DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Son os mellores resultados acadados polo Club Escualos Campus da Auga ata agora

O equipo masculino de natación gaña o Campionato Galego Máster de Verán

Na clasificación conxunta proclamáronse subcampións

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 14/06/2021

O equipo masculino do Club Natación Escualos Campus da Auga proclamouse este domingo campión do Campionato Galego Máster de Verán. As nadadoras quedaron no cuarto posto e na clasificación conxunta o club rematou subcampión. Son, indican desde Escualos, “os mellores resultados da nosa historia”.

O Campionato Galego Máster de Verán finalizou este domingo na piscina Álvaro Pino de Ponteareas. “Conseguimos 61 medallas, das cales 30 foron de ouro, 15 de prata e 16 de bronce, cun total de 823 puntos que nos auparon á consecución do subcampionato, por detrás de CN Ponteareas”, sinalan desde Escualos. O equipo masculino ourensán proclamouse campión galego cun total de 554 puntos nunha “vibrante competencia ata a última proba co CN Ponteareas” e o feminino acadou, con 269 puntos, unha cuarta posición “moi meritoria xa que o equipo acudía moi minguado polas baixas”.

Desde o Club Natación Escualos Campus da Auga subliñan que “é o primeiro título para o noso club despois do debut no primeiro campionato galego no ano 2016, casualmente na mesma piscina Álvaro Pino de Ponteareas”. Este logro súmase ao acadado a pasada semana, cando Escualos proclamouse subcampión da Liga Galega Máster, unha competición que premia a regularidade e na que participaron 23 equipos. Da xornada celebrada este domingo, desde o equipo do campus queren ademais “resaltar a extraordinaria organización por parte de CN Ponteareas”.

Sobre o Campionato Galego Máster de Verán, o Club Natación Escualos Campus da Auga recalca que foi “un campionato con 25 clubes e o primeiro que se celebra tras a pandemia, con medidas de seguridade moi estritas, acceso con control por QR e retransmisión en streaming”, agradecendo a árbitros e xuíces da Fegan o traballo realizado durante toda a tempada para poder organizar campionatos.