DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coas adaptacións que esixe a crise sanitaria, desenvólvese no campus un curso de iniciación

Escalando en tempos de pandemia

O obxectivo do taller é que o alumnado poida practicar con autonomía escalada en rocódromo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 30/11/2020

Cunha redución do seu número de prazas para ampliar as distancias entre participantes e coa adopción das medidas recollidas no protocolo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, a crise sanitaria non impediu que nestas semanas se desenvolva no campus unha nova edición do curso de iniciación á escalada en rocódromo. Inserido na programación de obradoiros da Vicerreitoría para este primeiro cuadrimestre, esta iniciativa leva a cabo, nos meses de novembro e decembro, as súas diferentes sesións na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e ten como obxectivo achegar aos e ás participantes os coñecementos necesarios para que, unha vez rematado o obradoiro, poidan practicar con autonomía esta modalidade deportiva.

“Trátase dun curso no que podes partir de cero e a idea é que saias cos contidos necesarios, en canto a seguridade e progresión, para que, ao día seguinte, poidas ser xa autónomo na práctica de escalada”, sinala o técnico deportivo José Juan Domínguez, docente principal deste curso dirixido polos profesores da facultade Águeda Gutiérrez e Diego Alonso. De carácter fundamentalmente práctico e de 30 horas de duración, este obradoiro pon o foco en primeiro termo nos materiais de seguridade e nos diferentes aspectos que deben ter en conta tanto a persoa que vai ascender polo rocódromo, como o “asegurador”, a persoa que permanece en terra. “Trátase dun deporte no que a seguridade depende do compañeiro que está debaixo”, lembra Domínguez, o que leva a que a formación deba centrarse en primeiro termo en proporcionar un coñecemento previo dos materiais para logo ir progresivamente introducindo aos e ás participantes no seu manexo a través do uso de cordas de seguridade. De feito, como explica este técnico deportivo en montaña e escalada, guía nacional de escalada en rocha e responsable de tecnificación en escalada da Federación Galega de Montañismo, “un curso estándar de iniciación ten 16 horas lectivas”, polo que a maior extensión deste obradoiro contribúe tanto a “afianzar estes contidos, como, sobre todo, a ter máis horas de práctica”.

Unha edición marcada pola covid-19

A quinta edición deste obradoiro vén marcada tamén pola situación sanitaria, que obrigou, en primeiro termo, a reducir de 15 a 10 o seu número de prazas, “para que houbese máis distancia entre os escaladores”, como explica Gutiérrez. Do mesmo xeito, baseándose no protocolo covid-19 aprobado pola federación española, implantáronse unha serie de medidas como que as e os participantes “non poidan cambiar de compañeiro”, de tal xeito que en todas as sesións se manteñan as mesmas parellas de alumnos e alumnas que exercen, alternativamente, como escalador e asegurador. Así mesmo, xunto ao uso de magnesio líquido en lugar de en po, estableceuse tamén un protocolo de uso dos materiais, que cada participante garda tras cada sesión en bolsas co seu nome, de tal xeito que sempre empreguen o mesmo. 

Un deporte que gaña adeptos

Ao igual que en anteriores edicións, este obradoiro completou o número de prazas ofertadas, “que xa estaban cubertas na primeira semana de inscrición”, o que, como sinala Gutiérrez, amosa o interese que esperta unha disciplina que nos Xogos de Tokio, que a covid-19 obrigou a adiar a 2021, será olímpica por primeira vez. “Isto vai facer que se enganche aínda máis xente”, engade a codirectora deste obradoiro, ao que asiste tanto alumnado das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Fisioterapia como persoas alleas á comunidade universitaria. “A maioría da xente que fai o curso, logo fedérase e segue escalando, o que para nós é moi satisfactorio”, engade Gutiérrez. De feito, o pasado curso organizouse por primeira vez, para o segundo cuadrimestre, un obradoiro de escalada en rocha, que cubriu as súas prazas con participantes en diferentes edicións deste curso de iniciación e que finalmente a situación xerada pola pandemia impediu levar a cabo.