DUVI

Diario da Universidade de Vigo

14 equipos participaron en Zaragoza na Liga Española de Debate Universitario

O enxeñeiro Guillermo Fernández repite como mellor orador universitario de España, mentres o equipo da UVigo se proclama subcampión da LEDU

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 03/10/2022

As e os integrantes da Asociación Retórica da Universidade de Vigo seguen a sumar éxitos, desta volta na décima edición da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), celebrada a fin de semana en Zaragoza, coa participación de 14 equipos en representación doutras tantas universidades españolas. O enxeñeiro en Electrónica Industrial e Automática da UVigo Guillermo Fernández Sánchez foi quen de revalidar o seu título de mellor orador universitario de España, mentres que o equipo da UVigo proclamouse subcampión da LEDU, que gañou o equipo da Universidad de Málaga. “Cumprir un soño que consideraba inalcanzable”, significa para Guillermo Fernández esta segunda vitoria acadada na LEDU, un triunfo que agradece “ a todos os xuíces, resto de  compañeiros das distintas universidades e principalmente ao apoio, feedback e cariño que me amosou o meu equipo. Grazas a eles conseguimos mellorar e acadar de novo este título”, asegura o mellor orador universitario de España.

Pola súa banda, contando con Guillermo Fernández nas súas ringleiras, o equipo da UVigo que acadou o subcampionato da LEDU 2022 estaba formado por Santiago Janeiro (Enxeñaría de Telecomunicacións), Inés Túñez (Tradución e Interpretación), Laura Bacariza (Enxeñaría de Telecomunicacións), Martín Blanco (PCEO Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica) e Tomás Aparicio (Doble Grao Derecho e ADE). “Para nós é acadar o ouro, non houbo sentimento negativo. Pasamos de estar entre os oito mellores o ano pasado a ser o segundo mellor equipo en 2022. Dinnos isto hai un ano e non o creríamos”, asegura Guillermo Fernández, que destaca a boa relación que manteñen co equipo Aduma da Universidad de Málaga, gañador da competición. “É un equipo co que temos unha gran relación e se gañan eles, tamén gañamos nós. Disfrutamos dunha incrible final contra eles e a deportividade que se vive na LEDU é tremenda. Aquí gañamos todos”, asegura o enxeñeiro.

A 3000 euros ascende o galardón acadado polos subcampións da LEDU, que nesta edición contou co expresidente de Ciudadanos, Albert Rivera, como presidente do xurado, acompañado de expertos en oratoria e directivos de empresas. Verase afectada a democracia pola virtualización da sociedade? foi o tema sobre o discutiron os integrantes dos equipo da Universidade de Málaga e da Universidade de Vigo.

Chaqueta, trofeo e bolsa para o mellor orador universitario de España

Vestido coa americana deseñada pola firma El Ganso, que o acredita como mellor orador universitario de España, Guillermo Fernández, tamén recibiu como gañador da competición un trofeo e unha bolsa da Academia EY Voice, ademais dun teléfono móbil. “Hai moito traballo e esforzo detrás deste último mes estudando e aprendendo e ensaiando toda a información posible para responder á pregunta do torneo, porque todos os razonamentos, ideas disruptivas e exordios visuais están previamente meditados”, explica Guillermo Fernández.

O de novo mellor orador universitario de España sinala a naturalidade e a ilusión como dúas das claves determinantes para a súa vitoria. “Destacou unha valoración que me outorgaron os xuíces e é que no escenario son eu mesmo (a naturalidade). Sabía que este torneo ía ser o me ‘derradeiro baile’ como debatente e saía ao escenario coa mesma ilusión que na LEDU 2021. A mesma ilusión que ten un neno  cando fai algo que lle apaixona”, asegura o enxeñeiro da UVigo.