DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Dirección e Xestión Pública é o novo secretario xeral da AECPA

Enrique Varela incorpórase á directiva da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración

Representantes da facultade mantiveron un encontro co delegado do Goberno en Galicia

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 05/10/2026

O profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública e coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, Enrique Varela, converteuse no primeiro representente da UVigo en formar parte da xunta directiva da Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA). Integrada por máis de 600 investigadores e investigadoras, esta asociación elixía recentemente a súa nova executiva para os próximos catro anos, encabezada pola catedrática da Universidad Complutense de Madrid Esther del Campo, con Varela como secretario xeral. 

Antonio Garrido e Araceli Mateos, das universidades de Murcia e Granada, como vicepresidentes; e Mercedes Alda, da Rey Juan Carlos, como tesoureira, completan, xunto con dez vogais, a nova executiva desta asociación. Elixida no marco do XVIII Congreso da AECPA, celebrado recentemente en Granada, trátase da primeira vez que un representante da UVigo forma parte da directiva dunha entidade fundada en 1993 e que ten como obxectivos fundamentais o desenvolvemento da ciencia política e da ciencia da administración, o fomento das investigacións neste eido e o impulso da cooperación científica e profesional entre persoal investigador.

Varela, que pechaba en setembro a súa etapa como decano de Dirección e Xestión Pública, destaca nese senso que a súa participación na AECPA pode contribuír a que a facultade conte “non só con visibilidade, senón tamén con capacidade de interlocución”, tanto á facultade como ao grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3, do que é coordinador. A este obxectivo contribúe tamén, lembra, o seu papel como vicepresidente da Conferencia Interuniversitaria dos Graos en Xestión e Administración Pública (Cigap), que presidiu entre 2022 e 2024. 

Recambio xeracional e capacidade de internacionalización

Entre as tarefas da directiva da que formará parte os próximos catro anos atópase a programación tanto dos congresos que a AECPA promove con carácter bienal, como das actividades dos seus doce grupos permanentes, dirixidos a facilitar o intercambio de coñecemento entre investigadores e investigadoras en ámbitos concretos da ciencia política e da administración. Alén disto, destaca como un dos eixes centrais do labor do equipo responsable da asociación nos próximos anos unha cuestión “fundamental en todas as institucións españolas a día de hoxe, que é o recambio xeracional”. Neste punto, o representante da UVigo subliña a necesidade de “dar entrada a novas e novos investigadores e profesores” na asociación. 

Outro dos “retos”, engade, será traballar para “seren potentes como asociación na defensa dos intereses dos títulos de ciencia política e da administración”, incidindo no seu papel como interlocutora ante as administracións. Neste punto, Varela avoga por reforzar este papel “non só en España senón tamén en América Latina”, o que lévao a incidir na importancia de “fortalecer as redes internacionais” dunha entidade afiliada á International Political Science Association (IPSA).

Encontro co delegado do goberno
 

 

Por outra banda, a Facultade de Dirección e Xestión Pública e o Observatorio da Gobernanza G3 veñen de colaborar coa Delegación do Goberno en Galicia na formación de persoal directivo da Administración Xeral do Estado, sendo responsables de impartir nos últimos días os primeiros módulos dun curso sobre dirección pública profesional e innovación. Coincidindo con esta actividade, o novo decano, Fernando Martínez, o vicedecano Óscar Briones e o coordinador do Observatorio da Gobernanza, Enrique Varela, mantiveron un encontro co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Como un “primeiro contacto” tras o seu nomeamento como decano define Martínez Arribas unha reunión que permitiu abordar cuestións relacionadas “coa formación directiva e aspectos vinculados coa facultade”.

Este encontro tivo lugar con motivo do curso Dirección pública profesional e innovación, promovido pola Delegación de Goberno e no que participaron como docentes. “Encargámonos de ofrecerlles unha visión da situación do persoal directivo nos distintos niveis da administración”, explica Martínez dunha actividade na que afondaron en aspectos como as propostas para “intentar profesionalizar” a dirección pública en España, dirixidas a “garantir unha maior capacidade de autonomía” respecto dun “nomeamento de carácter máis político”. Neste punto, o decano recoñece que se levaron a cabo “tímidos intentos”, mais aínda non se desenvolveron procesos que permitan “verificar as competencias e habilidades” das persoas que optarían a postos directivos, “que cremos que é o camiño cara onde hai que ir”. Do mesmo xeito, este curso permitiu aos investigadores da UVigo abordar “o papel da intelixencia artificial na administración”, pondo o foco na súa utilidade á hora de axilizar diferentes procedementos, máis tamén a necesidade de pór o foco nos “valores éticos e humanos” na súa implantación.

Neste punto, o decano pon de relevo o positivo de que a Delegación do Goberno optase pola “única Facultade de Dirección e Xestión Pública que, como tal, existe en España” para a formación do seus cadros directivos.