DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesora titular da Área de Explotación de Minas exerce o cargo desde xullo de 2018

Elena Alonso, reelixida directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía co 100% dos votos

Demostra o “importante papel” das persoas egresadas do centro no proceso de transición enerxética

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/10/2021

A profesora titular da Área de Explotación de Minas Elena Alonso foi reelixida este venres directora da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía co 100% dos votos emitidos na xunta de escola, xuntanza que, dada a actual situación sanitaria, se levou a cabo de xeito presencial nunha das aulas do centro para cumprir coas adecuadas medidas de seguridade. Con 27 votos a favor e ningún voto en contra nin abstencións, Alonso non dubidou en agradecer a todos os presentes a confianza depositada na súa candidatura. 

Xunto a Elena Alonso, que exerce como directora desde xullo de 2018, repiten no cargo todo o actual equipo directivo da escola: María Araújo, como subdirectora de Planificación e Organización Académica; Francisco Deive, como subdirector de Infraestruturas e Asuntos Externos; José Santiago Pozo, como subdirector de Relacións Externas e Mobilidade e Guillermo García como secretario.

Dous grandes retos: captación de alumnado e visibilizar a actividade profesional das persoas egresadas 

Os principais retos que o equipo directivo do centro se marca para os vindeiros tres anos teñen que ver coa captación de alumnado, especialmente para o Grao en Enxeñería dos Recursos Enerxéticos e Mineiros, e con visibilizar a actividade profesional das persoas egresadas. Con respecto á captación de alumnado, a directora do centro fai fincapé en que unha parte “importantísima” desta misión está relacionada coa percepción e coñecemento que ten a cidadanía, empresas e administracións da actividade profesional das persoas egresadas, “que se asocia maioritariamente, ás veces case en exclusiva, só coa minería”, salienta a docente, “cando en realidade formamos enxeñeiros e enxeñeiras tamén nos ámbitos de enxeñería da enerxía e enxeñería de materiais”.

En relación precisamente á función que os egresados e egresadas da escola teñen na sociedade actual, Alonso defende o “importante papel” que teñen e terán no actual escenario de transición enerxética  as persoas que se forman neste centro para enfrontarse aos retos tecnolóxicos que formula este escenario. En base a esta nova realidade nos últimos anos completaron xa a modificación das titulacións –obtendo a acreditacións institucional e recertificado do Sistema de Garantía Interno de Calidade-, actualizando contidos, competencias e habilidades de cada un dos graos. “Incrementamos a formación en tecnoloxías de xeración de enerxías renovables e eficiencia enerxética no Grao en Enxeñería da Enerxía e intensificamos a formación en tecnoloxías de reciclaxe e xestión de residuos no Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, por citar o máis relevante”, salientou a directora.

Outra das accións prioritarias neste novo mandato será tamén a elaboración do Plan Estratéxico do centro. “Estes tres anos traballamos moito e en moitos frontes, pero é moi importante ter claro onde queremos estar e cales son os nosos obxectivos”, salienta a directora. Neste sentido, destaca que o Plan Estratéxico vai ser unha “ferramenta absolutamente necesaria, que nos permitirá tomar decisións priorizando esforzos e recursos materiais”.

Un centro moi compremetido coa construción de valores igualitarios

En canto á valoración dos últimos tres anos á fronte da escola Alonso salienta que foron “moi enriquecedores e intensos”, pero se de algo se sinte especialmente “satisfeita e agradecida” é de todo o traballo que se ten levado a cabo no centro en materia de igualdade. “Quixera pór en valor o traballo de Teresa Rivas, quen ata o de agora asumiu a responsabilidade de enlace de igualdade do centro”, recalca a directora. Nesta liña, lembrou que, con independencia das actividades que se levaron a cabo, algunhas delas xa de carácter permanente, desde o seu punto de vista o máis importante é que se xerou na escola un “xerme de solidariedade e compromiso coa construción de valores igualitarios” que non ten marcha atrás e que vai ir a máis. Tratamos de contribuír á formación integral das persoas, así que este aspecto foi e é moi importante”.

Por outra banda, no día da súa reelección como directora Alonso tamén quixo pór en valor a “fortuna” de contar no centro cunha comunidade “moi moi participativa e implicada” coa vida académica da escola. “Nestas condicións, incluso coas dificultades derivadas da situación sanitaria, é un luxo liderar un proxecto deste tipo”, recalcou. En relación á pandemia e a como se solucionou na escola a impartición das titulacións nunhas circunstancias tan complexas e excepcionais, a directora amosouse “razonablemente satisfeita”, algo que foi posible grazas ao esforzo e implicación do profesorado e do PAS e dun alumnado que demostrou “madurez e sentido da responsabilidade”.

Experta en Explotación de Minas e ampla experiencia como xestora

Enxeñeira de Minas pola Universidade de Oviedo e doutora pola de Vigo dende o ano 2002, con Premio Extraordinario de Doutoramento, Elena Alonso Prieto centrou sempre o seu labor investigador no ámbito da área de coñecemento de Explotación de Minas, campo no que tamén desenvolve o seu labor docente. En canto aos labores de xestión cabe destacar o cargo desempeñado como directora de Estudos de Posgrao da Universidade de Vigo desde 2006 a 2012, e como Xestora de Proxectos de Investigación da Xunta de Galicia desde 2008 a 2013.