Participa ata o domingo na categoría de intelixencia artificial da Formula Student UK
O equipo da UVigo Auria Technologies compite no circuíto de Silverstone cun sistema de condución autónoma de coche eléctrico
A súa proposta é froito do traballo realizado este curso académico por 40 estudantes do campus
Despois de todo un curso académico de intenso traballo fóra das aulas, o equipo da Universidade de Vigo Auria Technologies, formado por case 40 estudantes de diferentes titulacións do campus de Ourense, compite desde este mércores e ata o domingo na Formula Student UK-Artificial Intelligence (FSUK-AI), que se celebra no circuíto de Silverstone, en Reino Unido. Nela universidades de diferentes partes do mundo poñen a proba as súas propostas de condución autónoma de coches eléctricos, propostas deseñadas e programados por estudantes aplicando intelixencia artificial.
O equipo da UVigo é o único galego nesta competición internacional. O seu sistema de condución é froito do traballo de estudantes das titulacións de Intelixencia Artificial e Enxeñaría Informática (ambas da Escola Superior de Enxeñaría Informática); Enxeñaría Aeroespacial (da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo) e de Turismo (da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo). A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Universidade de Vigo, o Cesga, IPG, OnShape, Aerolab e o Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial. 18 dos membros do equipo están agora en Reino Unido participando no certame.
Un vehículo 100% xestionado mediante intelixencia artificial
O reto que propón a FSUK-AI ao alumnado é deseñar, programar e facer competir un coche autónomo sen condutor, 100% xestionado mediante intelixencia artificial. Nesta modalidade os equipos non fabrican os vehículos, xa que o coche base proporciónao a organización e a partir de aí, sinalan desde Auria, “nós traballamos sobre distintos aspectos como o desenvolvemento do software, a electrónica e tamén unha plataforma física de sensores que se incorpora ao vehículo da competición”. En Reino Unido participan 38 equipos de universidades de diferentes partes do mundo, desde Estados Unidos a Turquía. Ademais da representación ourensá, de España están as universidades de País Vasco, Pontificia Comiñas e Madrid. “Esta é unha oportunidade única para representar a Galicia nunha contorna de excelencia tecnolóxica”, afirman desde Auria Technologies.
No circuíto de Silverstone, os equipo deben superar dous tipos de probas. As primeiras son probas estáticas, nas que se avalía o traballo teórico e de enxeñaría (o deseño do sistema autónomo, o plan de negocio e a aplicación real da condución autónoma), tendo que xustificarse as decisións técnicas e o potencial real do sistema. A segunda fase de probas son as dinámicas (en pista), similares ás de Formula Student tradicional pero sen piloto, e consisten en acelerar en liña recta, curvas en forma de 8, volta rápida en circuíto e proba longa de resistencia. O primeiro día de competición, o mércores, Auria Technologies superou con éxito as probas realizadas do CAN Bus e as inspeccións estáticas, “marcando un avance importante no proceso de validación do vehículo”. Este xoves continúan coas partes restantes do proceso de verificación técnica que se levan a cabo antes da saída a pista. Unha vez finalizadas e aprobadas estas probas estáticas, o equipo da UVigo estará listo para probar o seu sistema na práctica.
Un curso académico de traballo colectivo
O sistema de condución autónoma con IA de coches eléctricos proposto por Auria Technologies é o resultado do traballo desenvolvido ao longo do curso polos seus membros, organizados en cinco departamentos. O departamento de hardware foi o encargado do deseño do chasis e da estrutura do vehículo, asegurando a súa resistencia e adecuación aos requisitos da competición. Tamén se encargou do cableado dos vehículos de probas e da impresión 3D de pezas necesarias para a ensamblaxe do chasis. O departamento de software foi o encargado de desenvolver, probar e manter os sistemas que permiten a condución automatizada e colaborou na integración de sensores e algoritmos de intelixencia artificial. Pola súa banda, o departamento de probas estáticas elaborou o marco teórico da competición e o plan de negocios. O equipo tamén conta cun departamento de recursos humanos (que xestiona e apoia en tarefas de desenvolvemento web e na realización de documentos) e un departamento de mercadotecnia, encargado da preparación de publicacións en redes sociais e da xestión do contacto con patrocinadores, fortalecendo a visibilidade e financiamento do equipo.
Esta é a segunda ocasión na que Auria Technologies compite en FSUK-AI. O ano pasado fíxoo por primeira vez, alcanzando a 19ª posición na clasificación final. Más alá do resultado concreto, esa experiencia sentou as bases dun proxecto que agora continúa consolidándose e medrando e que ten como principal reto a formación do alumnado ao longo do curso mediante a participación nun proxecto aplicado e real deste tipo. “Somos unha asociación estudantil sen ánimo de lucro nacida en Galicia cunha misión clara: fomentar o talento novo en intelixencia artificial. O noso equipo está formado por estudantes universitarios con formación técnica que, ademais de estudar, dedicamos o noso tempo a desenvolver proxectos de software impulsado por intelixencia artificial que teñan un impacto real, que poidan ter unha utilidade día a día na sociedade”, explican desde Auria Technologies.
