DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus suma novas caixas niño á súa aposta pola conversación da biodiversidade

Elaboradas na Escola de Enxeñaría Forestal no marco do proxecto Green Campus

O obxectivo é ir colocando máis cada curso

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 03/03/2021

Cinco caixas niño, elaboradas no taller de madeira da Escola de Enxeñaría Forestal, colgan desde este mércores das árbores do campus, sumándose ás xa instaladas o pasado curso no marco dunha iniciativa inserida no proxecto Green Campus. A súa situación, a carón do Lérez e preto da xunqueira de Alba, fan do campus un espazo polo que transitan diferentes especies de aves, que poden buscar tamén nas súas numerosas árbores un lugar no que aniñar. Co propósito de, ademais de ofrecerlles un espazo onde facelo, pór de relevo a importancia da conservación da biodiversidade, nesta xornada procedeuse á colocación desta serie de caixas de madeira, nunha iniciativa á que se proxectar dar continuidade nos próximos cursos.

O director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto; o director da EE Forestal, Juan Picos; o técnico da escola Luis Torres e os estudantes Anxo Rodríguez e Martina Martínez, bolseiros da Oficina de Medio Ambiente (OMA) e do Green Campus, respectivamente, participaron nunha actividade que, como explicou Souto, forma parte das iniciativas incluídas no plan de acción do programa internacional polo que o campus pontevedrés foi recoñecido coa bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education. “Dentro do plan, cada centro fai unha serie de propostas de actividades e esta é unha das que se realizaron desde a EE Forestal”, explicou Souto, que destacou nese senso que un dos requisitos deste recoñecemento é precisamente contar coa implicación “dos diferentes centros, do seu persoal e do alumnado”.

Divulgación e formación

Souto explicou que, aínda que algunhas especies de paxaros se atopan xa en fase de reprodución, outras moitas comezarán este ciclo en abril, polo que estas cinco caixas poderían servirlles para instalar os seus niños. “A idea é ir cada ano incrementando o número de caixas niño”, apuntou o director do Green Campus, que puxo de relevo o valor desta “sinxela actividade” en materia de sensibilización. “As caixas cumpren dúas funcións, a de albergar as aves e tamén a de mandar unha mensaxe de concienciación”, engadiu o director da EE Forestal.

Tanto Souto como Picos salientaron tamén o feito de que alumnado do centro participase na elaboración destas caixas, realizadas coa máquina de control numérico da escola, de tal xeito que esta actividade contribúa tamén a que “a educación ambiental forme parte das capacidades adquiridas polos estudantes”, como salientou o director do Green Campus. Nese senso, Picos sinalou que máis aló de que "a escola e o Green Campus comparten obxectivos” no referido á educación e sensibilización ambiental, o obxectivo do centro é tratar de darlle un “contido formativo” ás diferentes iniciativas que levan a cabo no marco deste programa.