Despois de que non se presentasen candidaturas no proceso electoral aberto na facultade
Enrique Varela continuará á fronte de Dirección e Xestión Pública como decano en funcións
Atópase á fronte do Decanato desde 2022, tras exercer como decano comisario
Coa encomenda de convocar novamente eleccións nos próximos meses, Enrique Varela continuará á fronte da Facultade de Dirección e Xestión Pública como decano en funcións, despois de que o proceso de eleccións ao Decanato aberto neste centro se pechase sen candidaturas. Profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, Varela converteuse en novembro de 2022 no primeiro decano desta facultade, tras exercer desde 2020 como decano comisario, no proceso de constitución deste centro. Rematado o seu mandato, foi nomeado decano en funcións con motivo da convocatoria de eleccións, o pasado mes de decembro. Este proceso pechábase nos últimos días sen que se presentase ningunha candidatura, o que leva á continuidade de Varela como decano en funcións ata a convocatoria dunha nova votación.
En novembro de 2020, o profesor da Área de Ciencia Política e da Administración e coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 foi nomeado decano comisario para coordinar o proceso de constitución dun centro ao que se adscribiron o Grao en Dirección e Xestión Pública e o Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, que se impartían na antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Completado este proceso, en novembro de 2022, foi elixido pola Xunta de Facultad como primeiro decano deste centro, por un período de tres anos, segundo a normativa previa á aprobación da LOSU, que fixa en seis anos a duración destes mandatos.
Completada a “fase de institucionalización”
Despois de cinco anos á fronte do Decanato, Varela sinala que “cumprín co meu compromiso coa Universidade, creo que satisfactoriamente”, o que lévao a avogar porque un “novo equipo” se sitúe á fronte do centro. Nese senso, lembra que o seu nomeamento como decano comisario e o de Xosé Mahou como secretario comisario tiñan como obxectivo coordinar os traballos de “deseño e creación formal” do novo centro. En paralelo, apunta, outro dos retos era a “consolidación” dun grao que en 2020 puña en marcha a súa modalidade virtual, o que fixo que “fósemos pioneiros no Sistema Universitario de Galicia”. Neste punto, Varela ve completada a “fase de institucionalización da facultade”, que permitiu “darlle un marco ao grao e ao máster e ter proxección en Galicia, España e América Latina”, así como a creación, coa participación de PDI, PTXAS e alumnado “dun sentimento de comunidade”.
Nestes cinco anos, engade, “conseguimos consolidar a matrícula, tanto presencial como virtual” e o pasado curso “fomos o grao e a facultade máis valorados” nas enquisas de satisfacción da UVigo. Do mesmo xeito, o traballo desenvolvido contribuíu a que as institucións da contorna “recoñézannos como socios fiables”, sinala Varela, que destaca como exemplo que Dirección e Xestión Pública foi “a titulación máis demandada no programa +Emprega da Deputación de Pontevedra”, por parte dos diferentes concellos da provincia.
Seguir en contacto coas institucións
Ata unha nova convocatoria de eleccións, Varela continuará á fronte dun equipo no que permanecen tamén en funcións Xosé Mahou, como vicedecano de Virtualización e Innovación Educativa; Sara Torres, como vicedecana de Orzamentos, Mobilidade Internacional e Calidade, e Óscar Briones como secretario académico. No referido a este período, sinala que un dos obxectivos será “seguir mantendo o contacto cos nosos socios, cos empregadores e coas institucións galegas e españolas”. Ao mesmo tempo, ante a próxima convocatoria de eleccións á Reitoría da UVigo, sinala que outras das cuestións a realizar será “reclamar” ás diferentes candidaturas “aquilo que nos faltou”. Nomeadamente, sinala, “a estabilización do PTXAS no Decanato, un incremento do orzamento e un esforzo especial de internacionalización”.
