DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras adiarse o pasado mes de marzo polas circunstancias sanitarias

Enxeñería Industrial celebra patrón lembrando as orixes e festexando a chegada de novas titulacións para o curso 22-23

O acto trasladouse á sede campus e como é habitual entregáronse múltiples distincións a alumnado, PD

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/06/2021

Lembrando as orixes, satisfeitos por ter sido capaces de superar este curso coa máxima presencialidade e festexando a posta en marcha de novas titulacións, algunhas este curso –tres dobres graos- e outras dúas para o curso 22-23: Grao Dual en Enxeñaría de Automoción e Mestrado en Enxeñaría Biomédica,. Así celebrou este ano a Escola de Enxeñería Industrial o seu patrón, San Xosé, unha festividade que debería ter tido lugar no mes de marzo pero que as circunstancias sanitarias obrigaron a adiar ata agora.

Celebrouse “dun xeito diferente e sinxelo”, tal e como indicou o director da escola Juan E. Pardo e, no canto da sede cidade, que era o tradicional, a festividade trasladouse ao salón de actos da sede campus da escola, instalacións que permiten albergar a máis persoas mantendo as axeitadas distancias de seguridade. Aos tradicionais recoñecementos -aos docentes mellor valorados, as mozas e mozos investigadores da escola e aos PAS e PDI que cumpren 30 anos de antigüidade- sumouse este ano o recoñecemento a todo un centro “por cumprir dun xeito bastante razoable o desenvolvemento da docencia de xeito presencial, máxime tendo en conta a dimensión desta escola”, salientou o director, quen aproveitou esta celebración para subliñar o compromiso, a implicación e a responsabilidade de todas as persoas que forman parte do centro para acadar este obxectivo.

 “Teño que facer un recoñecemento a todo o noso alumnado polo esforzo e o grande sacrificio feito neste curso e a súa comprensión e madurez fronte  as adversidades e situacións que as veces non eran as máis axeitadas”, salientou o director, ao que engadiu que outra das liñas que máis caracterizou este curso foi a aposta da escola por aproveitar esta situación e acelerar o proceso de modernidade nos medios e no equipamento de apoio a docencia, “proceso que xa se iniciara antes de atoparnos con esta situación”.

EEI: motor de nacemento da Universidade de Vigo

O acto arrancou coa intervención  do exreitor Luis Espada que impartiu o relatorio EEI: motor do nacemento da Universidade de Vigo, unha charla na que o catedrático trasladou ás persoas asistentes aos inicios da hoxe Escola de Enxeñería Industrial. Arrancou esta viaxe no 1976 cando  chega a Vigo, procedente da Universidade Politécnica de Cataluña, para pór en marcha este proxecto. “Cheguei ao aeroporto e díxenlle ao taxista que me levase á Escola de Enxeñería Industrial, ao que el me respondeu que iso non existía... Para que vos fagades unha idea, as clases comezaban ao mes seguinte”. Finalmente, foi o daquela alcalde, Joaquín García Picher, quen o acompañou, no seu coche oficial, ata a rúa da Paz, ao carón do que antes era Peritos. “Alí só había un solar no que se ían instalar unha serie de prefabricados, a modo de barracóns, e así arrancamos en outubro de 1976”, explicou Espada, lembrando tamén que no primeiro día de clase “non había nin sequera cadeiras, polo que estivemos todos de pé”. Chegaron pola tarde nun camión que se encargaron de descargar a media ducia de docentes cos que arrancou a titulación, entre eles José María Barja, quen máis tarde se converteu en reitor da Universidade da Coruña. “Moitas veces nos rimos logo co feito de que para ser reitor había que primeiro descargar cadeiras”, salientou Espada, quen tamén lembrou que non foi ata o curso 1983-1984 que se trasladaron ao campus.

Do nacemento e consolidación da Escola de Enxeñería Industrial, confluencia da escola técnica e da superior, Espada pasou a relatar onde traballan e os cargos que teñen os egresados e egresadas que desde 1983 saíron desta escola. Salientou que aproximadamente o 70% levan a cabo o seu labor en Galicia; o 17% no resto das comunidades autónomas, sobre todo Madrid e Cataluña, e arredor do 13%  no estranxeiro, “temos contabilizados titulados en 70 países dos cinco continentes”. Falou tamén do Observatorio de Egresados e a necesidade de fortalecer os vínculos entre a Universidade e as persoas egresadas e como lle afectou a covid 19 aos antigos alumnos e alumnas que xa están traballando. 

O exreitor rematou a súa intervención lembrando que “o que importa non é o que brilla, senón aquilo que o fai brillar” e, por iso, deu as grazas, aos docentes, o alumnado e o PAS da EEI que co seu labor contribuíron a facer brillar ás persoas tituladas que, ano a ano, saen das súas aulas desta escola e que, “espallados por todo o mundo se converteron en verdadeiros embaixadores desta casa”.

Entregáronse medio cento de recoñecementos

Como é habitual a festividade do patrón supuxo tamén a entrega de múltiples recoñecementos, nesta ocasión máis numerosos que nunca, pois fíxose entrega dos correspondentes a este curso e ao anterior, cando a pandemia impediu a celebración deste acto. En total entregáronse preto de medio cento de diplomas. Nunha cerimonia conducida pola subdirectora, Ana Mejías, os primeiros en recoller os recoñecementos foron as profesoras e profesores mellor valorados segundo as enquisas realizadas ao alumnado da EEI (Ignacio J. Román, Eugenio I. Fuentes, Marta Pazos e José Durany).

Tras eles viñeron as 18 mozas e mozos investigadores da EEI aos que lle foi concedida unha axuda de predoutoramento nalgunha das convocatorias da Xunta, UVigo ou ministerio, un xesto co que a escola quere pór en valor a aposta por continuar a investigar e, deste xeito, prepararse para reforzar e reter o talento na Universidade. Viñeron despois o Persoal de Administración e Servizos que cumpre 30 años de antigüidade e o profesorado que cumpre 30 anos de antigüidade como docentes, aos que lles dedicou unhas verbas o docente xa xubilado Eusebio Corbacho.