DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres foron recibidos polo vicerreitor Francisco Javier Rodríguez

O equipo de rugby do campus pecha unha tempada de éxitos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 24/05/2024

Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, recibiu este venres a unha representación do Campus Universitario Ourense Rugby Club, que acaba de rematar unha “tempada redonda” na que unha vez máis se acumulan os bos resultados. O equipo presentou ao responsable académico un palmarés no que destacan o título de campión da Liga galega sénior 15, da primeira división rexional, e a copa Xunta de Galicia na modalidade de rugby 7, acabando en ambas invicto. Un ano máis, aínda que optaban a xogar o ascenso á división de honra B estatal renunciaron a facelo. A este logros súmanse os resultados conseguidos nas competicións universitarias tanto intercampus, como galega e estatal, onde poñen en valor o “bo papel” desempeñado polos xogadores ourensáns.

O vicerreitor quixo trasladarlle aos membros da directiva, adestradores e xogadores das diferentes categorías do club presentes que “estamos moi orgullosos deste equipo e do fantástico labor que facedes” e subliñou, entre outras facianas, a súa contribución á promoción do deporte, tamén entre as xeracións máis novas. O responsable académico sinalou que o rugby é o “deporte universitario por antonomasia” e lembrou o compromiso da UVigo por traballar para ter “as mellores instalacións e servizos posibles” para a práctica deportiva. Pola súa banda, o Campus Universitario Ourense Rugby Club quixo “agradecer á Universidade de Vigo e especialmente ao campus de Ourense todo o traballo que fan por nós e a axuda que nos proporcionan durante a tempada e ao longo de todos estes anos”.