DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase do Grupo de Investigación BV1 da Facultade de Ciencias

Un equipo da UVigo participa nun proxecto sobre innovación no proceso produtivo da apicultura

Afonda na diversificación e introdución de novas tecnoloxías no sector

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 25/01/2021

O Grupo de Investigación Plantas, Solo e Aproveitamento de Subprodutos BV1, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está a participar nun proxecto que baixo o título Innovación no proceso produtivo para unha apicultura sostible ten como obxectivo principal incrementar a competitividade e sostibilidade deste sector a través tanto da diversificación da produción apícola como da redución dos custes desta produción.

O proxecto, liderado pola Agrupación Apícola de Galicia e realizado en colaboración con empresas e apicultores do sector, está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, na convocatoria de 2020. A participación da Universidade de Vigo, que se prolonga desde este ano e ata 2022, está liderada por M. Carmen Seijo, profesora e investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo, e con ela dáse continuidade á liña de especialización do seu equipo no eido da apicultura.

Sobre a relevancia de apostar pola innovación no proceso produtivo para unha apicultura sustentable a través de iniciativas coma este proxecto, o equipo participante da UVigo explica como “a apicultura é unha das actividades agrogandeiras de maior tradición en Galicia pero tamén unha das máis vulnerables aos cambios que suceden nunha contorna globalizada actual”. Entre eses cambios, poñen o aceno no efecto da dinámica climática sobre a fenoloxía das especies, afectando aos recursos nectaríferos e ao aproveitamento polas abellas, e nas consecuencias da entrada de especies invasoras como a Vespa velutina ou os efectos de Varroa destructor sobre as colonias de abellas. Tamén apuntan a necesidade de introducir novas tecnoloxías no sector para a mellora dos sistemas de manexo.

Dúas liñas de actuación

Neste contexto, as liñas de traballo do grupo de investigación BV1 están encamiñadas, tal e como apuntan as súas responsables, a “fomentar un sector apícola produtivo, competitivo, con alto grao de resiliencia ás ameazas e polo tanto economicamente viable”. O proxecto que desenvolven, detallan, ten dúas vertentes: a diversificación da produción apícola e a mellora dos seus métodos e técnicas de manexo, para facer fronte aos retos da apicultura actual. A primeira vertente, detallan as investigadoras da UVigo, diríxese á posta en valor de produtos da colmea como o pole e os propóleos. “A obtención de ambos produtos está cada vez máis introducida, constituíndo unha alternativa económica para os apicultores en anos de mala colleita de mel”, indican. A participación do grupo da Facultade de Ciencias céntrase neste eido na mellora do coñecemento das características destes produtos que dependen fundamentalmente da orixe botánica. “O obxectivo final é ter información sobre o produto para garantir a súa autenticidade e facilitar o seu etiquetado”, afirman.

A segunda liña de traballo está relacionada coa introdución de novas tecnoloxías para facilitar o manexo das colmeas e baséase na instalación de sistemas de monitorización de colmeas que permitan obter datos para mellorar a xestión das explotacións apícolas. “En especial, estes sistemas de monitorización constitúen un método de seguimento en remoto das colonias, podendo proporcionarnos datos como o estado xeral da colonia, a entrada de fluxo de néctar ou a presión de velutina”, comentan as investigadoras. Deste xeito, apuntan, búscase “reducir as operacións dos abelleiros, reducindo con eles os custes operativos e os gastos directos, que dadas as características de Galicia representan case o 70% dos custes produtivos”.

O plan de traballo do proxecto, indican por último desde a súa organización, inclúe liñas de actuación que converxen “na redución de custes para as explotacións, na diversificación da produción, no uso eficiente dos recursos, na mellora dos servicios de polinización nos ecosistemas agrarios, na redución do impacto do cambio climático na agricultura galega e no uso das novas tecnoloxías”.