DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Candela Novoa e Patricia Chamadoira presentaron os seus proxectos na Fashion Week Madrid

O Ego estrea sobre a pasarela dúas coleccións nacidas nas aulas de Esdemga

Outro egresado, Rubearth, gañou o premio Confidence in Fashion

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 20/09/2021

Oito coleccións de deseñadoras e deseñadores novos, seleccionadas de entre as candidaturas presentadas desde toda España, protagonizaron este domingo o desfile do Allianz Ego, a plataforma para novos talentos da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid. Dúas delas, Cool people visit Benidorm, de Candela Novoa, e Solsticio, de Patricia Chamadoira, tiñan a súa orixe nos proxectos de fin de estudos que ambas desenvolveron como estudantes de Esdemga. O feito de que a covid-19 impediuse o pasado ano o desenvolvemento, no marco de Debut, do desfile no que as novas titulados e tituladas presentan cada ano as súas coleccións no Pazo da Cultura converteu de feito o Ifema madrileño no lugar da estrea sobre a pasarela destes dous proxectos. 

“Que nos moitos anos que leva funcionando o Ego, en case todas as edicións houbese sempre un ou varios estudantes de Esdemga, para nós é un orgullo”, salienta a súa directora, Lola Dopico, que este domingo acompañou ás tituladas na pasarela madrileña, como tamén fixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, “que sempre está moi pendente do traballo que se fai na escola”. Ambos puideron así mesmo compartir impresións con outro dos protagonistas da xornada, o tamén egresado de Esdemga Gabriel Nogueiras, Rubearth, que despois de gañar na anterior edición o premio Mercedes-Benz Fashion Talent á mellor colección do Ego, desta volta alzábase co primeiro premio Allianz Ego Confidence in Fashion, ao que optaban os proxectos presentes no showroom desta plataforma. “Que titulados nosos sexan capaces de consolidar a súa propia marca e ir ampliando a súa carreira profesional é algo moi importante para nós, porque tamén fai escola”, salienta Dopico, que viu nesta edición como Esdemga era cualificada como “un referente” desde a dirección da propia Fashion Week. 

Unha experiencia "emocionante" e un paso adiante no profesional

“Foi algo moi emocionante, era a primeira vez que vía todas as prendas en modelos e nun desfile”, salienta Chamadoira, que recoñece como “moi positiva” a experiencia vivida en Madrid. “De momento, xa houbo xente que se interesou polo meu traballo e que me ofreceron os seus showrooms como punto de venda e iso xa é un paso”, salienta esta egresada, que baixo a firma Temporal presentou no Ego unha versión ampliada do seu traballo final no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda. "Foi unha experiencia incrible, é moi emocionante ver o teu traballo na pasarela", engade Candela Novoa, que levou ao Ego unha versión ampliada da colección que realizou como traballo final, no seu caso, nos Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, o título propio de Esdemga ao que substituíu o actual mestrado da Facultade de Belas Artes. Da súa experiencia na pasarela madrileña, Novoa destaca "sobre todo o trato da organización, xente moi atenta e agradable, que estivo preto dos participantes en todo momento". Esta egresada destaca tamén o positivo desta experiencia como "unha boísima oportunidade para dar a coñecer a miña forma de traballar e a miña personalidade, incluso", da que agarda poidan xurdir novas "oportunidades para continuar a miña andadura ou novas formas de mostrar este proxecto".

As coleccións destas dúas tituladas compartiron pasarela, na xornada de clausura da 74 edición da Fashion Week Madrid, coas 404 Studio, Goodption, Karont, Montenegro, Morle e Puzlle, deseñadores cos que optaron ao premio Mercedes-Benz Fashion Talent, galardón que en cada edición recoñece á mellor colección do Ego e que nesta ocasión foi para 404 Studio. 

Tecidos que cobran unha nova vida

Como unha colección que “fai referencia aos rituais pagáns” vinculados ao solsticio de verán existentes "nalgunhas pequenas comunidades”, nas que o proceso de creación “nútrese de darlle unha segunda vida aos materiais que se atopan á súa disposición” presentábase na Fashion Week Solsticio, a colección que Chamadoira estreou sobre a pasarela madrileña. Nesa idea de “reciclar” materiais antigos, esta titulada empregou vellas sabas ou mantas, obxectos “aos que quizais no pasado se lles daba maior valor”, para dar forma a unha “colección unisex” orientada a modelos masculinos. “A verdade é que moitas das persoas que pasaron polo backstage para ver a colección coincidían en que era moi especial e que se identificaban con ela, porque tiñan un mantel ou unha manta parecida”, lembra Chamadoira. Titulada tamén Lingua e Literatura Inglesa, a responsable de Temporal traballa na actualidade como profesora e agarda que o escaparate do Ego poida servir de axuda á hora de iniciar unha traxectoria profesional no mundo a da moda. “É algo moi complicado, pero este foi un paso moi positivo”, recoñece.

O verán nunha colección

Estampados florais e de raias, carteis de postos de socorro, imáns para a neveira ou camisetas de souvenir son algúns dos elementos que conflúen en Cool people visit Benidorm, a colección que, baixo o nome de Delanovoa, a egresada Candela Novoa estreou no Ego. Inspirada na idea do “turismo de sol e praia” e no “boom turístico e a apertura para sociedade española” que significou décadas atrás Benidorm, trátase dun traballo inspirado “no imaxinario das vacacións de verán”, nacido nas aulas e que esta titulada tivo que ampliar con sete novos estilismos para o Allianz Ego. Nese senso, Novoa pon o acento no positivo da experiencia á hora de permitirlle afondar e ampliar ese “concepto tan apaixonante para min” que comezou a abordar como alumna de Esdemga e que fixo posible a selección para o Ego dunha titulada que actualmente traballa como freelance na industria téxtil.