DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Partindo da síntese de compoñentes químicos de orixe biolóxica e non contaminantes

A EE Forestal traballa no desenvolvemento de disolventes verdes aplicables aos produtos derivados da madeira

Realizáronse xa as primeiras probas cun metiléster sintetizado no laboratorio

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 11/01/2021

Os procesos de pintado ou vernizado que se aplican aos produtos xerados pola industria da madeira obrigan ao uso de disolventes, como o hexano ou a acetona, cuxo principal problema é que emiten á atmosfera unha elevada cantidade de compostos orgánicos volátiles (COV). Atopar alternativas de orixe natural coas que xerar disolventes non contaminantes que sexan aplicables aos múltiples procesos de transformación que se levan a cabo nesta industria é o obxectivo dunha liña de traballo impulsada pola profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Ángeles Cancela. “Estamos traballando na obtención de disolventes que poidan ser empregados neste tipo de industrias e que emitan baixa cantidade de COVS”, salienta. As primeiras probas foron realizadas “mesturando alquilato de aceites naturais obtidos no laboratorio con outras substancias de orixe natural, como pode ser o limoneno ou o ácido láctico” e os produtos resultantes resultaron, sinala a subdirectora da EE Forestal, “máis efectivos que os disolventes tradicionais” na súa aplicación sobre pinturas. 

O obxectivo desta liña de traballo, explica Cancela, “é realizar a síntese de disolventes que apenas emitan COVS”, como sería o caso deste éster, e comparalos con disolventes tradicionais” en procesos como a aplicación ou a retirada de pinturas ou vernices sobre a madeira. “O que fixemos foi obter no laboratorio un produto que é a base para a creación dun novo disolvente e comprobar que funciona”, sinala Cancela. Partindo das probas realizadas inicialmente por esta docente do Departamento de Enxeñaría Química, este produto foi posto a proba pola egresada Carla Martínez no seu traballo de fin de grao, no que comparou a súa efectividade sobre dous tipos de pintura, comparándoa á súa vez coa do hexano e a acetona. Concretamente, explica Cancela, o estudo abrangueu tanto a súa aplicación directa como en combinación “con pequenas proporcións doutras substancias de orixe natural, como limoneno, que se extrae dos aceites das cáscaras dos cítricos, e ácido láctico”. Seguindo os procesos empregados nas empresas químicas para coñecer o grao de efectividade dun disolvente, que pasan por medir “o tempo que tarda en arrastrar” a pintura, neste caso nunhas probetas realizadas para este estudo no laboratorio de química da escola, o traballo de Martínez Ucha permitiu comprobar como este produto se amosaba “máis efectivo que os disolventes tradicionais”. Das concentraciones testadas, explica, "as máis efectivas para a súa aplicación sobre cristal e verniz en húmido son a mestura o 50% de ésteres de ácido láctico con alquilato dun ácido graxo natural o 50 % e a mestura de limoneno o 25 % con alquilato do ácido graxo natural o 75 %", ambas, explica, cun "promedio de descolgue", a porcentaxe de pintura retirada, do 100%.

Primeiros resultados, moito traballo por diante

O TFG de Martínez permitiu nese senso realizar as “primeiras probas de laboratorio” con este “disolvente verde”, neste caso, con dous tipos de pintura, unha delas acrílica, así como con vernices que se empregan na industria da madeira. Mais, como lembra Cancela, “hai milleiros de composicións de pintura” neste sector, o que fará necesarias novas probas, así como coñecer tamén “como funciona co resto de substancias e acabados da madeira”. 

Do mesmo xeito, esta liña de traballo pasa tamén pola na síntese e posta a proba “de diferentes disolventes verdes”. De feito, un dos traballos de fin de grao propostos para o presente curso na EE Forestal estará centrado no estudo das “microemulsións” como disolvente para pinturas en madeira e vernices. Nese senso, Cancela lembra que, “desde hai tempo estamos intentando facer traballos na escola que teñan que ver coas transformacións químicas da madeira”, de acordo coa liña estratéxica do centro de traballar no desenvolvemento de novos produtos a partires de procesos ambientalmente sostibles. Nesa idea, esta iniciativa, sinala, supuxo “ir un pouco máis aló, mesturando o forestal co químico”, tendo en conta os múltiples tratamentos aos que se somete a madeira nos procesos industriais.