DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para o presidente do Consello Social da UVigo “supón unha gran satisfacción persoal e profesional”

Ernesto Pedrosa, nomeado vocal do Consejo Ejecutivo de la Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas

O cargo implica a representación e xestión dos cometidos dos consellos sociais

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Universidade e empresa
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 15/04/2026

Constituída hai 21 anos, a Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas ten a finalidade de impulsar as políticas que reforcen o papel social das institucións de educación superior. Integrada, neste intre, polos consellos sociais de 48 universidades públicas e dos consellos e padroados de oito privadas, a Conferencia ten entre as súas funcións máis destacadas a supervisión e aprobación dos orzamentos de cada universidade, así como da súa oferta académica. 

Cunha nova presidenta, Ángela Santianes, recentemente elixida, a Conferencia renovou o seu Comité Ejecutivo, no que entrou a formar parte como vogal, o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa Silva, para quen “este nomeamento supón unha gran satisfacción persoal e profesional e entendo que un recoñecemento á miña longa traxectoria e implicación tanto no Consello Social da UVigo, como presidente do mesmo, e neste caso especialmente na Conferencia de Consejos Sociales de España”.

En reunións mensuais ou cada mes e medio, Pedrosa, ademais das cuestións que se tratan na orde do día, sinala que “sempre procuro expor os temas de interese que se producen na UVigo e no seu Consello Social, co que isto supón para a visibilidade do que se fai en ambas as dúas institucións e tamén fago propostas para que se poidan levar a cabo conxuntamente coa Conferencia, algunha das que se materializan con éxito”. 

Un papel relevante nunha contorna en continua transformación

O novo vogal do Comité Ejecutivo agradece a Ángeles Santianes que o propuxera para formar parte deste órgano da Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas, que destaca, que nesta nova etapa “diríxese a desempeñar un papel cada vez máis relevante como espazo de encontro entre a Universidade e a Sociedade”, nunha contorna condicionada pola aceleración do cambio tecnolóxico e a crecente competencia nacional e internacional polo talento e a aparición de novas formas de xeración e transferencia do coñecemento, que redefinen o papel das universidades.

“A Conferencia nos últimos anos experimentou un proceso de consolidación institucional que reforzou a súa presenza pública e a súa interlocución co Ministerio e o resto de administracións e o empresariado, para intentar consensuar as cuestións de relevancia para as universidades e a súa contorna social”, explica Ernesto Pedrosa, que sinala como un obxectivo prioritario “conseguir unha Universidade máis aberta á sociedade e uns novos modelos de formación nun mundo cambiante, entre os que se pode destacar como novidade a formación dual ou a promoción da aprendizaxe para toda a vida”. 

A elaboración de informes e a participación en foros especializados e unha presenza activa nos debates do presente e do futuro da Universidade, son outros cometidos da Conferencia que sinala Pedrosa, que destaca, por exemplo, a recente sinatura dun convenio coa CEOE para reforzar a colaboración entre o sistema universitario e o tecido produtivo e auspiciar iniciativas orientadas a mellorar a empregabilidade, a transferencia de coñecemento, a innovación e o mundo dixital.

Balance 15 de anos á fronte do Consello Social da UVigo

Pedrosa exercerá as súas funcións como vocal do Consejo Ejecutivo de la Conferencia de Consejos Sociales de las Universidades Españolas en paralelo ao desempeño da presidencia do Consello Social da UVigo, cargo que ostenta desde hai 15 anos. “O  balance que debo facer é excelente. Sempre mantiven unha magnífica relación persoal e institucional con todos os reitores e os seus equipos de goberno e por outra banda, sempre conseguimos unha gran harmonía entre os 31 membros que formamos o Consello Social, que creo que ademais somos o consello social de España con maior asistencia a plenos e comisións”, destaca Pedrosa, que tamén agradece a colaboración e receptividade do presidente da Xunta, do conselleiro de Educación e do secretario xeral de Universidades.

Entre os que considera algúns dos logros máis destacados do Consello Social que preside, Pedrosa sinala a elaboración de estudos e actividades, entre os que destaca a creación do Observatorio de Egresados, a Comunidade Alumni e os seu premios anuais, os Premios UVIGO Humana e “os estudos realizados sobre a repercusión que achega a UVigo a súa contorna, tanto social como economicamente, e a atención preferente ao alumnado e ás súas necesidades e reivindicacións, como é actualmente a promoción de posibilidades de aloxamento, especialmente mediante a creación de novas residencias universitarias”. 

Moitos plans e os mellores desexos aos candidatos á Reitoría 

Co vista posta no presente e tamén no futuro, o presidente do Consello Social da UVigo incide na necesidade dunha maior apertura á sociedade e unha maior interrelación entre universidade e a contorna onde se localizan os campus, como prioridades do órgano que dirixe. “Tamén debemos estar moi atentos e preparados á realidade actual do mundo dixital, da IA e todo o que implica nun mundo global e cambiante cada día”, enumera Pedrosa, que tamén insiste na importancia dunha maior implicación e achegamento entre universidade e empresa e a adecuación dos estudos ao mercado laboral. 

“Realmente teño moitos plans e expectativas. A miña enorme ilusión e implicación está intacta”, asegura o presidente do Consello Social da UVigo, que avoga por consolidar a estrutura do persoal técnico e administrativo do Consello e demais colaboradores e abrirse máis á sociedade e ás empresas, mantendo a súa implicación co alumnado. 

“Xa por último, deséxolle moita sorte a os tres magníficos candidatos a reitor ou reitora nas próximas eleccións. Estou seguro de que calquera que sexa o elixido ou elixida, desempeñará unha excelente labor na nosa querida Universidade de Vigo”, asegura o presidente do Consello Social.