DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso financiado pola Axencia Galega da Industria Forestal

A EE Forestal explora o potencial da madeira como “material de futuro” na construción de edificacións

Combina a formación teórica coa construción dun prototipo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cursos
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/10/2026

Coas súas 20 prazas cubertas, a Escola de Enxeñaría Forestal promove nestes días un curso centrado nas posibilidades da madeira como “material de futuro” na construción de edificacións, combinando a abordaxe teórica dos sistemas que permiten levantar edificios con varias alturas, con sesións prácticas nas que traballar nun prototipo de edificación. Desenvolvido co financiamento da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) da Xunta de Galicia, trátase dunha actividade coordinada polo profesor Óscar González, o técnico Luis Torres e a directora da escola, Ángeles Cancela. 

Tras acoller recentemente, tamén co apoio de Xera, un curso sobre a construción de estruturas de glamping con madeira, esta nova actividade propón agora “dar o salto ás edificacións convencionais”, salienta González Prieto, que incide en que esta formación pon o acento nun aspecto “moi específico” da construción con este material, como son “as solucións de unión, metálicas e de madeira”, que permiten conectar solos, paredes e teitos. Para iso, esta actividade conta coa colaboración da empresa Rothoblass, “un dos principais fabricantes de unións de elementos de madeira e de solucións construtivas”, así como coa participación como docentes de profesorado do CIFP A Xunqueira. 

Da teoría á práctica

De carácter gratuíto, esta formación complementaria cubriu as 20 prazas dispoñibles “polo límite de capacidade do laboratorio, deixando moitas en lista de agarda para unha posible segunda edición”, reunindo como alumnos tanto profesionais de ámbitos como a construción ou a arquitectura, como estudantes da propia escola e doutros centros formativos. Baixo o título de Construcións de estruturas de madeira para entramado lixeiro e fachada de edificacións, esta actividade arrancou na tarde do mércores pondo o foco no “potencial das estruturas de madeira” e as vantaxes de empregar “un material sostible” en lugar dunha gran cantidade “de recursos fósiles”, subliña González Prieto, no sector da construción.

Nesta primeira sesión abordaron tamén as conexións ao terreo, a instalación de paneis e elementos lineais e a montaxe dun muro e dunha fachada de entramado lixeiro, un sistema construtivo baseado na xeración de grandes estruturas con capacidade portante a partir de pezas de pequena escuadría. Xa na xornada do xoves, a formación puxo o foco no envolvente do edificio e nas solucións para facer fronte ao inchazo da madeira. Outra das cuestións abordadas nesta sesión foi a “construción híbrida”, na que o uso da madeira se combina con elementos de metal ou formigón, que facilitan construcións de alturas máis elevadas.

Finalmente, a actividade complétase este venres cunha sesión que permite coñecer exemplos de estruturas de entramado lixeiro e “conceptos chave de resistencia e reacción contra o lume” deste tipo de construcións, ao tempo que seguir abordando na parte práctica a montaxe dun prototipo de edificación. “A nosa intención é facer dúas paredes, co seu acabado exterior (fachada) e interior, incluíndo unha ventá e unha porta, así como as unións e o ligado entre elas", explica González dunha iniciativa que busca que as e os participantes poidan observar este proceso dun “xeito práctico”.