DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No partido disputado o domingo nas instalacións universitarias do campus

O equipo de rugby perde ante o AVK Bera Bera

Os ourensáns sitúanse sextos no seu grupo na división de honra estatal

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 14/12/2020

O Campus Universitario Ourense Rugby Club disputou esta fin de semana nas instalacións universitarias a quinta xornada da liga 2020/2021 da División de Honra B do rugby estatal. Os ourensáns perderon 29-39 o domingo fronte ao AVK Bera Bera RT e con este resultado sitúanse sextos no seu grupo, con dúas vitorias e tres derrotas no que vai de tempada. “Non puido ser”, explican desde o club salientando como ao final da primeira parte o marcador era de 8-16 e como “na segunda parte houbo unha reacción por parte do Campus con tres ensaios pero non foi suficiente e, ademais, os golpes de castigo (seis golpes transformados) foron ben aproveitados por Bera Bera, deixando o resultado final en 29-39”. No encontro, o público asistente colaborou coa campaña Operación Quilo de Nadal da asociación Amencer levando produtos alimentarios.

Desde o equipo de rugby ourensán tamén veñen de pór en marcha unha campaña de captación de socios. Este ano, indican, necesitan o apoio da afección “máis que nunca para seguir medrando e poder consolidar o traballo realizado nas últimas tempadas”. Facerse socio ou socia, sinalan, é un proceso sinxelo que se pode facer a través da web do club e só “cun par de clics”. As persoas que o fagan, detallan, recibirán un carnet virtual, material do club e terán descontos en diversos establecementos da cidade.