DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tanto a certificación do sistema de garantía interno como o selo internacional EUR-ACE 

Enxeñaría Forestal renova os seus selos de calidade

Desde o centro destacan que supoñen un “valor engadido para a titulación”

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Calidade
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/03/2023

Como “un valor engadido para a titulación” destaca a subdirectora da EE Forestal, Ángeles Cancela, os procesos de renovación e confirmación das certificacións que acreditan a calidade do centro que a escola completou nos últimos días. Por unha banda, a renovación do certificado Fides-Audit á implantación do seu Sistema de Garantía de Calidade (SGC), outorgado pola Axencia Para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), que a escola obtivera por primeira vez en 2016. Por outra, a Escola de Enxeñaría Forestal recibía tamén nos últimos días a concesión definitiva do selo internacional EUR-ACE, que obtivera de xeito provisional en 2019.

“O Sistema de Garantía de Calidade abrangue todos os procesos e todo o que se fai no centro”, salienta a subdirectora e responsable de calidade da escola, que lembra que o SGC abrangue tanto os aspectos referidos á “dirección estratéxica e á xestión da calidade e mellora continua”, como a propia docencia e a xestión académica, do persoal, documental e de infraestruturas. Verificar o correcto funcionamento e implantación no día a día do centro desta serie de procedementos é o propósito da certificación que outorga a ACSUG, tras someterse os centros á avaliación dunha comisión externa, un proceso que a EE Forestal completou por primeira vez en 2016, converténdose por aquel entón no primeiro centro do campus pontevedrés en obter o certificado Fides-Audit, que recentemente acadaba tamén a Facultade de Fisioterapia. Rematado o período de vixencia deste certificado, a EE Forestal tivo que someterse a unha nova auditoría externa, que acordou a “recertificación” deste sistema ata 2028, como explica Cancela, o que confirma “que todo o que rodea a titulación están funcionando correctamente”. 

Confirmación do selo europeo

De xeito paralelo, a escola recibía tamén nos últimos días a concesión definitiva ao Grao en Enxeñaría Forestal do selo EUR-ACE, que acredita o cumprimento duns estándares europeos nos diferentes ámbitos da enxeñaría. A titulación obtivera este Selo Internacional de Calidade (SIC) en 2019, mais, como explica Cancela, fora concedido cunha serie de “prescricións que tiñamos que cumprir”, polo que era preciso someterse a unha “revisión” para aumentar o seu período de vixencia. Concretamente, sinala a subdirectora, a escola debía presentar “unha serie de melloras” que permitisen evidenciar “que o alumnado conseguira acadar unha serie de competencias que debían adquirir en diferentes materias”, un proceso que o centro levou a cabo “coa colaboración de todo o profesorado” e que posibilitou “a concesión definitiva” desta acreditación, con validez ata 2025. 

Xestionado en España pola ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación), trátase dunha certificación destinada a verificar que unha titulación cumpre cos criterios europeos de calidade definidos por axencias internacionais de calidade na educación superior e orientados a desenvolver as competencias europeas profesionais nos respectivos ámbitos.“É un selo internacional, polo que cando alguén está buscando un centro no que estudar unha enxeñaría sempre vai optar antes por aquel que teña este recoñecemento”, apunta Cancela respecto dun certificado que agardan que contribúa á captación de alumnado. Non en van, lembra, ademais de pór en valor o traballo que se leva a cabo na escola, supón tamén un recoñecemento para aqueles e aquelas que completan nela os seus estudos e que “fano cunha acreditación europea como enxeñeiros”.