DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Frank Smyth visitou hoxe a FFT e a Ecimat 

O embaixador de Irlanda en España constata na UVigo a fortaleza dos estudos irlandeses e da investigación mariña 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 19/11/2021

Dous meses despois a súa toma de posesión, o pasado mes de setembro, o embaixador de Irlanda en España, Frank Smyth, visitou hoxe a Facultade de Filoloxía e Tradución e a Estación de Ciencias Mariñas da UVigo, onde da man dos seus responsables coñeceu o traballo que en cadanseu centro se está a desenvolver no ámbito dos Estudos Irlandeses e da investigación mariña, respectivamente. No marco dunha visita institucional que estes días está a realizar a Galicia, Frank Smyth agradeceu esta mañá “a cálida benvida que estou a recibir. Teño ideas para estreitar os vínculos que mantemos, que é parte do noso traballo, ver como nos próximos anos podemos reforzar os contactos entre Galicia e Irlanda”.

Na súa visita á FFT, que ten a súa orixe nun contacto previo da súa antecesora no cargo a raíz da celebración no centro do Congreso Internacional da Asociación Española de Estudios Irlandeses, o embaixador reuniuse coa vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama; o decano e a vicedecana de Relacións Internacionais do centro, José Montero e Beatriz Rodríguez; a directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Dolores González; a docente e investigadora Teresa Caneda, así como cun grupo de estudantes de grao e doutoramento. No caso da Ecimat, o embaixador de Irlanda en España, que está acompañado nesta xira por Galicia pola conselleira da Embaixada, Paula Molloy, tivo ocasión de visitar as instalación da estación mariña acompañado polo seu director, José Manuel Estévez, e polo director do Centro de Investigacións Mariñas e director do Campus do Mar, Daniel Rey.

Tomando o pulso aos Estudos Irlandeses na UVigo

“Como desafortunadamente o congreso do pasado mes de maio tivo que celebrase de xeito virtual e non puidemos saudar en persoa nin agradecer o seu apoio á máxima representante da Embaixada naquel momento, hoxe puidémoslle amosar en persoa, ao novo embaixador, a nosa gratitude e aproveitar para renovar os vínculos xa existentes, xa que esperamos poder seguir colaborando nos próximos catro anos nos que Frank Smyth desempeñará o seu cargo”, explica Teresa Caneda, a quen o embaixador agradeceu e eloxiou o seu traballo de anos no ámbito dos Estudos Irlandeses. “Eu teño formación como economista, pero a literatura irlandesa é un asunto de interese en Galicia e en Irlanda”, recoñeceu Smyth , na que é a súa primeira visita á Universidade de Vigo.

No seu encontro co diplomático irlandés, os responsables e docentes da FFT deixaron constancia da longa e variada traxectoria do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, logo de 20 anos desenvolvendo unha intensa actividade arredor do Estudos Irlandeses. “A través de todos estes anos, e con formatos diferentes, debido ás transformacións sufridas nos plans de estudo das antigas licenciaturas e os actuais graos, a presenza da cultura e literatura irlandesas ten sido constante nos nosos currículos de estudos con teses internacionais, premiadas, defendidas nos últimos anos”, sinala Caneda, que na actualidade, coordina  como IP o único proxecto competitivo de I+D+i  con financiación estatal específico e exclusivo sobre Estudios Irlandeses, que aborda a representación de suxeitos e grupos vulnerables na escrita contemporánea de Irlanda. “En definitiva, transmitímoslle ao embaixador que os Estudios Irlandeses gozan de moi boa saúde entre nós”, conclúe a docente e investigadora da UVigo.

Na procura de reforzar os vínculos en investigación mariña

 A visita do embaixador de Irlanda en España a instalacións da UVigo completouse este mediodía na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, onde acompañado do seu director, José Manuel Estévez, e do Centro de Investigacións Mariñas (CIM) e Campus do Mar, Daniel Rey, Frank Smyth coñeceu as actividades que se desenvolven no centro. O diplomático interesouse por visitar a Estación logo que un dos seus traballadores, Miguel Ángel Otero, que forma parte do equipo vigués Keltoi de fútbol gaélico, considerado o deporte máis popular en Irlanda, lle falase da relación que investigadores do CIM manteñen con homólogos irlandeses. “Nós estamos nuns cantos proxectos con irlandeses e máis desde o Brexit, co que eles, e é unha apreciación miña, están a xogar un papel máis artellador de relacións no Atlántico”, destaca Daniel Rey, que tamén lembrou ao embaixador a integración da Ecimat no European Marine Biological Resource Centre (EMBRC- ERIC), unha infraestrutura de investigación continental que naceu en 2013 para coordinar e harmonizar o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa.  

A participación do CIM, a través do Campus do Mar, no proxecto Marenet, no que tamén toman parte o IMDO (Irish Maritime Development Office) e o Instituto Tecnolóxico Mariño da Universidade de Cork foi outra das liñas de traballo conxuntas que Rey lembrou ao embaixador durante a súa visita. “Con eles estamos preparando un Erasmus+ como continuación do Marenet, e con eles estamos a traballar este días na creación dun centro sobre coñecemento atlántico mariño”, explica o director do CIM.