No 40 aniversario desta especialidade na Universidade de Vigo
Enxeñaría Industrial presume da valía das súas enxeñeiras e enxeñeiros de Organización
Este martes tivo lugar unha xornada técnica que trouxo de volta a escola a cinco egresados do centro
Tres mulleres e dous homes, cinco exemplos de profesionais formados na especialidade de Organización Industrial da Escola de Enxeñería Industrial ao longo dos últimos corenta anos. Mara Sanmartín, Millán Otero, Olaya Cea, Ignacio Garmilla e Ana Mouriz protagonizaron este martes na EEI o arranque da celebración das actividades conmemorativas do 40 aniversario da especialidade de Enxeñaría de Organización Industrial na Universidade de Vigo.
Foi a primeira das xornadas de toda unha serie de actividades que se prolongarán ao longo de todo o ano, tal e como explicou no acto o catedrático José Carlos Prado, coordinador das xornadas, quen estivo acompañado no evento polo vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Cidrás, e o director da escola, José Fariña. Os tres lle agradeceron a estes egresados e egresadas a súa visita ao centro. Nesta liña, José Fariña fixo mención á satisfacción de toparse con egresados e egresadas, máis se é na propia escola, resaltando así a importancia, de converter o centro en “lugar de encontro” e organizar actividades que reforcen o “sentido común de pertenza”, tanto á escola como á propia Universidade de Vigo.
“Coa organización deste ciclo de xornadas a nosa idea non só é falar da polivalencia, que é unha característica indisoluble ao enxeñeiro de organización, senón tamén, achegar o perfil de persoas que están desempeñando postos en actividades ou sectores nos que, probablemente, non é habitual pensar que haxa persoas de Organización desempeñándoos”, explicou Prado. Do mesmo xeito, o organizador das xornadas aproveitou tamén para destacar que este tipo de eventos buscan agradecerlle ás empresas “que ano tras ano” lles demandan enxeñeiros e enxeñeiras de organización formados nesta escola, algo que claramente uniu ao feito de que “ todos eles e elas están dando o dó de peito alá onde traballan”.
Cinco exemplos de éxito profesional en sectores moi distintos
Baixo o título O enxeñeiro de Organización: perfil polivalente, esta primeira xornada contou coa participación destas cinco persoas egresadas que lle puxeron cara a esta polivalencia, cinco profesionais que levan a cabo o seu labor en actividades/sectores/empresas menos habituais ou máis descoñecidas, pero onde a enxeñaría de organización xoga un papel importante. Seguindo esta premisa contouse coa participación de Mara Sanmartín Carrera, responsable de Loxística no Hospital Ribera Povisa; Olaya Cea Fontela, responsable de Enxeñaría no Grupo Castrosúa; Ignacio Garmilla Mancho, director de Operacións en Optare Solutions; Millán Otero Dans, People Planning en Inditex; e Ana Mouriz Martínez, responsable de Desenvolvemento Local e Emprego no Concello de Vigo.
“Queremos aproveitar esta visita á escola para contarlle ás novas xeracións que opcións teñen sendo enxeñeiros e enxeñeiras de organización”, explicou Sanmartín, quen admitiu que foi no 30 aniversario da especialidade cando “asistindo como público escoiteille falar a unha persoa da posibilidade de traballar nun hospital e pareceume unha idea moi atractiva”.
Pola súa banda, Olaya Cea, responsable de enxeñaría do Grupo Castrosúa, representou na mesa ás xeracións de titulados máis novos. “Nunca pensei que acabaría traballando nunha empresa de autobuses, si na automoción, pero non nos autobuses, que é algo moi diferente”, indicou, ao que engadiu, que “estudar Enxeñaría de Organización Industrial ábreche a mente para poder traballar en calquera ámbito, dáche capacidade de entender, ensínache a saber desenvolver calquera tipo de problema, a desenvolverte no posto de traballo e, sobre todo, a tratar con persoas, que é moi importante”.
No caso de Ignacio Garmilla, centrouse en explicarlle as funcións dun director de operacións nunha consultora tecnolóxica e dar a súa visión de por que a Enxeñaría de Organización “é unha plataforma de partida excelente para incorporarse á xestión de recursos e de persoas”. Nesta mesma liña tamén se pronunciou Millán Otero, xestor de recursos humanos en Inditex, mentres que Ana Mouriz, representou neste caso o perfil dos profesionais que, “sen telo pensado nunca”, remataron na función pública.
A seguinte xornada será o 19 de marzo
A seguinte xornada será o 19 marzo e levará por título Os mozos enxeñeiros de organización. A terceira celebrarase o 16 de setembro e centrarase no papel destes profesionais como emprendedores e ante as novas tecnoloxías; a cuarta, o 21 de outubro, analizará o seu labor nos postos de alta dirección, e a conferencia de clausura está prevista para o 21 de novembro.