DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este semana arrancou a segunda edición do curso de especialista, desta volta, en modalidade virtual

A EE de Telecomunicación segue apostando pola formación continua de profesionais e estudantes no eido do 5G

É unha formación case inexistente no estado español

Tags
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/01/2021

Coa posta en marcha do Plan Galicia 5G, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a comunidade autónoma estase a consolidar como unha rexión punteira no despregue deste novo estándar de telefonía móbil. Neste proceso, a Universidade de Vigo e en concreto a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo están a ter un papel destacado, colaborando en dar resposta aos obxectivos deste plan, que pasan por situar Galicia como rexión piloto de 5G, a posta en marcha dun nodo de cooperación rexional 5G e a creación dun plan de formación especializada. Como relata o director da EE de Telecomunicación, “respondemos á chamada da Xunta e estamos colaborando en diferentes frontes”, no que respecta á formación a través do Curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, que esta semana inaugurou a súa edición, consolidándose como unha proposta punteira e das poucas que se imparten no territorio español. Ademais, a escola e o centro atlanTTic tamén colaboran neste Plan Galicia 5G  “no eido da investigación, coa creación do Laboratorio de 5G e no que ten que ver coa proba das tecnoloxías a través da estación base”. 

Así, a través destas tres iniciativas, a EET colabora coa Xunta para converter Galicia nunha zona preferente na pilotaxe de solucións innovadoras baseadas nesta tecnoloxía e facilitar que o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica en equipamento e software necesaria para proxectos piloto. “Creo que hai que valorar moi positivamente o papel da Xunta de Galicia, a través de Amtega e Retegal, impulsando e apoiando estas accións que van na liña de favorecer o despegue da tecnoloxía de quinta xeración na nosa comunidade”.

A maioría do alumnado son profesionais en activo

O 5G é o novo estándar de telefonía móbil que se caracteriza por unha maior velocidade na subida e baixada de contidos, unha menor latencia, a xestión dun gran número de dispositivos por km2, a adaptación ás necesidades do usuario e a computación ao borde da rede. Esta evolución tecnolóxica fai necesario reciclar a profesionais do sector de telefonía móbil celular nas características innovadoras do 5G e completar a formación de titulados de grao do eido da Enxeñaría de Telecomunicación ou da informática, especializándoos en 5G. É desta necesidade da xurde o curso de especialista da EET.

A segunda edición, coordinada polo director da escola, Íñigo Cuiñas, comprende un programa formativo de 200 horas que, por mor da crise sanitaria da covid-19, se imparten en modalidade virtual. Tamén se apostou pola flexibilidade e a adaptación para facilitar a compatibilización da docencia co exercicio profesional e, de feito, das 20 persoas inscritas, 16 son profesionais en activo.

Balance positivo da primeira edición

A primeira edición do curso tivo, segundo o director da escola, “un balance moi positivo” e os 25 alumnos “quedaron razoablemente satisfeitos e animáronnos a repetir a experiencia este ano”. Ademais, Cuiñas destaca que a posta en marcha deste programa “é un paso na necesaria implantación de programas de aprendizaxe ao longo da vida (long-life learning) na Universidade en xeral e na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación en particular, xa que o ámbito no que nos movemos, as tecnoloxías evolucionan rapidamente e as persoas que fan investigación relacionada con estas novidades son valiosas para axudar aos profesionais na súa adaptación e reciclaxe. La formación continua é necesaria e vai a selo nos próximos anos, polo que o posicionamento da institución nesta liña non só é unha resposta á demanda, senón que resulta moi positivo para manter o contacto cos nosos egresados e para ampliar o radio de acción dos nosos centros”. 

A metade do profesorado procede de empresas do sector

Das 200 horas de docencia, 100 corresponden á formación teórica, que ten lugar entre xaneiro e abril, e as outras 100 á realización do proxecto fin de curso. Respecto á primeira edición, a principal novidade é que “todas as clases serán en liña, apoiadas nas aulas virtuais de Campus Remoto”. Respecto ao profesorado, incrementouse o peso dos docentes alleos á UVigo, que impartirán o 45% das horas de clase, procedentes de empresas do sector, tanto operadoras como Telefónica, Vodafone e Orange; provedores de equipamento como Nokia, Ericsson ou Huawei; centros tecnolóxicos como o CTAG e Gradiant; e usuarios como PSA ou o Sergas. O outro 55% da docencia será impartido por docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. 

O programa comprende módulos teóricos de introdución á 5G, o sector radio, a codificación e as modulacións, a capa de rede, a seguridade nas comunicacións e o estudo de casos de uso e aplicación desta tecnoloxía en, por exemplo, os vehículos conectados e o transporte; o control de infraestruturas e servizos críticos; o control de dispositivos remotos ou as redes de sensores para a industria 4.0.