadores, "xerou interesantes resultados que estableceron as bases deste proxecto". Biofore Plus encádrase nas axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Este grupo de innovación integra diferentes actores da "cadea de valor forestal-agrícola-gandeira", co fin de xerar sinerxías entre universidades e centros de investigación, empresas e propietarios forestais. Ademais da Universidade de Vigo, o proxecto Biofore Plus. Optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual e revalorización do material extraído do mesmo ten como socios á Fundación Conde del Valle Salazar, da Universidad Politécnica de Madrid, ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e ás empresas fmC e Greenalia.

Entre os seus ámbitos de traballo figura o estudo das posibles vantaxes que implicaría un cabezal tallador acumulador na xestión de tres tipos de masas arboradas, unha afectada por incendios, outra ocupada por especies invasoras e unha terceira con exemplares con reducido crecemento. Do estudo das características físicas, químicas e enerxéticas das pacas obtidas nestas parcelas encárgase o laboratorio da EE Forestal, que suma a esta análise o estudo de se estes restos poderían empregarse tamén para xerar carbón vexetal. “A idea é tratar de ver ata que punto é posible obter un bo biochar cun material moi malo”, sinala o catedrático Luis Ortiz, que lembra que as pacas de restos de poda conteñen normalmente “moitas follas, agullas ou pequenas pólas” que dificultan o seu aproveitamento enerxético. Por outra banda, no marco deste proxecto estudarase tamén a posibilidade de empregar as cinzas obtidas da combustión da biomasa na elaboración de abonos. 

Do traballo do campo ao laboratorio

As primeiras fases deste proxecto comprenderon unha serie de traballos de campo cun cabezal acumulador de biomasa Nisula 285 e+ sobre máquinas que se utilizan habitualmente en Galicia, postas a disposición do proxecto por Greenalia,.un autocargador Komatsu 855 ou Logse 6FGT sobre unha empacadora Enfo-2000. As zonas de actuación foron unha masa de Pinus pinaster, en Guitiriz, que presentaba un crecemento moi reducido; unha masa de Eucalyptus globulus, en Ribeira, afectada por un incendio; e unha terceira, no concello de Leiro, invadida pola Acacia dealbata. “Comprobouse que, dependendo da procedencia da biomasa, cambiaba o método operativo”, explica o tamén profesor da EE Forestal Óscar González Prieto, que tomou parte nestes traballos de campo, coordinados pola Politécnica de Madrid.

As pacas obtidas con este cabezal que permite reducir a porcentaxe de impurezas que se xeran polo contacto dos restos co solo, foron a continuación analizadas nos laboratorios da EE Forestal. Como explica Ortiz, o grupo de innovación buscaba tanto “comparar os rendementos da máquina”, como se estas supuñan tamén unha mellora na calidade desta biomasa residual desde un punto de vista enerxético. Nese senso, o estudo comprendeu tanto a análise do poder calorífico destes restos, como das súas porcentaxes de humidade ou dos posibles problemas que poderían xerar as súas cinzas nas caldeiras de biomasa.

Por outra banda, esta análise súmase á liña de traballo que o Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas mantén con Greenalia e que lles levou a analizar ao longo dos últimos tres anos preto de 50 mostras de restos de cortas forestais empregadas na planta de biomasa que esta empresa puxo en marcha en Curtis. “Ter esta experiencia previa en materia de control de calidade permítenos agora contrastar os resultados destas análises coas do proxecto Biofore”, salienta Ortiz.

Carbón vexetal para as explotacións gandeiras

Nese obxectivo de “dar un valor engadido aos restos forestais”, á análise do rendemento enerxético que xa realizaran na primeira edición de Biofore súmanse unha serie de probas dirixidas a estudar a posibilidade de xerar biochar con estes restos de piñeiro, eucalipto e acacia. Como explica Ortiz, a fabricación de carbón vexetal implica un “proceso termoquímico en déficit de osixeno”, que, sen xerar chama, carboniza estes restos converténdoos “nun produto cunha grande capacidade de absorción”, que neste caso iría destinado a tratar de resolver o problema ambiental que supoñen as emisións de gases contaminantes derivadas do xurro das explotacións gandeiras.

Dentro deste obxectivo, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo encárgase de analizar a capacidade de absorción do carbón vexetal tanto na fase de almacenamento nas fosas como de aplicación do xurro no chan. “Xa no proxecto previo fixéronse probas con diferentes restos e viuse claramente que o mellor produto é o carbón vexetal”, apunta Ortiz, que, con esa idea, estuda a posibilidade de que este proceso termoquímico poida levarse a cabo cunha “tecnoloxía moi básica”, partindo do uso do sistema de dobre reixa que patentou, co obxectivo, engade, de “tratar de dar unha solución ás granxas familiares nun tema clave”.