DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase do 21 ao 23 de marzo no auditorio do Concello 

Escalada en Alaska, lumes e emerxencia climática, protagonistas do II Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade de Vigo 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 14/03/2023

Promovido polo Club Peña Trevinca, coa colaboración da Universidade e do Concello de Vigo a segunda edición do Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático Cidade Vigo desenvolverase entre os día 21 ao 23 de marzo no Auditorio do Concello. A escalada en Alaska, os lumes e a emerxencia climática son os temas nos que se centrará a segunda edición do ciclo programado arredor da celebración o 26 de marzo do Día Mundial do Clima. Tres relatorios, impartidos por mulleres, e a proxección de dous documentais conforman o programa do ciclo deste ano, que arrancará o martes 21 coa deportista catalá Silvia Vidal e continuará ao día seguinte coa enxeñeira forestal pola UVigo, membro de Adega e experta en lumes forestais, Jenifer Souto. O día 23 a catedrática en Xeografía pola Universidad de Sevilla e investigadora en cambio climático, Mª Fernanda Pita, será a encargada de pechar o ciclo, que comenzou o ano pasado como unha iniciativa do Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia, co obxectivo de sensibilizar aos socios e socias do club, e o público en xeral, na defensa do medio ambiente.

Na presentación do ciclo, celebrada este mediodía no Concello de Vigo, Nuria Rodríguez, edil de Medio Ambiente destacou o éxito da primeira edición e agradeceu que Trevinca aceptase a suxestión de, pola proximidade do evento co 8M, contasen cunha presenza destacada de mulleres no evento. “Que o segundo ciclo sexa tan prolífico como foi o primeiro e que cada vez teñamos máis público e máis coñecemento”, desexou a titular de Medio Ambiente aos organizadores. Pola súa banda, Lois Faro, presidente de Trevinca destacou a sensibilidade do club co medio ambiente, que se traduce na realización de diversas actividades ao longo do ano promovidos pola súa vocalía centrada en cuestións medioambientais. “Logo de traer o ano pasado a tres homes, decidimos este traer a tres mulleres punteiras, cada unha na súa actividade, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre o medio ambiente e o cambio climático para minorizalo o máximo posible”, dixo Faro, que agradeceu a colaboración da UVigo e do Concello. A directora da Oficina de Medio Ambiente da UVigo, Delfina Couce, lembrou as funcións da área que dirixe e as actuacións que desenvolve, como “aforro de recursos enerxéticos, erradicación de invasoras, conservación, etc.”, ao tempo que puxo en valor a colaboración que desde hai anos manteñen co Club Peña Trevinca. 

Tres días para gozar e reflexionar sobre o medio ambiente

Tres relatorios, impartidos por mulleres, e a proxección de dous documentais conforman o programa do ciclo deste ano, que arrancará o martes 21 de marzo coa deportista catalá Silvia Vidal, referente da escalada e o alpinismo a nivel mundial. Medalla de ouro da Real Orden do Mérito Deportivo en 2022, Piolet D’Or en 2021, Silvia Vidal foi nomeada o pasado mes de febreiro Miembro de Honor de la Sociedad Geográfica Española. Alaska en solitario é o título da presentación da deportista, cuxas expedicións ao Himalaya, Karakorum, Isla de Baffin, Patagonia ou Tailandia son un encontro puro entre o ser humano e a natureza, sen aditivos tecnolóxicos. Na súa intervención, Silvia Vidal, achegará ás persoas asistentes como foi a experiencia abrindo unha nova vía en solitario en Alaska, cargando 150 quilos, cruzando ríos, sen radio, sen teléfono e sen GPS. O coordinador da vocalía de Medio Ambiente e expresidente de Trevinca, Carlos Garrido, será o encargado de conducir a intervención de Silvia Vidal

O mércores 22 os incendios centrarán a segunda xornada do ciclo, que comezará coa proxección do corto documental O Son do Courel, ao que seguirá un relatorio da enxeñeira forestal pola UVigo, membro de Adega e experta en lumes forestais, Jenifer Souto. A responsable da vocalía de Medio Ambiente de Trevinca, Cristina Fernández, conducirá a intervención de Jenifer Souto, na que a enxeñeira forestal falará do pasado, presente futuro dos incendios forestais en Galicia.

A derradeira xornada estará protagonizada pola catedrática en Xeografía pola Universidad de Sevilla e investigadora en cambio climático, Mª Fernanda Pita, que porá en tela de xuízo a estratéxica que se está a seguir, dende quen toma as decisións, ata quen debe ser verdadeiramente o axente de cambio. Emerxencia climática. O estamos a facer ben? é o titulo da derradeira xornada do ciclo, que será presentada pola directora da Oficina de Medio Ambiente da UVigo, Delfina Couce.