DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eleccións Teleco

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 03/03/2021

Por segunda vez na súa historia –a primeira foi no 2009 con Edita de Lorenzo-, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación volve ter unha directora á súa fronte, a profesora Rebeca P. Díaz Redondo que, tras enfrontarse nas urnas ao docente José Carlos López Ardao, acadou o apoio maioritario da xunta de centro nas eleccións celebradas este mércores na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, unha cita electoral que estivo marcada polas estritas medidas de seguridade fronte a covid-19. A Xunta de Escola, na que cada persoa candidata tivo 15 minutos para expor as súas ideas, celebrouse vía telemática e as votacións leváronse a cabo no corredor principal do centro para garantir as distancias sociais. Emitíronse 136 votos, dos que 81 foron para a candidatura encabezada por Rebeca P. Díaz e 54 para a de José Carlos López Ardao. 

Xunto a Díaz Redondo, o novo equipo directivo do centro está formado polos docentes e investigadores Pedro Comesaña, como subdirector de Organización Académica; María Verónica Santalla, de Internacionalización e Infraestruturas; María Loreto Rodríguez, de Calidade; Laura Docío, de Captación e difusión, e Pedro Salvador Rodríguez, secretaría e novas titulacións. “Creo que as persoas do meu equipo, todas elas doutoras, poden ser definidas coma unha combinación óptima de experiencia e iniciativa”, defende a xa directora electa da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.  

Profesora titular desde o ano 2004, Rebeca P. Díaz Redondo defendeu dende o inicio da campaña electoral o bo traballo desenvolvido polas direccións anteriores e, en concreto, pola agora saínte. “Pola miña banda procurarei reforzar os numerosos puntos fortes da escola e traballar aqueles aspectos que se poden e deben mellorar, tendo en conta os desafíos aos que nos enfrontaremos nos próximos anos”.  No referente á súa experiencia en xestión, por unha banda, dentro do ámbito académico, destaca o seu papel como coordinadora do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e, previamente como secretaria de departamento; e, da outra, admite que onde conseguiu unha experiencia máis ampla no eido da xestión foi como coordinadora de grandes consorcios en proxectos europeos, sendo a primeira persoa da UVigo en coordinar un consorcio do programa Eramus Mundus, Action 2, financiado con máis de 4 millóns de euros, e tamén a primeira en coordinar un consorcio do programa Capacity Building in Higher Education, financiado con case un millón de euros.

Máis oferta formativa e captación de novos estudantes

A curto prazo o obxectivo deste novo equipo será sistematizar os procesos de difusión e visibilización da actividade da escola e mellorar os procedementos de acompañamento/mentorización do alumnado do centro; mentres que a medio prazo teñen claro que é prioritario será conseguir diversificar a oferta formativa do centro con acordos internacionais e programas conxuntos de estudos, así como ampliar a oferta de cursos propios para profesionais do sector TIC e que a EET poida ter un papel relevante na formación de profesionais en sectores estratéxicos coma os identificados no documento G2030 da Xunta de Galicia. Neste sentido destacou que, desde o seu punto de vista, a EET non pode quedar fóra da proposta de novos estudos no ámbito TIC no mapa do SUG. “A miña intención é que o centro amplíe a súa oferta de estudos de mestrado, especialmente buscaremos a complementariedade con outras escolas e universidades, e tamén de estudos de grao”, subliñou Díaz Redondo, quen non negou a necesidade de ampliar a oferta formativa do centro, un dos puntos nos que máis fixo fincapé o profesor López Ardao, moi crítico cos diferentes equipos directivos que tivo a escola nos últimos anos. A este respecto a nova directora subliñou que  a Xunta destaca no seu documento G2030: Propuesta de nuevas titulaciones para el SUG áreas coma a Internet das Cousas, as tecnoloxías DLT e Blockchain ou as tecnoloxías cuánticas “que están intimamente relacionadas coa actividade investigadora e co coñecemento impartido na EET”. 

Seis anos á fronte da escola de Íñigo Cuiñas

A vitoria nas urnas de Rebeca P. Díaz, pon fin a unha etapa de seis anos na que a escola estivo dirixida polo profesor Íñigo Cuiñas, a quen acompañaron na dirección os docentes Manuel Fernández Veiga, Miguel Ángel Domínguez Gómez, Loreto Rodríguez Pardo, Enrique Costa Montenegro e Francisco Díaz Otero, a quen Cuiñas dedica palabras de agradecemento. “Cando constrúes un equipo é moi importante xuntar persoas que sexan mellores ou máis competentes ca ti, e penso que ese foi o grande éxito deste grupo”, recalca Cuiñas, un agradecemento ao que tamén suma as persoas que exercen as coordinacións das titulacións da escola e das que coordinan as actividades específicas, “fundamentais no día a día, xa que axuda moito ter un grupo numeroso de persoas implicadas na xestión”.

Como principais logros da súa etapa á fronte do centro pon en valor, “polo que representa de estabilidade para os próximos anos”, a obtención de todas as acreditacións correspondentes ás titulacións da escola, ao sistema de calidade e a acreditación institucional, de maneira que a nova dirección non ten que participar en ningún proceso de acreditación durante os tres anos de mandato. “Ademais, obtivemos o selo de calidade europeo EurACE para o Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, o que representa un respaldo á actividade académica levada a cabo nesta titulación nos anos anteriores”, explica Cuiñas.

Destacou tamén como un fito importante a posta en marcha do grao en inglés, xa que representa unha moi boa oportunidade para a expansión internacional da escola, “de feito, multiplicamos por tres o número de estudantes entrantes en mobilidade e, por primeira vez, temos alumnado estranxeiro que accede ao grado sen vir cun programa de intercambio”, recalca o director. Por outra banda, estableceron novas relacións con outros centros da propia Universidade (“por exemplo, os proxectos artísticos con Belas Artes”), doutras universidades galegas (o Máster en Ciberseguridade coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña, ou a participación en diferentes mestrados interuniversitarios) e con universidades estranxeiras (proxectos de cooperación e mobilidade de profesorado con universidades de África e Asia, o dobre máster coa Universidade de Ho Chi Minh City, etc.).